16.5.12

VITAMINAS NO
DÍA DAS LETRAS

Parece cada vez máis claro que temos que darlle vitaminas ao noso idioma, especialmente nos medios de comunicación, tanto na prensa escrita como na audiovisual, a ver se colle forzas.
Por eso nace esta iniciativa, na que nos invitaron a participar xunto con outros 16 centros de Galicia (17 centros, como o 17, Día das Letras Galegas - Algúns xa están colgados e podedes velos aquí).
Un grupo de rapaces e rapazas voluntarios, de todos os niveis do Instituto, deron lectura ao manifesto. En realidade fixérono dúas veces: unha primeira volta gravando de un en un, cando había oportunidade, e outro no día de hoxe, dun tirón, no día previo ao Día das Letras. Aquí tedes os vídeos para que escollades o que máis vos guste. Seguide orgullosos de ser galegos e non olvidedes darlle ao noso idioma as súas vitaminas cada día.

13.5.12

LETRAS GALEGAS 2012

Desde 1963 celebramos o  17 de maio o día das nosas letras. Escolleuse este día porque o 17 de maio de 1863 publicouse Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.
Neste día homenaxeamos cada ano a algunha persoa que se destacara pola súa creación literaria en galego ou pola defensa da nosa lingua. Este ano a persoa designada pola Real Academia Galega é Valentín Paz Andrade.

Aquí tedes unha presentación para achegarvos a súa vida e obra.

1.5.12

SOMOS NUMBER 1
Pois claro, así, in English, 'pa' que logo digan!
O equipo número 1 de toda España no traballo de Euroscola en inglés e, por si fora pouco, segundos de Galicia en Castelán.
Os de 3º peleáronse duramente con xente de toda España, incluídos equipos de 4º e de Bacharelato, de Institutos e de centros privados e saíron vencedores de canta batalla se lles presentou.
O premio non está mal: 24 alumnos, máis o profe, irán a visitar o Parlamento Europeo en Estrasburgo! A visita terá lugar o próximo curso.
Podedes ver aos orgullosos gañadores/as, e ao non menos orgulloso profe, nas páxinas da Voz de Galicia.
Xa vedes que con traballo todo se consigue. Seguro que este premio dará forzas para conseguir moitos máis!

26.4.12

DE LIBRERÍAS NO MES DOS LIBROS
Foi un  'experimento' estupendo e de moi bos resultados eso de ir de "librerías" cos alumnos do Club de Lectura. Como ademais era cedo practicamente toda a Fnac era nosa e puidemos miralo todo con calma e tranquilidade e decidir que era o que queriamos ter na nosa biblio. Que gusto daba ver á xente folleando libros, decidindo... e calculando: canto nos podemos gastar? Por ganas traeríamos cando menos media librería e case toda a sección de cine.... pero todo non podía ser! E hai que ter en conta que había que deixar un tempiño para mirar tamén os 'trapitos', que non todo van ser libros. Verdade, rapazas??
Pena dos que non puideron vir; igual outro día poden ir eles e traer o que alí nos deixamos!

22.4.12

PARA UN AMBIENTE DE LECTURA NA ESCOLA

Coincidindo co Día do Libro 2012, existe unha iniciativa impulsada por Luis Arizaleta (especialista en lectura e desenvolvemento de iniciativas culturais), e na que temos a honra de participar, que nos fai reflexionar aos que a subscribimos, sobre o que el coñece desde hai máis de vinte anos: o ambiente de lectura na escola, e é ese o nome do manifesto que lles invito a ler.
Son doce puntos moi breves pero que, de telos realmente presentes, suporía un verdadeiro reformulación da experiencia lectora, persoal e cultural dos nosos rapaces e rapazas. Para iso dirixímonos a toda a ampla comunidade vinculada coa lectura: escritores, mediadores, contistas, narradores, pais e nais, editores, profesionais da educación...
Aínda que sempre oímos aquilo de “niso todos estamos de acordo” o certo é que no mundo vinculado ao libro e á lectura hai moita leria e adorno estéril, pero tamén temos que dicir que hai moita xente traballando, no noso país e máis alá del, para que as cousas non sexan así. Sabemos que hai unha corrente forte e consolidada de xente que traballa para que os pequenos, medianos e maiores vivan a lectura con pracer e sabemos que, ademais, conségueno. E non deixa de ser significativo que xunto a todas esas persoas, que irán en aumento, ou non, non tiveran dúbida en estampar a súa su firma xente como Francesco Tonucci, ou escritoras como Rosa Aneiros ou Fina Casalderrey, de entre un grupo de 108 profesionais relacionados coa lectura.
O dito, propóñovos a súa lectura: