22.6.16

CHEGA O VERÁN
Parece que si, que por fin chega, así que... ala, a deixar os libros no caixón e a coller a toalla!
Último día de curso, para uns cantos último día no instituto, aínda que seguro que han voltar algunha vez de visita.  Un festival de fin de curso con todas as meigas da tecnoloxía polo medio, que non existen pero habelas hainas (agora hai micros, agora non, agora hai música, agora non...).
Música, baile, despedidas, lágrimas furtivas, emocións... vida!  No que me toca persoalmente, dar as grazas ás "miñas" chicas do club de lectura, que souberon "ler" o que é o club, máis aló de comentar uns cantos libros. 
E para todos e todas:
FELIZ VERÁN!!

13.6.16

OS ADULTOS TAMÉN SE MOVEN
Efectivamente, os Araos adultos tamén se moven, que non só o alumnado ten dereito a facer os roteiros literarios. Desta volta fomos seguindo a Neira Vilas, moi querido por nós. Visitamos a súa casa-fundación, en Gres. Resultou unha moi grata experiencia da man de Luís Reimóndez quen, ademais de achegarse a propósito desde Santiago, mostrounos todo con detalle e incluso nos agasallou cun libro sobre o lugar. Libro que fora unha encarga persoal de Neira Vilas para a súa vila natal.
E xa que estabamos aló... por que non aproveitar para dar un paseíño polos xardíns do Pazo de Oca, comer en Combarro, entre cabazos e pegados ao mar, e facernos algún que outro selfie con Catelao, Bóveda, Paz Andrade... en Pontevedra?
O único que se nos escapou, por falta de tempo, foi o Mosteiro de Poio, pero seguro que haberá algunha outra ocasión, que sempre hai que deixar algo para ter a escusa de volver!

5.6.16

 OS  "PRIMEIROS"  NON QUEREN QUEDAR ATRÁS
Os de primeiro non queren que os dos cursos máis altos digan que non se atreven... Vaia que si se atreven! Veñen pisando forte e animándose ao que sexa, que así da gusto.
Hai un lote deles participando no Club de Lectura e estes tres, Xabi, Laura e Helena, animáronse a facer cadanseu "booktuber", presentando un libro, o que máis lles "tirou", dos que limos no club.  Parece que o camiño aberto polos maiores do club vai deixando rastro e temos quen se anime a seguilo. Quen sabe, algún booktuber ten milleiros de seguidores na rede e non me extrañaría que cun pouco de práctica estes "primeirizos" acaben marcando tendencia e creando opinión no mundo da literatura xuvenil. A verdade é que, co levamos visto ata agora, incluídos estes de primeiro, no me estrañaría demasiado.
             Noraboa a todos os booktubers do Insti e graciñas por facelo tan ben!

1.6.16

O CLUB DE LECTURA MÓVESE
Non puidemos visitar a "casa enmeigada" de Cartas de Inverno en Vilarmaior, pero a cambio fomos dar un paseíño polas Fragas do Eume. Fomos atrevidos e cruzamos a ponte colgante, que abaneaba dun lado ao outro entre os berros de auxilio dos membros do club, que aquilo parecía unha peli do Indiana Jones ese. As troitas quedaban aplaudindo coas aletas cando por fin saímos de alí: -que tranquilidade!- dicían- Por fin marcharon os do arao!
Como a camiñata se nos fixo pequena fomos logo á praia de Cabanas, onde cumprimos o ritual de perder un balón, darnos un chapuzón refrescante e liquidar os bocatas que aínda quedaban nas mochilas. Logo un paseíño por Pontedeume, onde tampocuo puidemos visitar a Torre dos Andrade e, para desquitarmos desta negativa, outro paseíño polo Pasatempos de Betanzos, entre leóns xigantes, porcos mutantes e patos asustados. Se non me credes podedes ver as fotos. E, se queredes algunha, xa sabedes, no ordenador da biblio están para quen queira collelas, incluídas unhas cantas que non aparecen aquí.

26.5.16

OLÍMPICO MAIOR
O noso "Olímpico maior", Arián, foi o representante do Instituto na Olimpíada Matemática celebrada o día 19 en Lugo (40 participantes de toda Galicia). Non trouxo a medalla de ouro pero si unha experiencia estupenda chea de novidades.
Foron recibidos no Círculo das Artes, na Praza Maior, e alí mesmo comezaron a proba, na que durante dúas horas estiveron pelexándose con cinco problemas de diferente tipo.
Para repoñerse foron todos xantar, invitados pola Asociación AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática). Mentres agardaban as correccións das probas realizaron  un pequeno circuíto matemático pola Praza Maior de Lugo onde atopaban personaxes matemáticos como Hipatia (na foto). 
Para rematar, no salón de actos da Deputación Provincial (Praza de San Marcos), fïxose a entrega de medallas e agasallos e cada participante recibiu un pen drive e un bolígrafo.
 Seguro que en vindeiros anos é capaz de traer algunha medalla matemática para o centro. Xa se encargará Paula de que así o faga, non si?