30.11.13

SESIÓN CONTINUA
Os Araos andan en sesión continua, como naqueles tempos nos que nos cines podías ver dúas películas, unha a continuación da outra, coa mesma entrada. Desta volta foi algo distinto. Primeiro os Araos vimos na biblioteca a primeira parte de "Los juegos del hambre" e logo, xa na sala de cine de Cee, a segunda parte "En llamas".  Sentímolo moito polos Araos que non puideron asistir, por mor dun super-mega-ultra exame que os deixou sen cine, mágoa! Perderon tamén a oportunidade de probar a estupenda tarta que degustamos na primeira sesión (seica había alguén de "cumple"..., grazas, Lupe e compañía) e a tanda de flocos de millo (palomitas) na segunda. Total, que quedamos con moitas ganas de ver o desenlace da peli e que os libros segundo e terceiro da triloxía non teñen descanso nos andeis esta tempada. Repetirase no curso esta coincidencia de lectura e peli? Estarían dispostos os Araos a "sacrificarse" de novo? Que a sorte estea sempre da vosa parte!
Sesión Contínua on PhotoPeach

24.11.13

25 de novembro
Día Internacional  contra a violencia de xénero

PERIGOSO RETROCESO
Ao mellor moit@s credes que o machismo é cousa do pasado, pero estudos recentes demostran que o machismo está medrando entre @s adolescentes:
Un 10,5% das mozas de 14 a 19 anos recoñecen que foron maltratadas polos seus noivos, un 6,2% din verse obrigadas a prácticas sexuais que non desexaban, un 14,6% foron ameazadas polas súas parellas até sentir medo e un 23,2% foron insultadas e ridiculizadas.
Un 36,3% pensa que os celos son unha expresión de amor, o 11,7% dos mozos cren que está ben que os homes saian con moitas mozas, pero non ao revés. Unha de cada catro mozas afirma que o seu noivo a controla a través do móbil. Hai moitas formas de facelo: “envíame un WhatsApp cando chegues”,”faime unha videochamada”, “pon o localizador”…
Un consello: Non dar as claves de acceso ás redes e non enviar fotos que, cando a relación se torce, poden ser mal utilizadas.

20.11.13

CIENCIA CURIOSA
CIENCIA SABROSA
Rematamos estes días a exposición (e algo máis) sobre Ciencia que fixemos aproveitando o lema deste ano nas Bibliotecas Escolares: Ler ciencia na biblioteca escolar. Da man de Xaquín, o profe de Naturais, puidemos ver uns cantos libros da biblio nos que ler ciencia e, sobre todo, uns cantos exemplares "curiosos" que permitiron un achegamento máis divertido á Ciencia, e tamén algún exemplar "dos tempos de Maricastaña", é dicir, dos tempos nosos como alumnos. Foi unha boa forma de ver como cambiaron, por sorte, os libros e as bibliotecas,
Por outra banda, como non só de ler se vive, tamén houbo un grupo que puxo en práctica aquelo de que a experiencia é a nai da ciencia e marcharon ao monte, guíados pola man expertísima de Manuel Pose, autor de auténticas "enciclopedias" sobre os cogomelos (e xa, que pena, ex-pai de alumna: un bico grande, Laura) para localizar e catalogar os cogomelos que podemos atopar na nosa zona. Gracias, Manolo, por tan boa disposición. Tomámosche a palabra para futuras colaboracións, que sabemos que os teus saberes non se limitan a un só campo.

10.11.13

ARAOS SONOROS
Os clubs de lectura estanse a converter, especialmente os de adultos, en lugares de reunión social, de intercambio de ideas e sensacións, de novas experiencias. Son unha combinación perfecta do íntimo, no momento da lectura en solitario, coa a proxección cara ao exterior no momento de intercambio de opinións e comentarios. Cantas veces o libro escollido no club danos a oportunidade de descubrir máis alá da literatura en si mesma, que xa é dabondo, novas cousas, novos lugares, situacións, experiencias, nova xente.
Non é mal exemplo do que digo a última reunión do noso club en torno aos volumes de “Con sabor a canela”, que nos permitiu coñecer e entrar en contacto con Ramón Blanco, un luthier de orixe galega (da que presume) e afincado en Caracas desde hai anos. Que sorpresa descubrir primeiro que o personaxe no libro correspondía a unha persoa real, logo saber que continúa a fabricar instrumentos musicais e, ademais, ser un moi coñecido escalador, de fama mundial, que sigue escalando aos seus 80 anos e participando en maratóns de montaña! Entrañable Ramón, lector empedernido (envía foto da súa “biblioteca”) tan interesado en que lle contemos como é iso dos clubs de lectura, que onde estamos, que canta xente hai, que si hai rapaces nos clubs...
E para remate unha explicación excelente por parte de Charo, que tivo a ben traernos o seu violoncelo (o seu neno querido) e que ademais de informarnos tan amenamente sobre a súa construción, partes e materiais, tocounos unha pequena peza en directo e permitiunos probar a sacar algún son do instrumento. Toda unha experiencia.
Grazas aos dous, Charo e Ramón, por unha tarde tan completa e tan agradable.
Araos Sonoros on PhotoPeach

23.10.13

Que medo me das!!

Xa temos aquí o Samaín (ou Halloween) e temos tamén o Certame de Micro-relatos de medo. Este ano, curiosamente, temos máis de 2º ciclo que do primeiro. Será que os novos teñen poucas gañas de obter premios!
Tedes 30 relatos 30 (coma nos touros) para escoller aqueles que máis "horrorosos" vos parezan. Lástima de dous deles, que non cumpriron as bases e non poden optar ao premio!
Os escritores/as en castelán e outras linguas foron máis "tímidos/as" que outros anos (coa ilusión que lle facía a Dan). Seguro que o próximo ano teremos máis valentes/as.
 Logo do relato Nº 30 tedes un enlace para unha enquisa (e tamén na barra lateral do blog) na que podedes marcar un máximo de tres relatos. O que obteña máis votos será o vencedor  e obterá o "Premio do público". Aquí están os relatos, que pasedes moito medo!!: