20.10.13

REUNIÓNS DE ARAOS
Como podedes ver na foto, tivemos hai uns días a reunión de Araos lectores para a entrega dos primeiros libros do curso. Os que aquí vedes son os Araos novos (os de 1º e 2º), estreando plumas. A colonia de Araos lectores vai en aumento, a pesar de que, hai xa uns anos, puxeramos este nome ao noso club pensando aquelo de que os araos eran especie en perigo de extinción e que cos lectores pasaría o mesmo. Pero non! Os lectores non se estinguiron, medraron. Que gustazo! E por certo, hai tamén uns días, coincidindo co arranque do Club Arao, puiden ver, en Camariñas, un arao (dos de plumas de verdade, eh?) nadando tan tranquilo no mesmiño porto!
A mensaxe está clara:  non hai quen poida cos Araos!

13.10.13

CON BRANCAS E NEGRAS
   Aproveitando a celebración do Torneo Internacional Entre Faros, de xadrez, do que falamos no post anterior, disfrutamos no centro dunha pequena charla-exhibición deste deporte.
 Estupendo foi ver como se pode xogar de costas ao taboleiro (e gañar) e tamén asistir a unhas partidas simultáneas nas que participaron alumnos e profesores. Evidentemente, perdemos case todas, pero algún houbo que fixo bastante bo papel. Tan bo foi o ambiente, e tanta xente se animou, que teremos na biblio, coa axuda de Carlos, o profe, unhas sesións de aprendizaxe para aqueles que comezan neste xogo/arte e tamén para os que aínda non saben 'batallar' nesta 'guerra'. Aproveitade para aprender, que logo teremos o torneo Escaques, xa sabedes!


5.10.13

XADREZ NA COSTA
    Estas semanas, en concreto durante tres fins de semana, do 5 ao 14 do outubro, teremos a oportunidade de ver en directo, en Fisterra, Camariñas e Muxía a cinco Grandes Mestres de xadrez, no "I Torneo Entre Faros", incluído o Campión de España, Iván Salgado acompañado do cubano Lázaro Bruzón, o húngaro Richárd Rapport, o búlgaro Iván Cheparinov e o mexicano Julio Granda, todos eles por riba dos 2.600 puntos ELO (unha barbaridade).  O torneo está organizado polo "Club de Xadrez Cabo Touriñán".
Ademais haberá actividades paralelas e mesmo o mércores teremos a Fran falándonos do xadrez no instituto. A ver se este ano temos aínda máis participantes no noso xa veterano "Torneo Escaques", e seguro que desta volta algunha rapaza se atreve tamén a xogar. Vémonos nas partidas!

26.9.13

EU ANDO,
TI ANDAS,
NOS ANDAMOS...

Anda queeee...!!  Foi corta a camiñata, todo o mundo pedía máis, e máis, e máis...
Non podemos queixarnos, o tempo respectounos moito e ata houbo algún atrevido/a que se meteu no mar. Querían darlle unha boa despedida ao verán!
A verdade é que, coma sempre, estas camiñatas están moi ben: poder falar coa xente sen historias de clase, notas e demais. Poder ver paisaxes ben bonitas e, para algúns, incluso coñecer sitios novos do noso concello ou arredores. E, coma sempre (e hai que decilo) case todo o mundo tivo unha actitude estupenda e o ambiente xeral estivo moi ben. Eu polo menos, paseino estupendamente. Que se repita!!

23.9.13

OLA DE NOVO!!
Xa estamos aquí, un ano máis. Saúdamos aos vellos coñecidos/as e damos a benvida aos rapaces e rapazas que comenzan este ano a súa andadura connosco. Temos tamén, como non, un recordo moi especial (bágoa deslizándose meixela abaixo...) para os que marcharon o curso pasado hacia novas aventuras. Seguro que lles irá moi ben!
Desde a biblio tamén queremos desexarvos un curso moi bo a todas e todos e, aínda que isto non é ningunha Guerra nin estamos noutra Galaxia, queremos decirvos: que a forza te acompañe (e os aprobados tamén)!!
BENVIDOS