1.11.19

Polo Samaín, botamos un conto!



O Samaín chegou un ano máis ao noso instituto, e o alumnado de 1º e 2º ESO protagonizou toda unha sesión de narración oral que prestou a adultos e pequenos. A actividade comezara xa días atrás coa preparación da sesión de contos, escollidos desde os Departamentos de Lingua Galega e o equipo de DNLG, para dar a coñecer e traballar relatos enraizados na nosa tradición. Xa logo, desde as titorías, artellouse a dramatización das historias, a caracterización e a posta en escena. En relación a isto, hai que destacar o papel do voluntariado da Biblioteca Escolar que fixo unha ambientación moi creativa no multiusos do instituto: unha gran arañeira pendurada do teito, que co xogo de luces  vestiu todo un espectáculo cheo de lápidas, follas de outono, cirios e cheiro a castañal.

Parabéns a todo o alumnado e profesorado que colaborou activamente para facermos posible a nosa primeira actividade conxunta! Que veñan máis!



13.10.19

Premio Vicente Ferrer tamén para a Biblio Escolar!

O IESP Pedra da Aguia acaba de ser recoñecido co Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento “Vicente Ferrer”, convocado pola Agencia Española de Cooperación Internacional, que recoñece o labor desenvolvido arredor da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable impulsada pola ONU. De entre os seus obxectivos, o alumnado escolleu a Igualdade e a desigualdade de xénero para traballar ao longo de seis meses desde o Plan Proxecta O Mundo que Queremos, que convoca a Consellería de Educación.
Foi tempo de experiencias con diversos medios de creación e comunicación como o audiovisual, o teatro, a radio, a cartelería, a escrita creativa... impulsadas de xeito interdisciplinar desde os departamentos de Lingua Castelá e Ciencias Sociais, coordinadas desde a Biblioteca Escolar, e co apoio de todo o centro. O resultado foi un proceso de aprendizaxe enriquecido polos traballos do alumnado en prol da igualdade social e de xénero nas súas múltiples facetas e concretado nunha mostra final o pasado maio, na que deron a coñecer a toda a comunidade educativa as conclusións e reflexións dos seus traballos.
Con este recoñecemento o IESP Pedra da Aguia terá a súa experiencia de boas prácticas educativas publicada xunto coas outras quince seleccionadas a nivel estatal, e todas serán obxecto de divulgación durante unha estadía en Xordania, onde o profesorado responsable deste programa poderá coñecer de primeira man os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que a AECID ten radicados nese país.

6.10.19

Anímate co vountariado da Biblioteca Escolar!


Es unha persoa creativa? Gustache participar e axudar nas actividades que se fan ao teu redor?... Es ti quen as propón? Tes ganas de axudar na biblio e coñecer e relacionarte con máis estudantes do instituto? 
Se respondes "si" o voluntariado da Biblioteca Escolar é o que estás buscando!

Anímate a asistir á xuntanza do vindeiro martes, 8 de outubro no 2ºrecreo... e alí explicaremos polo miúdo en que consiste facer voluntariado na nosa biblio escolar! Vén!... Vale a pena!

5.10.19

Orgullosas do noso voluntariado!


Non estiveron todos e todas porque moitas de vós acabastes 4*ESO, mais unha boa mostra do noso equipo de voluntariado recibiu esta semana o seu diploma.
Alá van horas de implicación ao coidado das actividades da biblio e de tanta, e tan necesaria, convivencia. Facer voluntariado conéctate coa comunidade da que fas parte, e permite que as túas propostas axuden aos demais! 
Parabéns a este alumnado tan traballador e comprometido!
Verémonos na seguinte edición 19-20? ;-)

A Biblioteca facédela vós!





Hoxe no recreo tivemos unha visita importante. Todo o alumnado de 1*ESO visitou a biblioteca para recoller o carné de lectura. Tamén o profesorado que se incorpora neste curso terá o seu.

Gañamos novos socios e socias para seguir sumando á nosa comunidade lectora! Que máis podemos pedir? ...Que sigades con atención as propostas da biblio para este curso!

Agora si. Comezamos!