Hoxe no recreo tivemos unha visita importante. Todo o alumnado de 1*ESO visitou a biblioteca para recoller o carné de lectura. Tamén o profesorado que se incorpora neste curso terá o seu.
Gañamos novos socios e socias para seguir sumando á nosa comunidade lectora! Que máis podemos pedir? ...Que sigades con atención as propostas da biblio para este curso!
E chegou setembro e con
el o inicio do novo curso escolar! O pasado luns, as portas do IESP Pedra da Aguia
abríronse para recibir a toda a comunidade educativa, especialmente ao novo
alumnado de 1ª ESO e ás súas familias. Quixemos darlles a benvida a un centro
que quere ser tamén un pouco deles e delas. A primeira hora da mañá, no salón
multiusos a Directora foi presentando ao equipo de profesorado e deu indicacións
sobre o funcionamento xeral do centro. Seguidamente, o equipo de biblioteca
participou explicando cal é a filosofía e as actividades que se desenvolven
nela, destancando os Clubs de Lectura e o Grupo de Encontro para as familias,
ambas iniciativas con moitos anos de arraigo no instituto, e que contarán este
ano con novas incorporacións. Dezanove familias máis participarán este curso
neste espazo de encontro para falar de adolescencia, facendo medrar a
comunidade do Pedra da Aguia.
Alumnado, profesorado,
persoal non docente, familias… Todos e todas listas para nos embarcar no novo
curso que empeza! Avante toda!
22.6.19
BOA VIAXE!!
Outra promoción que marcha, outros camiños que andar, outras vidas que vivir!
Esta é a última promoción que tivo que aguantarme dous cursos completos! Non quero decir que é unha promoción especial porque sería como traizoar outras promocións das que gardo tan bo recordo, pero si que son un pouco como unha promoción "resumo" de tantos anos compartindo con eles e elas días de clase, días de festa, nervios, cabreos, viaxes, libros, alegrías...
Espero que todo lles vaia ben, que atopen boa xente que coñecer, que sepan facer boas eleccións e que atopen o seu sitio no mundo que lles toca vivir. Espero que se marchen coas ferramentas suficientes para ese camiño do que falamos. E espero tamén que me perdoen esta pequena broma do vídeo que aquí deixo! BOA VIAXE, CHIC@S!
Hoxe sobrecolleunos o pasamento da compañeira Charo
Sánchez-Gabriel, responsable que foi da biblioteca escolar do IES
Sánchez Cantón de Pontevedra.
Querida compañeira, querida amiga. Vimos de saber do teu pasamento e non podemos menos que dedicar uns intres na túa lembranza.
Hai
tempo que faltas na familia PLAMBE que ti contribuiches a fundar. E xa
daquela faltounos o teu humor fino, a túa intelixencia aguda, a túa
ironía elegante, a túa mirada diversa, a túa man comprensiva, o teu
gusto pola exploración en calquera territorio, o teu espíritu de
pioneira, e o teu amor pola Lingua que abrazaches como propia e
defendiches con máis forza que moitos dos seus fillos.
A túa
forma de estar no mundo, sempre curiosa e sensible, sempre atendendo a
todo con esa atención aparentemente distraída foi un exemplo para quenes
tivemos a honra de tratarte.
Xa daquela, cando a enfermidade se
cruzou no teu camiño deixáchesnos, no universo da Bibliotecas escolares
de Galicia, un valeiro irreemplazable. Pero o de hoxe é difinitvo: non só nos faltas a nós, fáltaslle ao mundo. Co que precisamos neste momento xente coma ti!
As Bibliotecas Escolares de Galicia, chórante.
Os que te coñecimos, despedímoste con amor e cun sorriso ao tempo que enviamos un abrazo cariñoso á túa familia.
Os
que non tivéchedes a honra de coñecela, podedes achegarvos á súa
maneira de entender o mundo paseando polo blogue que creou: Mesturas.
Ata sempre, Charo!
Pilar Sampedro, Carmen Suárez, Isabel Vázquez, Beni Nerga, Emilio Roca, Olga Rodríguez e a familia PLAMBE
Chegou o día e despois de tanto traballo e preparativos, só nos quedaba gozar do momento... E con máis ou menos nervos, o equipo de alumnado de O Mundo que Queremos fíxoo xenial! Un orgullo ver o ben que vos desenvolvedes! Explicar cada unha das actividades, acompañar ao resto de compañeiros e compañeiras por todo o centro para mostrarlles o voso traballo de todo un curso, coidar de que todo saíse ben... E como colofón final, Lara González e Érika Blanco facendo balance de todo o programa e convidando a toda a comunidade educativa a sumarse a eses pequenos xestos que fan posible grandes cousas! O esforzo pagou a pena! As profesoras que guiamos o proxecto estamos moi orgullosas do voso resultado!
Parabéns a todos e todas vós! ...e por suposto, ao alumnado do club de lectura que estivo fabuloso na parada 6 co seu espazo para a reflexión con cada un dos grupos da ESO.
Se queres recordar todo o camiño realizado ao longo destes últimos meses, preme AQUÍ para o Prezi do acto de clausura... E se prefires ver un vídeo repaso dos mellores momentos, AQUÍ.