25.11.15

SEMPRE VIVAS
Hoxe, para lembrar este 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero, xuntámonos rapaces e rapazas do centro de Primaria de Camariñas, de A Ponte do Porto e do noso Instituto para ler, diante do Concello e co seu patrocinio, un comunicado conxunto deixando claro que este tipo de xente non ten cabida nunha sociedade moderna e igualitaria.
Rematada a lectura do comunicado o Alcalde axudou a Oumaima, a gañadora do concurso de carteis, a facer a primeira pegada do mesmo na fachada da Casa Consistorial, seguida logo por outras rapazas e rapaces que completaron a pegada. Algo máis tarde Oumaima tivo unha intervención estupenda en Radio Nordés, que podedes oír aquí.

23.11.15

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Precioso cartel saído do traballo nas aulas relacionado co día contra a violencia de xénero. Parabéns! Efectivamente, querémolas como as flores: Sempre Vivas.
E moi interesantes os puntos de vista sobre a igualdade nos Encontros de Pais/Nais de hoxe na biblio do centro. Un tema que parece que xa está "falado" e no que vemos como caen (caemos) cada día en desigualdades, cando non en violencia directamente. Non hai máis que ver o que leva pasado este ano e o número de mulleres mortas.
Pero temos que meter nas nosas cabezas que a violencia de xénero non existe unicamente cando apaecen as noticias nos xornais, empeza moito antes, con actitudes que parecen máis "inofensivas", máis "pasables" e que xustificamos con falsas razóns: "e que me quere moito, me controla porque me quere...". Nunca se debe pasar por aí, hai que cortalo ao primeiro indicio. Hai cousas que un macho fai, un home non.

11.11.15

NON HAI PARADA!
Case nin baixaron do coche que os traía de facer as rutas científico-artístico-literarias e os de 2º volveron subir a outro coche (noviño, oiga, un mes de uso) para irse a Santiago a comerse uns entremeses. Ben, máis ben para ver representados uns Entremeses, "El retablo de las maravillas" e "La cueva de Salamanca", escritos por un tal Cervantes (non sei se vos soa) hai xa uns cantos anos.
Cando menos desta volta foron boíños e levaron con eles a un lote de xente de 1º. En total xuntamos 80 alumnos/as coa paciencia de 5 profes, valentes onde os haxa. Pasámolo ben e ningún rematou na comisaría, así que... todos contentos! (agás os tímpanos dos profes do bus de 1º) En canto estean preparadas colgaremos aquí unhas cantas fotos da excursión. Atentos ás súas pantallas!
E como o prometido é débeda... tachaaaán!

4.11.15

BO COMENZO
Este ano tivo mun arranque un tanto "lento" para este encargado da biblioteca e agora resulta que, en canto me incorporo ás clases van as clases e marchan!!
Que ben! Medio 2º está de ruta científico-artística-literaria por terras da Meseta, creo que buscando un lugar da Mancha... E todo parece indicar que ademais e pasalo ben están aproveitando moito a viaxe. Pena que ningún tivera un sitio na maleta para meterme de polizón!
Teñen un blog no que van contando algunha das cousas que fan e colgando algunha foto. Podedes velo aquí, ou picando no mapa que tedes na columna a dereita deste blog.
Pasadeo ben!

19.6.15

MARCHANDO!
Marchando para a praia e marchando para casa, que isto, por este ano, remata! Parece mentira pero é certo: xa estamos a fin de curso! E penso eu que foi un bo curso. Polo menos eu paseino ben, con xente estupenda (si, a pesar das broncas, si) e seguro que vós tamén. Unha marchiña coma esta (na que algún/nha recordou que tiña pernas para andar, que xa case o tiña olvidado...) é unha boa forma de despedida. É un xeito estupendo de atoparnos uns aos outros sen deberes polo medio, sen traballos que entregar, sen saídas ao encerado, sen ter que facer presentacións diante dos outros... a que si! Pois veña, que as festas están esperando por vós e o sol e a praia tamén. Ah, e tamén ese libro que non puidechedes ler antes e que tamén espera.
BO VERÁN A TODOS!!