30.12.07


Meigas na Biblioteca
Parece que para rematar o ano andan as 'Meigas' pola nosa biblio. Esta é unha 'meiga boa' que che vai permitir ver por internet o catálogo da biblioteca para que escollas o que máis che guste: ano novo programa novo!!
Aparecerán os últimos 50 volumes catalogados, pero tamén poderás buscar, usando a caixiña en branco da esquerda, un título ou un autor ou autora. Se escolles 'materia' podes escoller o tipo de libros: medo, amor, aventuras...
Incluso podes reservar o que che interesa por internet, para que non cho leve ninguén, usando o teu DNI (se temos o número na biblio) e o teu número de lector/a.
Anímate e navega un pouco polo catálogo, verás que é moi fácil saltar dunha cousa a outra. Non tes máis que picar na dereita, onde pon O catálogo da Biblioteca.

22.12.07

BO NADAL
A Biblioteca do IES Pedra da Aguia quere desexarvos un Bo Nadal e un Feliz Ano Novo.
E por suposto unhas Felices Lecturas: u
n libro, un amigo.

Ah! E para axudarvos coas panxoliñas podedes practicar aquí: picando unha vez en cada un cantan e con outra paran!

Decembro 07

18.12.07

Eses 'Chalados' cos seus tolos 'Libracos'

Para aqueles aos que lles gusta ter un libro nas mans é un gustazo saber que hai máis 'chalados' coas mesmas afeccións. Hai polo mundo adiante unhas pequenas vilas, chamadas "book towns" (as vilas do libro) onde moitos dos seus edificios están adicados ao libro: bibliotecas, librerías, salas de exposicións... e agora xa temos unha en España, a primeira: Urueña, na provincia de Valladolid.
Que? Animámonos a facer da Ponte unha Book Town??
Javier, o de Mates, mándanos máis fotos de vilas-libro:
BubbleShare: Share photos - Delicious Christmas Recipes.

10.12.07

NOVA PUBLICACIÓN

acaba de saír o número 0 dunha nova publicación no insti: O REXUBEIRO. Polo módico prezo de 0'50 € podedes ter información fresquiña, de primeira man, sobre o que acontece no IES, sobre a música que vos gusta, as series, os actores... e os rexoubos!!
Un pequeno grupo de alumnas/os forma o 'consello de redacción', encargado de darlle forma á revista. Elas e eles poden escribir artigos no rexubeiro, faltaría máis, pero, sobre todo, son os encargados de recoller as vosas colaboracións e darlles forma para que poidan sair na revista.
Asi que xa sabedes: animádevos a colaborar cos vosos textos, a falar das cousas que vos gustan. Imos facer que entre todos e todas a revista teña moita vida e que os seguintes números sexan cada vez mellores!
Benvido Rexubeiro!!

8.12.07

O HIMNO GALEGO

Hoxe, día 20 de novembro, hai cen anos da estrea do himno galego no Gran Teatro Galego da Habana, interpretado pola banda municipal desta cidade, seis meses despois de morrer Pascual Veiga que compuxera a música para un poema de Eduardo Pondal titulado Os Pinos.

Este ano celébrase o seu centenario, por iso no Instituto estivemos cantándoo, e de vez en cando escoitámolo polos corredores. Se premes aquí poderás baixalo en mp3 e ler o texto do poema.
Podes ver o ben que cantamos: