8.6.21

Infamia de Ledicia Costas, un encontro online do club de adultos

 

O pasado 23 de maio, o club de lectura de adultos reuniuse para conversar con Ledicia Costas, autora que ten colaborado coa nosa Biblioteca Escolar en diversas ocasións. Sen ir máis lonxe no inicio da primavera cando organizabamos o primeiro encontro literario online por causa da Covid. Daquela foi o momento de obras dirixidas ao alumnado da ESO. As sobradamente coñecidas Escarlatina e Esmeraldina ou novelas curtas como o Corazón de Xúpiter, protagonizaron as conversas co noso alumnado. Desta volta, o encontro xirou arredor de Infamia, unha obra que non deixou indiferente a ninguén.

Collendo o pulso máis unha vez a este formato dixital, todas as persoas participantes, compartiron as súas sensacións arredor desta historia arrepiante, (desgrazadamente) tan real e, ao mesmo tempo, tan vibrante que ninguén tivo o acougo para a deixar de ler ata a acabar. Arredor da trama central da obra sucédense tantos temas de actualidade que a sesión pedía máis minutos para cruzar puntos de vista diferentes.

Para saberes máis sobre os detalles da novela e as súas referencias literarias e musicais, preme AQUÍ.

18.5.21

Día das Letras Galegas 2021: o ano de Xela Arias

Desde a Biblioteca Escolar e en colaboración co departamento de Lingua Galega e o EDNLG, organizamos a celebración do día das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias.

A autora de Sarria, que destacou polo seu compromiso cívico nas problemáticas do seu tempo, traballou na editorial Galaxia e destacou na tradución ao galego de autores como Roald Dahl, Gianni Rodari, Baudelaire ou James Joyce. No entanto, foi o seu traballo como poeta, con obras como Intempériome, Darío a diario ou Denuncia do equilibrio, o seu principal contributo á historia da nosas letras.


No noso instituto, Xela Arias entrou da man dos seus versos para o alumnado ilustralos nunha cartelería creativa, que xa pendura nos nosos corredores. Alén disto, convocamos o concurso fotográfico “Versos a flor de pel”. Cada participante escolleu un verso á vontade para ser “tatuado” de xeito orixinal nalgunha parte do seu corpo e, finalmente, facer unha fotografía artística. Todas elas locen na exposición para o xurado emitir o seu fallo a vindeira semana. Outorgarase un primeiro e segundo premio en vales para o comercio local no concello de Camariñas.


Animádevos a ler a Xela Arias e feliz día das Letras Galegas 2021!

 

 

11.5.21

Celebramos o día do libro!

Este ano celebramos o 23 de abril na nosa biblioteca axustando a programación dos nosos clubs de lectura con títulos en banda deseñada, para animar ao noso alumnado a ler tamén neste medio. Neste sentido, ao longo do mes, as sesións de encontro fixeron fincapé nas posibilidades deste formato que nos permite tratar calquera tema dun xeito atractivo. Por outro lado, e xa no mesmo día 23 de abril, preparamos un mesado de novas propostas de títulos cunha escolma dos fondos adquiridos nas últimas semanas. Que tañades boas lecturas! E...Feliz día do libro!

 

Abril, o mes do libro... en banda deseñada!

 

Durante este mes de abril, os nosos clubs de lectura desenvolveron a súa actividade coa ollada posta no vindeiro día do libro, o 23 de abril. Tratándose de grupos familiarizados coa lectura, pareceunos oportuno destinar a programación do mes á banda deseñada, da que a nosa biblioteca ten un pequeno fondo con visos á súa ampliación. Os títulos escollidos deron a oportunidade a algún alumnado de ter unha primeira experiencia co medio, ben porque nunca antes experimentaran coa lectura de cómic ben porque só coñecían o manga. Durante as sesións puideron comprobar que a banda deseñada é un medio moi atractivo e artístico para abordar calquera tema que se nos ocorra.

 

No club de 1ºESO escollimos A proba de Auga de Anémona de Río:

https://clublecturaarao.blogspot.com/2021/05/a-proba-de-auga.html


No club de 2ºESO, traballamos con O derradeiro libro de Emma Olsen baseado na novela de Berta Dávila e ilustrado por Pablo Prado:

https://clublecturaarao.blogspot.com/2021/05/o-derradeiro-libro-de-emma-olsen.html


E co club de 3ºESO, a obra escollida foi Matar un ruiseñor ilustrado por Fred Fordham baseado na novela de Harper Lee:

https://clublecturaarao.blogspot.com/2021/05/matar-un-ruisenor.html


26.3.21

Encontro online do club de lectura de adult@s con Eva Mejuto

O noso club de lectura de adultos organizou un encontro online coa autora Eva Mejuto para conversar sobre o libro Memoria do Silencio. Unha hora e media deu para falar sobre moitos detalles do seu traballo e, pouco a pouco, a autora foi debullando algúns aspectos do libro e da súa elaboración, diferenciando as persoas reais, históricas, dos personaxes de fición, as motiviacións para elaborar o texto, os seus potenciais destinatarios, etc. Falamos tamén da importancia de recuperar figuras como as das protagonistas do relato, que son a auténtica historia e que tanta veces pasan desapercibidas e quedamos apenas con visións alleas como as ofrecidas polo cinema americano, por exemplo. Tamén foi destacada a importancia de que xente nova coñeza esta parte da historia, do valor da lectura e da conversa en si mesma.

Falar desta novela breve transportou aos participantes ás rúas de Ribadavia e á historia que desprenden

En fin, un encontro moi aproveitado no que con certeza tanto Eva Mejuto, como os lectores e lectoras, aprenderon moito.