13.1.16

ADEUS, DAVID BOWIE

David Bowie, a lendaria estrela do rock, icona estética e artística da segunda metade do século XX, faleceu aos 69 anos, vítima do cancro aos poucos días de plublicar o seu último álbum Blackstars. O seu verdadeiro nome era David Robert Jones, naceu en Brixton (Londres) o 8 de xaneiro de 1947 e finou o 10 de xaneiro de 2016 en Nova York
Comezou a tocar o saxofón cando tiña 12 anos. A súa carreira musical comezou nos 60. O seu primeiro grande éxito chegou en 1969 cunha canción na que narra a historia dun astronauta perdido no espazo e á que titulou Space Oddity utilizada pola BBC na cobertura da chegada do home á lúa. Un dos temas máis coñecidos é Starman. Aquí vos queda para que a escoitedes.

21.12.15

MÚSICA X 3
Estes días de "fin de ano" andamos do máis musical no instituto. Algo de "culpa" desto debe de ter Charo... O caso é que levamos xa a música por triple, primeiro coa Orquesta de Corda do Conservatorio de Lalín, que nos ofreceu un recital en Vimianzo, onde houbo ocasión de atoparse con varios 'ex' do Pedra da Aguia, logo na 'Coru', nun ensaio da Sinfónica de Galicia (OSG) e por último no festival de Nadal do insti no que tivemos o pracer de escoitar e ver a algúns dos alumnos actuais e tamén a algúns 'ex' de hai uns anos, como o caso de Alberto, que nos trouxo ao seu grupo "Os druídas da rolda" e que soaron realmente ben, sobre todo se temos en conta que levan pouco tempo xuntos. Aquí debaixo podedes ver algunha imaxe do que conto, e o vídeo picando nesta foto.
https://youtu.be/vmyGGLH3FGw
BO NADAL A TODOS!!

14.12.15

NO ÁRTICO CON ALBA
Hoxe estivemos no Insti a menos 40º  e con ventos de 180 Kms por hora, pelexando con osos polares e nadando coas baleas azuis...
Ben, non, pero case!! Estivemos charlando con Alba Aguión, recén chegada do Ártico e que nos contou a súa experiencia, o que estivo estudando alí e como chegou a meterse nun proxecto tan interesante. Unha experiencia estupenda, para ela e para nós, xa que puidemos ver que as cousas que queremos pódense conseguir con traballo e esforzo. Tamén puidemos comprobar como traballar na clase pode dar lugar a encontros tan interesantes como este: sen traballar no blog de Naturais non tería habido contacto con Alba. Que se repita! Ah, e seguide os seus consellos e non esquezades o esquema do Iceberg:

1.12.15

SOÑANDO CON BERLÍN
   Logo dun comezo de curso un tanto accidentado por culpa do bibliotecario, que é de mala calidade, puideron, por fin, reunirse con libro lido os do club de lectura de 3º e 4º. Falamos sobre "El sueño de Berlín", que parece que enganchou ben a practicamente todas as lectoras. E digo lectoras, e digo ben, porque parece que no xénero masculino, en 3º e 4º, non mola eso da lectura e o único 'el' que tiñamos o ano pasado deixounos. Mágoa! Menos mal que os 'eles' de 2º e os 'eles' de 1º veñen pegando forte e están moi igualados coas 'elas'. Que sigan así!
Por outra banda "disque" algunha xente do club está a preparar algunha sorpresiña para colgar na rede. Esperamos con impaciencia!

29.11.15

Morre NEIRA VILAS, o pai do Balbino


O pasado venres morreu na súa casa de Grés (Vila de Cruces), aos 87 anos de idade, Xosé Neira Vilas, autor entre outros moitos libros de "Memorias dun neno labrego". Este libro, editado en Bos Aires en 1961, foi unha das primeiras lecturas en galego para moitos nenos e nenas.
Os lectores galegos quedamos orfos dun dos nosos máis apreciados escritores. Por todo, moitas grazas, Xosé. 
 
Xosé Neira Vilas naceu en 1928 en Grés (Vila de Cruces), Pontevedra. En 1949 emigrou a Bos Aires, onde desempeñou traballos diversos traballos e desenvolveu unha intensa actividade en defensa da cultura galega. Casou en 1957 coa escritora cubana Anisia Miranda. Xuntos fundan "Follas Novas" para difundir o libro galego en América. Publicou en 1960 o poemario Dende lonxe, e en 1961 a novela Memorias dun neno labrego. Nese mesmo ano van residir a Cuba. Traballa na Administración e fai xornalismo literario. Nos trinta e un anos que viviu en Cuba escribiu a maior parte da súa obra literaria. Volveu con Anisia a Grés, onde preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas.Membro numerario da Real Academia Galega, recibiu numerosos premios.Parte da súa obra foi traducida a outras linguas.
Así empeza Memorias dun neno labrego: