26.3.15

CONCURSO FOTOGRÁFICO
Xa temos aquí de novo o concurso fotográfico "Ollando Lecturas". Este ano coa novidade de que xa podemos usar Instagram para participar (#ollandolecturas15), aínda que por suposto podedes seguir enviando fotos por correo electrónico:(biblioteca.ies.pedradaaguia@gmail.com)
 Están invitados a participar todos os centros do Concello de Camariñas, desde Educación Infantil a Secundaria. Aquí debaixo déixovos as bases, que tamén podedes atopar escaneando co móbil o código na esquina dereita do cartel. Seguro que aparecen moitos artistas da fotografía:

22.3.15

ESCAQUES VIII
Xa rematamos esta nova edición do Torneo Escaques, e xa van 8, e xa temos de novo un campeón, aínda que repetido. Javier Baña gañou de novo este ano, igual que fixo no último torneo. Debe ser cousa de familia, porque o seu irmán xa ganaba tamén cando estaba no Instituto! Noraboa!
A verdade é que a Javier non lle foi tan fácil. Foi un torneo bastante reñido e durante moito tempo houbo empate na cabeza da puntuación. Os de 1º non gañaron, pero aprenderon moito e seguramente darán moita guerra nas seguintes batallas. Tamén este ano tivemos máis "damas" xogando que outras veces, o que sempre é unha alegría. Esto propiciou algunhas batallas con non sabemos ben que "consecuencias", como a que podedes ver na foto de aquí debaixo.

En fin, que nos vemos de novo o próximo curso. Ide afiando as espadas, digo, as ideas! 

11.3.15

REGRESO AO PASADO
Grazas ao libro "A fraternidade de Eihwaz" de César Mallorquí os do club de lectura de 3º-4º tivemos a oportunidade de  retroceder no tempo este martes pola tarde. Primeiro demos un saltiño de nada, un par de miles de anos, para visitar o Castro de Borneiro, e logo outro saltiño máis, un pouco máis longo (uns mil e pico anos máis, ou así) para visitar o Dolmen de Dombate, señor dos dolmens galegos que últimamente, pese a súa avanzada idade, consérvase moi ben. Queremos darlle as grazas ao profesorado que nos cedeu as súas clases para poder facer esta viaxiña. Foi ben aproveitada.

25.2.15

PETANDO NA PORTA


Hoxe petounos na porta da biblioteca Xabier Docampo.
Entre as 3  e as 5:30 da tarde, Xabier someteuse ao interrogatorio (3º grao) dos lectores e lectoras do club de 1º e 2º, que  o acribillaron a preguntas e comentarios de todo tipo, e que el tivo a pacencia e vontade de contestar unha a unha. Non contento con isto, apagamos todas as luces de biblioteca e, á luz das velas, regalounos dous contos de misterio, contados ao xeito no que se contaban antes, ao calor do lume, con todos os rapaces calados coma petos. Logo disto e dalgunhas preguntas máis, rematou firmando exemplares e deixándose fotografar con cantos quixeron. Unha tarde estupenda en compaña dun gran escritor e defensor do noso, e dun amigo. Grazas, Xabier. Volve cando queiras!

19.2.15

ENTROIDO 2015
Xa comemos as filloas e as orellas e xa tomamos o cocido! Seguro que moitos volven ás aulas aínda coa perruca na cabeza e o disfrace a medio poñer, ou máis ben a medio quitar. Que se lle vai facer! Hai que tornar á realidade, pero "que nos quiten o bailao"!
E para recordar ese "bailao" nada mellor que ver unhas fotos ou un pequeno vídeo que nos sirva de memoria visual. Coma sempre, e xa van moitas veces este ano, grazas a tod@s por participar, polo bo humor e polo bo ambiente que se viviu na festa. Que siga!

(Música: Falcon 69 - The Easton Ellises)