21.1.15

TEMPO DE POEMAS
Esta tarde tivemos tempo para a poesía. Tivemos tempo para a charla, tempo para o intercambio, tempo para opinar, para diferir, para acordar, para os sentimentos, para os sentidos.
Foi un pracer ter conosco, co Club Arao, a Juan Besada e o seu xeito de mirar a vida, de mirar as persoas, co seu ir, co seu pararse, co seu dicir e escoitar e o seu volver de novo, para non perderse nada, para non pasar páxina antes de ter disfrutado de cada momento, de cada sensación.
Poesía de proximidade, carnal, etérea. Na que identificarte, que te identifica. Mundos paralelos que, non obstante, te explican. Literatura.
 Grazas, Juan, e grazas aos membros do club que sempre conseguen sorprenderme, a pesar do tempo compartido, coa súa sensibilidade e a súa capacidade de acollida. O dito: un pracer.

18.1.15

MY ENGLISH FRIENDS
Alá fomos, buscar aos nosos amigos ingleses. Atopámolos en Santiago, nun escenario teatral. E polo que me contan parece que o persoal pasouno ben e ademais, sorpresa, moita xente entendeu moito do que alí se falaba.
A verdade é que hai que felicitar ao alumnado que nos acompañou, que demostraron unha vez máis que saben comportarse (cando queren) como debe ser e sempre mellor que outros centros que por alí andan. Tamén hai que agradecerllo aos "pastores" do "rabaño de cabras" (éramos máis de cen!!) que se brindaron a acompañarnos. O único que nos sobrou foi algo de chuvia, que a collemos toda. Non podía faltar a comida e as compras, como non, no centro comercial. Habería vida antes dos centros comerciais!! Eu teño as miñas dúbidas! As fotos, ao completo, xa sabedes onde.

26.12.14

BOAS FESTAS e
MELLOR 2015
Xa estamos a rematar o 2014, xa andamos roendo no turrón, xa temos preparadas as uvas e... xa pasamos o primeiro trimestre do ano escolar! Agora temos que comezar o novo ano con forzas novas e con gañas, para que sexa un bo ano, que seguro que si. Despedimos o trimestre con moitos sorrisos, e ben merecidos, olvidados xa os nervios de principio de curso, con gañas de vacacións pero pode que tamén, escondidas no fondo dos petos, con gañas de volver: encontrarse de novo cos colegas, aprender cousas novas, facer un bo curso... Esperamos que Papá Noel, o Apalpador, os Reis ou quen vós queirades, traian, ademais dos agasallos, forzas renovadas para o ano que entra.
 QUE SEXA MOI FELIZ!!

8.12.14

... E O MES DO DEPORTE
Logo das Ciencias e das Artes tocáballe o turno ao deporte, que xa se sabe que non hai mente sana se non hai un corpo sano que a sosteña. Así que, como outros anos, alá nos fomos, a Cee, a darlle voltas ao campo de fútbol, todo primeiro (case) e todo segundo (case) en dous autobuses con destino ás medallas, que algunha caeu.
Santa paciencia a de Bruno repartindo dorsais, que algúns pensaban que os árbitros xa os ían recoñecer polo famosos que son na redonda... Coma sempre, as imaxes podedes collelas, estas e outras, nos ordenatas da biblio.
...CHEGA O MES DAS ARTES...
Efectivamente, logo do mes da Ciencia tócalle ao mes das Artes, especialmente a Música, a 7º arte, o cine, e á 9ª, o cómic. Empezamos cos Araos de 3º e 4º co visionado de  "Bajo la misma estrella", e continuando coa lectura de "La Ola" en formato cómic (que logo veremos en película).  Pouco despois fomos a Coruña, a escoitar un concerto da Sinfónica no que, aínda que pareza mentira, algúns disfrutaron bastante e ninguén saiu ferido. Ademais, mentres, os Araos Adultos tamén foron ao cine a ver a versión cinematográfica de "A esmorga", libro que lemos o ano pasado. De novo os de 3º-4º volven ao cine, desta volta en sala grande, para ver a primeira parte de "Sinsajo", xa que lemos e vimos o comenzo da saga tamén o curso pasado. Como vedes un mes completiño, e aínda nos queda algún que outro 'evento' importante no mesmo mes...