11.3.15

REGRESO AO PASADO
Grazas ao libro "A fraternidade de Eihwaz" de César Mallorquí os do club de lectura de 3º-4º tivemos a oportunidade de  retroceder no tempo este martes pola tarde. Primeiro demos un saltiño de nada, un par de miles de anos, para visitar o Castro de Borneiro, e logo outro saltiño máis, un pouco máis longo (uns mil e pico anos máis, ou así) para visitar o Dolmen de Dombate, señor dos dolmens galegos que últimamente, pese a súa avanzada idade, consérvase moi ben. Queremos darlle as grazas ao profesorado que nos cedeu as súas clases para poder facer esta viaxiña. Foi ben aproveitada.

25.2.15

PETANDO NA PORTA


Hoxe petounos na porta da biblioteca Xabier Docampo.
Entre as 3  e as 5:30 da tarde, Xabier someteuse ao interrogatorio (3º grao) dos lectores e lectoras do club de 1º e 2º, que  o acribillaron a preguntas e comentarios de todo tipo, e que el tivo a pacencia e vontade de contestar unha a unha. Non contento con isto, apagamos todas as luces de biblioteca e, á luz das velas, regalounos dous contos de misterio, contados ao xeito no que se contaban antes, ao calor do lume, con todos os rapaces calados coma petos. Logo disto e dalgunhas preguntas máis, rematou firmando exemplares e deixándose fotografar con cantos quixeron. Unha tarde estupenda en compaña dun gran escritor e defensor do noso, e dun amigo. Grazas, Xabier. Volve cando queiras!

19.2.15

ENTROIDO 2015
Xa comemos as filloas e as orellas e xa tomamos o cocido! Seguro que moitos volven ás aulas aínda coa perruca na cabeza e o disfrace a medio poñer, ou máis ben a medio quitar. Que se lle vai facer! Hai que tornar á realidade, pero "que nos quiten o bailao"!
E para recordar ese "bailao" nada mellor que ver unhas fotos ou un pequeno vídeo que nos sirva de memoria visual. Coma sempre, e xa van moitas veces este ano, grazas a tod@s por participar, polo bo humor e polo bo ambiente que se viviu na festa. Que siga!

(Música: Falcon 69 - The Easton Ellises)

12.2.15



 M4T3M3S
 Xa rematamos o M4t3m3s. Tivemos que esperar ao duro desenlace, a dura "batalla", entre dous grupos de 4º para ter o resultado final. No primeiro ciclo xa tiñamos un  grupo gañador desde o remate das probas do concurso: Arián, Juan e Martín. No 2º ciclo a "guerra" decantouse do lado de Claudia, Mirian e Thalía, que conseguiron formar a figura dun chinés coas sete pezas do tangram, en menos tempo que o equipo rival!
Foron catro semanas de facer números, usar a lóxica para atopar respostas, practicar o control espacial e máis cousas que tiveron aos participantes (bravo por eles/as) ben "enrollados" para conseguir a máxima puntuación posible. Visto o resultado, teredes que convencer a Rosana e demais compoñentes do equipo de biblio para que repita o concurso o ano próximo!!
Felicidades campións e felicidades a todos os participantes.

9.2.15

De POESÍA, CRIMES e OUTRAS HERBAS
 Pois así pasa no club de lectura e así pasa cos lectores, podemos saborear, degustar calmosamente a poesía e, acto seguido, mergullarnos nos crimes máis tremendos sen despeinarnos! Vantaxes de ser lector! Claro que realmente non foi un paso tan brusco, xa que os crimes viñan asinados por poemas, nin maís nin menos que da nosa Rosalía...
Estupenda sesión do club de lectura na compaña de Pedro Feijoo e a súa A memoria da choiva. Contounos, preguntámoslle, desvelou algún que outro segredo, mostrounos os apuntamentos (a man) do precociñado da novela... e deixounos con gañas de máis. Queda emplazado, xa o sabe el, para a súa seguinte novela que, segundo nos desvelou, anda xa a piques de entrar no forno.  O faro Vilán, un lugar perfecto para facer unha presentación da mesma. Non si, editores?