9.6.15

ILLA de SAN SIMÓN
Unha illa pequena cunha historia moi grande! Fomos saber algo máis dela os dous clubs de lectura do instituto. Fomos acompañando a "Sara" en busca do anel que alí deixara o seu tío na época na que a illa funcionou como cárcere. Fomos buscando a luz que fixera fuxir as "noites  de voraces sombras". E algunha sombra atopamos, que a néboa e o vento non quixeron deixarnos disfrutar plenamente do paseo en barco. Pero aínda así atopamos algunha que outra sorpresa: canóns de barcos afundidos, camarotes de capitáns de galeóns, cofres cheos de  moedas... de chocolate! E para remate do día, comida, piscina e praia en Samil que non todo vai ser literatura, non si? Unha boa despedida para todos (case) os lectores e lectoras do club, co desexo de que teñan un verán cheo de historias bonitas. Outras xa as atoparemos o vindeiro curso metidas entre páxinas! E ás que se van... xa saben que as portas do club seguen abertas. Vémonos!


27.5.15

GOODBYE, SARAH
Hoxe mesmo Sarah dixo adiós! A pesar de saber que remataba o seu traballo aquí colleunos un tanto por sorpresa, pode que por ser a metade da semana. Despediuse botando unha man coas traducións para o  traballo sobre a música e invitando a galletas con sabor americano dos USA: manteiga de cacahuete, como non!
Os que tivemos ocasión fixemos a foto con ela, para quedarnos un recordo seu e que levara o noso.
Farewell, Sarah. Chegou o tempo de cambiar, de probar cousas novas. Que teñas boa viaxe no avión e mellor aínda na vida.

22.5.15

Pancakes & Crepes
Non só de libros vive o alumno. Nin moito menos de exames! Parece que tanto Sarah como Mª José entendérono ben e mostráronse dispostas a alimentar ao alumnado. Contaron coa axuda de "espontáneos", como se ve nas fotos, e con algún/nha alumna (e/ou mamá) dispostos a botar unha man. Foi unha boa forma de gastar os "dolares" conseguidos estes días nas clases de inglés, aínda que máis dun conseguiu saír de alí ben alimentado e sen ter que "afloxar a mosca". E que tal si o próximo ampliamos o mapa e facemos unha xornada gastronómica internacional? Eu apúntome!

6.5.15

CABRAS BOBAS e COCORICOS
 Non, as da foto non son nin as Cabras bobas nin os Cocoricos, son as do club de lectura de 3º e 4º que hoxe tiveron a valentía de poñerse diante de tres clases, tres, de rapaces e rapazas de Infantil dos coles de Camariñas e da Ponte do Porto, para contarlles as aventuras de Miguel e a súa cabra boba (que anda subida polos tellados) e as do pitiño Cocorico, que case, case, desaparece na boca do gato peludo (por comellón). Unha experiencia estupenda para nós e tamén para os "ananos", que polas caras que poñen parece que o pasaron ben. Graciñas ás chicas do club (que xa saben que as quero mal) e ao profesorado dos coles de primaria, que nos facilitaron a vida todo o posible. En breve colgaremos algún vídeo pero mentres aquí quedan unhas fotos de testemuña. Repetiremos outro ano??

26.3.15

CONCURSO FOTOGRÁFICO
Xa temos aquí de novo o concurso fotográfico "Ollando Lecturas". Este ano coa novidade de que xa podemos usar Instagram para participar (#ollandolecturas15), aínda que por suposto podedes seguir enviando fotos por correo electrónico:(biblioteca.ies.pedradaaguia@gmail.com)
 Están invitados a participar todos os centros do Concello de Camariñas, desde Educación Infantil a Secundaria. Aquí debaixo déixovos as bases, que tamén podedes atopar escaneando co móbil o código na esquina dereita do cartel. Seguro que aparecen moitos artistas da fotografía: