26.1.14

REMEDIO EFICAZ
Xa o sabiamos, pero non deixa de sorprender que haxa quen o explique tan ben explicadiño. Por se tiñas dúbidas:


(Vía: CPI Viaño pequeno)

24.1.14

CORRE, CORRE
Por fin puidemos disfrutar dun día de Campo a través, logo da suspensión da actividade no decembro pasado. E a verdade é que o tempo portouse bastante ben, aínda que todos, ou case, tiveran que pasar polos vestiarios para quitar dos pés e do corpo os restos de barro do circuito.
Fomos un mogollón a Cee, probablemente o centro con maior participación, e incluso chegamos ao insti con algunhas medallas colgadas do pescozo. E iso a pesar do medo de máis dunha a meter os pés, coas zaptillas limpiñas e brancas, nos charcos do camiño. Mira que costou convencelas de que aquelo era "campo a través" e on nunha competición sobre moqueta... pero fóra bromas, o ambiente estivo moi ben e todos souberon "estar a altura". Só queda felicitar aos participantes e animalos a repetir!

21.1.14

VELANDO ARMAS
Xa están os cabaleiros, cos seus cabalos brancos e negros, velando armas en preparación para o Torneo que se celebrará en breve. Ademais, este ano, temos de novo entre nós ás Damas do Xadrez: había tempo que non tiñamos damiselas no torneo. Pero este ano, Ariana e Paula veñen dispostas a demostrar que o xadrez non é só cousa de homes, que as Damas tamén pisan forte cando se fala de tácticas e estratexías.
Hai que animar tamén aos de primeiro, que se inician nestas lides: non sempre ser maior implica xogar mellor. Torres máis altas teñen caído! Ademais, como vas a gañar algún día se antes non te atreves a xogar e perder unhas cantas partidas? En fin, iremos dando conta das batallas que se celebren nesta "guerra" sen sangue.

22.12.13

REMATANDO O ANO
Xa temos aquí de novo outro fin de ano. Rematou o trimestre e hai que despedilo ao grande, preparando o corpo e o ánimo para as festas que nos agardan axiña.
Desta volta David organizou (grazas David, vaia traballiño) un fin de festa completísimo, coa axuda inestimable de Brey e a súa guitarra -sen esquecer a Javier- e dos participantes nas actuacións. Cada ano que pasa asómbrome máis das capacidades e das habilidades do noso alumnado, sexan musicais ou teatrais. Aquí deixo unhas fotos (María e a súa cámara) e un pequeno vídeo-mostra. O completo estará a disposición nos ordenatas da biblio, coma sempre.
FELIZ NADAL

15.12.13

O NOSO FARO VILÁN
80 anos de "Sitio de Interese Nacional "
Como ben sabemos todos nós o noso faro do Cabo Vilán é un dos máis fermosos do "mundo mundial". Porque nos sentimos orgullosos del puxémoslle o seu nome a este blog da nosa biblioteca e chamámoslles Araos ao nosos clubes de lectura, pois os araos viven nos cantís sobre os que se asenta o faro.
faro Vilán é o faro eléctrico máis antigo de España (1896) e presenta a singularidade de ter unha torre octogonal de 25 m de altura que está separada do edificio  e situada a unha altura de 100 m sobre o nivel do mar. A comunicación entre o edificio e a torre ten lugar percorrendo un túnel construido sobre as rochas. O faro primitivo luciu por primeira vez no ano 1854. O novo foi proxectado en 1860, pero non empezaría a construirse ata 1891 despois do naufraxio do Serpent en novembro de 1890.
O enclave do faro  foi declarado de Sitio de Interese Nacional no ano 1933, hai agora 80 anos, por iso a Asociación de Empresarios de Camariñas está organizando unhas actividades moi interesantes e estrea unha web que podedes visitar picando neste enlace http://farovilan.com/