7.12.14

LOGO DO MES DA CIENCIA EN GALEGO...
Primeiro foi o mes da Ciencia en Galego, novembro, que parece que algúns aínda pensan que en galego non se fai ciencia! Pois tivemos unha boa mostra de ciencia do máis variado, con temática de practicamente todas as materias "científicas" do centro. E poño "científicas" entre comiñas porque penso que xa somos moitos os que cremos que todo forma parte dalgunha ciencia e que a división "clásica" entre Ciencias e Letras está quedando obsoleta. Estaremos voltando aos valores do Renacimento?

22.11.14

NON Á VOLENCIA DE XÉNERO
Como cada ano as Bibliotecas Escolares de Galicia súmamonos á campaña Contra a Violencia de Xénero. Facémolo todos os días do ano, pero é especialmente importante recordalo nesta data, o 25 de novembro, no Día Internacional contra esta praga.
Preocúpanos especialmente a posibilidade de que os e as adolescentes continúen con estas actitudes machistas que parecen (ou deberían ser) cousa da prehistoria. Moitas veces os medios de comunicación, na publicidade, por exemplo, (e desto saben moito os de "marketing") preséntan á muller como unha "cousa", unha especie de "premio" para o macho máis machito. Incluso moitas veces nos libros de éxito entre adolescentes é o home o que ten a parte activa, decisiva, aínda que cada vez hai máis, afortunadamente, no que son elas as que levan o peso da historia.
Estamos seguros de que os nosos adolescentes, especialmente elas, son capaces de diferenciar con claridade a ficción (publicitaria, narrativa...) da realidade, e nunca admitirán unha relación machista.
Deixo aquí un vídeo  que me parece interesante sobre este tema. Atrévome a pedirvos que o miredes con atención.
Ademáis todo Camariñas di NON á violenciade xénero. Participa lanzando o teu chío coa etiqueta  #camariñasdiNON, ou entrando no Facebook.

(Vía Coordinadora de Mulleres de Valladolid)

20.11.14

REVISITANDO O LAZARILLO
 Hai uns días que un lote (un gran lote) de alumnos/as de 1º e 2º fomos a Santiago para asistir á representación de "El Lazarillo de Tormes", obra que se estivo a ler nas clases de Castelán. A algúns decepcionoulles que a obra representada no escenario se parecese tan pouco á película que coñecían das clases. Pola contra a outros pareceunos un gran traballo dos actores, sobre todo cando explicaron que respectaban a forma de facelo propia da época na que se sitúa o relato.
Completamos a visita cun pequeno "tour" pola chamada Cidade da Cultura, que algúns xa coñecían e para outros foi novidade. Os meigallos (realizados polos profes implicados na excursión a noite anterior) tiveron o efecto esperado e, a pesar das previsións, retornamos "en seco" e a tempo ao Instituto. Quen dá máis nun só día?

13.11.14

reSeteando
Ou reCogumeleando, para entendernos. Saír ao monte, localizar os cogomelos, diferenciar con claridade algún dos comestibles e con precisión os tóxicos, respetar o entorno, favorecer o crecemento de novos exemplares... 
É certo que hai xa uns días do acontecemento, pero a verdade é que é unha actividade ben interesante e que cada vez ten máis adeptos por estas terras, así que non podía resistir a tentación de deixar constancia aquí desta actividade, nin deixar de agradecer a colaboración de Manuel Pose, un auténtico especialista, un dos mestres das setas (entre outras varias cousas), compoñente da sociedade Pan de Raposo. Alguén se anima a preparar un revolto de cogomelos?


10.10.14

QUE MEDO ME DAS!!
Levamos xa uns días de outubro e vai chegando a hora do medo! O xurado do certame de micro-relatos "Que medo me das!!" está impaciente por botarse a tremer lendo as arrepiantes historias do noso alumnado.
Este curso temos a novidade de que as historias que inventedes teñen como punto de partida unhas imaxes, no sitio das palabras ou frases habituais outros anos, que esperamos que sirvan para espertar a malévola imaxinación dos nosos zombies... digo, dos nosos alumnos.
Aquí deixamos as imaxes para que vos sirvan de expiración, digo de inspiración, e ollo ás bases da convocatoria que tedes nas aulas!
Que teñades horribles soños!
Imaxe 1

Imaxe 2

Imaxe 3

Imaxe 4