20.11.13

CIENCIA CURIOSA
CIENCIA SABROSA
Rematamos estes días a exposición (e algo máis) sobre Ciencia que fixemos aproveitando o lema deste ano nas Bibliotecas Escolares: Ler ciencia na biblioteca escolar. Da man de Xaquín, o profe de Naturais, puidemos ver uns cantos libros da biblio nos que ler ciencia e, sobre todo, uns cantos exemplares "curiosos" que permitiron un achegamento máis divertido á Ciencia, e tamén algún exemplar "dos tempos de Maricastaña", é dicir, dos tempos nosos como alumnos. Foi unha boa forma de ver como cambiaron, por sorte, os libros e as bibliotecas,
Por outra banda, como non só de ler se vive, tamén houbo un grupo que puxo en práctica aquelo de que a experiencia é a nai da ciencia e marcharon ao monte, guíados pola man expertísima de Manuel Pose, autor de auténticas "enciclopedias" sobre os cogomelos (e xa, que pena, ex-pai de alumna: un bico grande, Laura) para localizar e catalogar os cogomelos que podemos atopar na nosa zona. Gracias, Manolo, por tan boa disposición. Tomámosche a palabra para futuras colaboracións, que sabemos que os teus saberes non se limitan a un só campo.

10.11.13

ARAOS SONOROS
Os clubs de lectura estanse a converter, especialmente os de adultos, en lugares de reunión social, de intercambio de ideas e sensacións, de novas experiencias. Son unha combinación perfecta do íntimo, no momento da lectura en solitario, coa a proxección cara ao exterior no momento de intercambio de opinións e comentarios. Cantas veces o libro escollido no club danos a oportunidade de descubrir máis alá da literatura en si mesma, que xa é dabondo, novas cousas, novos lugares, situacións, experiencias, nova xente.
Non é mal exemplo do que digo a última reunión do noso club en torno aos volumes de “Con sabor a canela”, que nos permitiu coñecer e entrar en contacto con Ramón Blanco, un luthier de orixe galega (da que presume) e afincado en Caracas desde hai anos. Que sorpresa descubrir primeiro que o personaxe no libro correspondía a unha persoa real, logo saber que continúa a fabricar instrumentos musicais e, ademais, ser un moi coñecido escalador, de fama mundial, que sigue escalando aos seus 80 anos e participando en maratóns de montaña! Entrañable Ramón, lector empedernido (envía foto da súa “biblioteca”) tan interesado en que lle contemos como é iso dos clubs de lectura, que onde estamos, que canta xente hai, que si hai rapaces nos clubs...
E para remate unha explicación excelente por parte de Charo, que tivo a ben traernos o seu violoncelo (o seu neno querido) e que ademais de informarnos tan amenamente sobre a súa construción, partes e materiais, tocounos unha pequena peza en directo e permitiunos probar a sacar algún son do instrumento. Toda unha experiencia.
Grazas aos dous, Charo e Ramón, por unha tarde tan completa e tan agradable.
Araos Sonoros on PhotoPeach

23.10.13

Que medo me das!!

Xa temos aquí o Samaín (ou Halloween) e temos tamén o Certame de Micro-relatos de medo. Este ano, curiosamente, temos máis de 2º ciclo que do primeiro. Será que os novos teñen poucas gañas de obter premios!
Tedes 30 relatos 30 (coma nos touros) para escoller aqueles que máis "horrorosos" vos parezan. Lástima de dous deles, que non cumpriron as bases e non poden optar ao premio!
Os escritores/as en castelán e outras linguas foron máis "tímidos/as" que outros anos (coa ilusión que lle facía a Dan). Seguro que o próximo ano teremos máis valentes/as.
 Logo do relato Nº 30 tedes un enlace para unha enquisa (e tamén na barra lateral do blog) na que podedes marcar un máximo de tres relatos. O que obteña máis votos será o vencedor  e obterá o "Premio do público". Aquí están os relatos, que pasedes moito medo!!:

20.10.13

REUNIÓNS DE ARAOS
Como podedes ver na foto, tivemos hai uns días a reunión de Araos lectores para a entrega dos primeiros libros do curso. Os que aquí vedes son os Araos novos (os de 1º e 2º), estreando plumas. A colonia de Araos lectores vai en aumento, a pesar de que, hai xa uns anos, puxeramos este nome ao noso club pensando aquelo de que os araos eran especie en perigo de extinción e que cos lectores pasaría o mesmo. Pero non! Os lectores non se estinguiron, medraron. Que gustazo! E por certo, hai tamén uns días, coincidindo co arranque do Club Arao, puiden ver, en Camariñas, un arao (dos de plumas de verdade, eh?) nadando tan tranquilo no mesmiño porto!
A mensaxe está clara:  non hai quen poida cos Araos!

13.10.13

CON BRANCAS E NEGRAS
   Aproveitando a celebración do Torneo Internacional Entre Faros, de xadrez, do que falamos no post anterior, disfrutamos no centro dunha pequena charla-exhibición deste deporte.
 Estupendo foi ver como se pode xogar de costas ao taboleiro (e gañar) e tamén asistir a unhas partidas simultáneas nas que participaron alumnos e profesores. Evidentemente, perdemos case todas, pero algún houbo que fixo bastante bo papel. Tan bo foi o ambiente, e tanta xente se animou, que teremos na biblio, coa axuda de Carlos, o profe, unhas sesións de aprendizaxe para aqueles que comezan neste xogo/arte e tamén para os que aínda non saben 'batallar' nesta 'guerra'. Aproveitade para aprender, que logo teremos o torneo Escaques, xa sabedes!