26.2.19

Tres meses para quererse máis!



Remata xaneiro e desde a Biblioteca Escolar encaramos un trimestre cheo de celebracións arredor dos  sentimentos  con datas previstas para o mes de febreiro e marzo. As nosas propostas concretaranse durante a primeira quincena cunha “caixa dos afectos” onde o alumnado poderá depositar as súas cartas de amizade e amor co gallo da celebración da Candeloria e do S. Valentín. Pero a cousa non remata aí, contra o final de mes, o día 25 de febreiro, habemos renderlle homenaxe á poeta das poetas en lingua galega: Rosalía de Castro, unha namorada da cultura e do pobo galego.
Xa en marzo, agárdanos unha data esperada, a visita de Carlos Negro para falarnos da súa obra poética “Aplicación Instantánea”...
De momento,  o mural da entrada á biblioteca xa cambiou a súa apariencia para adaptarse a tanta expresión de emocións e sentimentos... neste caso pola lectura!

 Sen dúbida, será un trimestre emocionante!

24.12.18

Tempo de festas, tempo de Nadal!

Co final do primeiro trimestre, chegan as festas e o noso alumnado colaborou na decoración da entrada da biblioteca:

- Onde están as tesoiras?
- Pásame o pegamento!
- Recorta dese lado!
- Colle por aquí...

Con vontade e unha chea de mans dispostas a colaborar, todo se fai. Con rapazada así dá gusto!


 

23.12.18

Concurso de felicitacións de Aninovo!

Un ano máis o alumnado do Instituto creou postais para felicitar as Festas e o Aninovo. Parabéns aos premiados e premiadas!

1º premio: Lara González López (3ºA)
2º premio: Sabela Mouzo Suárez (2ºC)
3º premio compartido: Ana Canosa ( 2ºC) e Paula Vázquez (1ºB)

 Que gocedes das vacacións e máis do voso agasallo!

Velaquí unha mostra dos traballos realizados:

 

28.11.18

Atende os sinais! Día Internacional da Non Violencia contra a Muller



A Biblioteca súmase aos actos do 25N. Un ano máis, infelizmente, non temos nada que celebrar. A xornada do venres, 23 de novembro, pasou a ser no noso centro unha ocasión para reivindicar a dignidade e integridade de todas as mulleres, que dun xeito ou doutro, poden estar en risco de padecer algunha forma de violencia. Adiantámonos, pois, por razóns de calendario, á xornada do domingo onde innumerables accións de rexeitamento cara a violencia machista percorreron o pais, e berraron un "basta xa!" claro e rotundo.
Desde a biblioteca, o noso voluntariado colaborou coa construción dun violentómetro, para visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa cunha mensaxe clara: violencia non é só asasinato. Antes de chegar aí, hai todo un proceso de desgaste psicolóxico e físico da persoa agredida, que convén parar canto antes. Para pensar sobre este tema, o alumnado repartiu folletos con esta escala da violencia, ademais de ler varios poemas de Alba Canosa (antiga alumna) e Izaskún Santos (3ºC) que abordaban aspectos relacionados coa temática.
Ao acto asistiron Sandra ínsua e Rebeca Montes, Alcaldesa e Técnica de Igualdade do Concello de Camariñas, onde tamén se leu o manifesto e se gardou un minuto de silencio polas vítimas. A xornada rematou cunha fotografía con toda a comunidade dándolle as costas a esta lacra social, cunha morea de globos e mochilas negras onde se podía ler o lema "Camariñas en negro".


11.11.18

UN SAMAÍN PARA A COSTA DA MORTE!

Neste tempo de magostos e Samaín, o noso alumnado e profesorado implicáronse moito para facer dos últimos días de outubro toda unha celebración. 
O alumnado do centro traballou para decorar a entrada con centos de morcegos e arañeiras... Outros déronlle forma ás cabazas que adornaron os chanzos da escaleira, mentres o equipo de voluntariado da biblioteca creaba o mural temático do Samaín. Desde a biblioteca, tamén sacamos de festa dúas mesas de libros con títulos en relación ao tema do terror, a etnografía e contos do extraño...
A xornada do 30 de novembro foi intensa e misturou un magosto a media tarde, un xogo de pistas polo interior do instituto, e un tempo para a caracterización como personaxe de medo. A velada continuou cunha cea nese espazo tan ben decorado nos días previos, con mesa corrida á lus do candil e ambientación musical.
Logo chegou o momento das contadas onde varios alumnos, narraron historias inventadas ou rescatadas da tradición para o resto de asistentes. A biblioteca foi un espazo ideal para esta actividade e máis para a proxección do filme "Coco", que aborda a temática da morte desde a emotividade e as relacións humanas.
Á media noite, despois de sustos, berros e sorpresas variadas, chegou o momento de retirármonos dereitiños ás casas...

As imaxes dan boa conta do traballo realizado desde os equipos de Actividades Extraescolares e Biblioteca, Titorías da ESO e Dpto. de Ed. Física:  
Galería de Fotos



Grazas a todos e todas pola vosa participación! Pasámolo de medo!