26.3.21

Encontro literario con María Lado, poesía para acabarmos o mes

Este mércores 24 de marzo gozamos coa visita de María Lado, a través dun obradoiro de creación poética, que organizou a Biblioteca Escolar no marco do programa Encuentros Literarios promovido polo Ministerio de Cultura y Deporte.

 

A poeta da Costa da Morte, que fai parte do actual e puxante panorama poético galego, falounos do oficio de poeta e narradora, da súa traxectoria e da creatividade literaria. Na segunda parte do encontro, a través dun recurso dadaísta, o grupo participante de 3ºESO, foi compoñendo un poema colectivo sobre a temática eterna: o amor. Con moita picardía e non menos romanticismo, crearon un novo poema a partir de versos alleos. Ao grupo e á poeta non lle faltaron humor e lirismo nunha das poucas actividades presenciais que organizamos este curso a causa da Covid.

A experiencia xerou algúns materiais durante o proceso: un padlet de videopoesia de poetas actuais e unha publicación dixital coas creacións poéticas realizadas nas aulas de Lingua Galega e Castelán, departamentos que colaboraron activamente coa Biblioteca Escolar. Se sentides curiosidade, premede nos hipervínculos para acceder.




 


 

11.3.21

Marzo, con M de Muller!

Ao longo de todo o ano, aínda que con máis atención durante este mes de marzo, é un bo momento para reflectirmos sobre a que xa é unha das grandes loitas do noso tempo: o feminismo e as identidades.

Desde os nosos clubs non quixemos ficar á marxe e programamos unha ristra de lecturas sobre os temas en discusión.  Ao nivel que puidemos, case sempre enriquecido pola visión do alumnado que coñece sorprendentemente ben conceptos arredor deste movemento social que non esperabamos, usamos como pretexto tres historias diferentes na superficie mais moi próximas no fondo, para falarmos do esencial, do dereito a ser e do dereito a ser respectado. Un básico das reivindicacións!

Foi unha gozada poñer en práctica un par de dinámicas e sentir do noso alumnado un discurso tolerante, capaz de dar resposta ás actitudes máis excluíntes coas que tamén convivimos.

Hai esperanza para este gran desafío incluído na Axenda 2030 co número 5: a igualdade!

 

No club de 1ºESO escollimos 22 Segundo de Eva Mejuto:

https://clublecturaarao.blogspot.com/2021/03/22-segundos.html

 

No club de 2ºESO, traballamos con Mamá, quero ser Ziggy Sturdust de Iria Misa:

https://clublecturaarao.blogspot.com/2021/03/mama-quero-ser-ziggy-sturdust.html

 

E co club de 3ºESO, a obra escollida foi A casa de Mango Street:

https://clublecturaarao.blogspot.com/2021/03/a-casa-de-mango-street.html







Encontro online con Ledicia Costas

 

Digamos que a situación Covid continúa a ser un obstáculo para as actividades normais que viñamos realizando na nosa biblioteca. Porén, este martes, 9 de marzo tivemos a oportunidade de contar con Ledicia Costas a través do noso primeiro encontro literario online. Fixémoslle o xeito e grazas á colaboración de boa parte do profesorado, a experiencia foi boa e con aprendizaxe técnica incluida. Un dous por un, mínimo!

Durante unha hora, a autora charlou coa rapazada de 1º e 2º ESO que leron no que vai de curso as xa célebres historias de Esmeraldina e Escarlatina, as defuntas máis riquiñas da literatura galega. Moitas foron as preguntas que lle fixo o noso alumnado, algunhas esperables e outras ben ocorrentes. Foi toda unha algarabía!

A seguir, o noso club de lectura de 3ºESO, tamén contou coa súa sesión. Foi un faladoiro máis íntimo, máis ordeado e onde todos/as puideron plantexar preguntas e a súa visión sobre os libros que viñan de ler. Neste caso, conversaron sobre Unha estrela no vento e o Corazón de Xupíter. Sobre a profesión de escritora tamén se intersaron bastante. Quen sabe se lles ronda a idea?

Aínda que botando en falta as vantaxes da presencialidade, o formato online permitiu gozar desta experiencia desenvolvida co Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Que veñan máis!




Celebramos o 8M entre lecturas!

Este ano quixemos celebrar o 8M, día internacional da muller traballadora, ampliando a nosa biblioteca da igualdade, desde unha perspectiva inclusiva, con clásicos do feminismo e algunhas novidades editoriais sobre o tema. Se aínda non está claro que a igualdade ha de ser un obxectivo prioritario na nosa sociedade, poñemos ao voso dispor bibliografía para comprender en profundidade as claves deste movemento, que en palabras de Angela Davis, plantexa a idea radical de que as mulleres somos persoas.

Non fiques sen saber sobre a sororidade, o empoderamento feminino, o test de Bechdel, a teoría queer,  o feminismo de Rosalía de Castro, os micromachismos, as irmás Mirabal, os Dereitos Humanos, o feminismo racializado...

Pásate pola biblioteca e curiosea na nosa exposición de libros!

#8M

#diadamullertraballadora

26.2.21

Febreiro, mes dos afectos

 


Porque son moitos os afectos, porque o querer é multicolor e repercute directamente na nosa saúde e benestar, neste mes que celebra a Candeloria e o S. Valentín, orientamos as lecturas dos nosos clubes a esta temática da que tanto gusta o noso alumnado. E de paso continuamos a enlazar o noso programa de lecturas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel que promove a ONU de cara o 2030.

Son sesións ricas e moi participativas nas que tod@s teñen moito que contar e compartillar.

Desta volta, ademais de conversar sobre a lectura, fixemos unha dinámica coa que profesoras e alumnado reflectimos sobre as relacións afectivas e a súa natureza. Tod@s saímos con ideas máis claras sobre o tema!

A nosa escolla foi esta:

 

O club de 1ºESO leu neste mes La mecánica del corazón de Mathias Malzieu:

http://clublecturaarao.blogspot.com/2021/02/la-mecanica-del-corazon.html

 

En 2ºESO, escollimos Nunca seré tu Héroe de María Menéndez-Ponte:

https://clublecturaarao.blogspot.com/2021/02/nunca-sere-tu-heroe.html

  

O club de 3ºESO traballou na obra de Ledicia Costas O Corazón de Xupíter:

http://clublecturaarao.blogspot.com/2021/02/o-corazon-de-xupiter.html