23.10.13

Que medo me das!!

Xa temos aquí o Samaín (ou Halloween) e temos tamén o Certame de Micro-relatos de medo. Este ano, curiosamente, temos máis de 2º ciclo que do primeiro. Será que os novos teñen poucas gañas de obter premios!
Tedes 30 relatos 30 (coma nos touros) para escoller aqueles que máis "horrorosos" vos parezan. Lástima de dous deles, que non cumpriron as bases e non poden optar ao premio!
Os escritores/as en castelán e outras linguas foron máis "tímidos/as" que outros anos (coa ilusión que lle facía a Dan). Seguro que o próximo ano teremos máis valentes/as.
 Logo do relato Nº 30 tedes un enlace para unha enquisa (e tamén na barra lateral do blog) na que podedes marcar un máximo de tres relatos. O que obteña máis votos será o vencedor  e obterá o "Premio do público". Aquí están os relatos, que pasedes moito medo!!:

20.10.13

REUNIÓNS DE ARAOS
Como podedes ver na foto, tivemos hai uns días a reunión de Araos lectores para a entrega dos primeiros libros do curso. Os que aquí vedes son os Araos novos (os de 1º e 2º), estreando plumas. A colonia de Araos lectores vai en aumento, a pesar de que, hai xa uns anos, puxeramos este nome ao noso club pensando aquelo de que os araos eran especie en perigo de extinción e que cos lectores pasaría o mesmo. Pero non! Os lectores non se estinguiron, medraron. Que gustazo! E por certo, hai tamén uns días, coincidindo co arranque do Club Arao, puiden ver, en Camariñas, un arao (dos de plumas de verdade, eh?) nadando tan tranquilo no mesmiño porto!
A mensaxe está clara:  non hai quen poida cos Araos!

13.10.13

CON BRANCAS E NEGRAS
   Aproveitando a celebración do Torneo Internacional Entre Faros, de xadrez, do que falamos no post anterior, disfrutamos no centro dunha pequena charla-exhibición deste deporte.
 Estupendo foi ver como se pode xogar de costas ao taboleiro (e gañar) e tamén asistir a unhas partidas simultáneas nas que participaron alumnos e profesores. Evidentemente, perdemos case todas, pero algún houbo que fixo bastante bo papel. Tan bo foi o ambiente, e tanta xente se animou, que teremos na biblio, coa axuda de Carlos, o profe, unhas sesións de aprendizaxe para aqueles que comezan neste xogo/arte e tamén para os que aínda non saben 'batallar' nesta 'guerra'. Aproveitade para aprender, que logo teremos o torneo Escaques, xa sabedes!


5.10.13

XADREZ NA COSTA
    Estas semanas, en concreto durante tres fins de semana, do 5 ao 14 do outubro, teremos a oportunidade de ver en directo, en Fisterra, Camariñas e Muxía a cinco Grandes Mestres de xadrez, no "I Torneo Entre Faros", incluído o Campión de España, Iván Salgado acompañado do cubano Lázaro Bruzón, o húngaro Richárd Rapport, o búlgaro Iván Cheparinov e o mexicano Julio Granda, todos eles por riba dos 2.600 puntos ELO (unha barbaridade).  O torneo está organizado polo "Club de Xadrez Cabo Touriñán".
Ademais haberá actividades paralelas e mesmo o mércores teremos a Fran falándonos do xadrez no instituto. A ver se este ano temos aínda máis participantes no noso xa veterano "Torneo Escaques", e seguro que desta volta algunha rapaza se atreve tamén a xogar. Vémonos nas partidas!

26.9.13

EU ANDO,
TI ANDAS,
NOS ANDAMOS...

Anda queeee...!!  Foi corta a camiñata, todo o mundo pedía máis, e máis, e máis...
Non podemos queixarnos, o tempo respectounos moito e ata houbo algún atrevido/a que se meteu no mar. Querían darlle unha boa despedida ao verán!
A verdade é que, coma sempre, estas camiñatas están moi ben: poder falar coa xente sen historias de clase, notas e demais. Poder ver paisaxes ben bonitas e, para algúns, incluso coñecer sitios novos do noso concello ou arredores. E, coma sempre (e hai que decilo) case todo o mundo tivo unha actitude estupenda e o ambiente xeral estivo moi ben. Eu polo menos, paseino estupendamente. Que se repita!!