29.4.19



Xa temos gañadoras do Concurso de relatos do departamento de L. Castelá!

A escritura é unha arte capaz de transportar ao lector a outra realidade, de facelo imaxinar as súas personaxes, de evocar olores, sensacións; en definitiva, de emocionarnos. Tamén é certo que non todos os escritores son capaces de logralo, mais neste certame temos que recoñecer que houbo participantes que nos fixeron sentir e que non nos deixaron indiferentes cos seus relatos, pero tivemos o difícil reto de seleccionar aos mellores, é así foi como a balanza se decantou por tres relatos fascinantes de tres narradoras:
PRIMEIRO PREMIO DA CATEGORÍA A: Paula Vázquez Blanco (1º ESO B)
PRIMEIRO PREMIO DA CATEGORÍA B: Érika Blanco Novegil e Marta Baña Cerdeiras (3º ESO B)
As profesoras do Departamento de Lingua Castelá queremos facer un recoñecemento especial ás tres persoas que, xunto con nós, formaron parte do xurado e nos acompañaron nesta aventura literaria, elas son: María Varela Liñares (profesora de Francés) e Fátima Lema e Mónica Pose (nais de alumnos do centro); tamén queremos agradecer a presencia de Ana Ignacio e Susana Álvarez, por acompañar as súas titorandas na recollida do premio e, en definitiva, a toda a comunidade educativa implicada neste concurso. 
Despedímonos de todos vós ata a próxima convocatoria e advertimos de que nos próximos días publicaremos os tres relatos gañadores para que gocedes deles tanto coma o xurado tivo a oportunidade de facer!



26.4.19


Unha visión poética de internet
Desde comezo de curso tiñamos en mente poder contar con Carlos Negro na biblioteca. A poesía estivo algo “esquecida” como lectura nos diferentes clubs pero este ano decidimos que debía ser incluída, e de forma preferente, nas nosas lecturas. Se temos un poeta do que os seus libros saen e entran dos andeis continuamente é Carlos Negro. Poeta galego, próximo e directo como os seus textos. Participamos no Programa de Encontros Literarios do Ministerio de Educación e aquí estivo connosco. Pola mañá cos máis de 60 alumnos e alumnas que forman os diferentes clubs e pola tarde co club de adultos. Un día moi agradable que nos achegou máis a este xénero e que conseguiu facernos ler entre liñas e silencios e non só con palabras, removendo sentimentos e emocións. Grazas Carlos!


27.2.19

Homenaxe a Rosalía 2019


Rosalía está feita unha moza! 140 anos non son nada!
Se non existise unha data para ela, habería que programala. Sendo a primeira  autora en ser homenaxeada no día das nosas Letras, pola súa trascendencia, era ben merecente dunha xornada propia. Niso estamos, conmemorando o día do nacemento de quen poetizou con valentía hai máis dun século, o amor... non sempre feliz, a situación da muller ou problemáticas sociais que afectaban á Galicia de antes ou de hoxe, segundo se mire...
 Desde a Biblioteca, en colaboración cos departamentos de Lingua Galega, Lingua Castelá, o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega, e o departamento de Música, quixemos organizar un tempo e un espazo, para para dar voz e continuidade ás inquedanzas da autora de Padrón.




O acto consistiu no recital dunha escolma de poemas a cargo do alumnado. O recital estivo acompañado musicalmente por Federico Vázquez e Rebeca Romero, á guitarra e ao clarinete, respectivamente. A poesía e a música ligan ben e o ambiente durante o acto foi especialmente emotivo.
A continuación, repartíronse os agasallos do concurso de deseño de botes portalapis  con motivos florais e rosalianos, desenvolvido nos recreos da semana previa no vestíbulo do centro.

...E as gañadoras foron!:

1ºpremio: Paula Vázquez (1º ESO)
2ºpremio: Mouna Thiam (3ºESO)
3º premio: Ainhoa Rego (3ºESO)

Tampouco faltaron uns detalles para todo o alumnado participante xa leran poemas, xa colaborasen no deseño da cartelería para a homenaxe deste ano. 
Velaquí unha mostra da orixinalidade e sentido do humor desta rapazada!





E xa, para poñerlle punto e final, o auditorio cantou a versión de Amancio Prada do poema “Adiós ríos, adiós fontes”, que xa se ten convertido en todo un himno popular.

Esperamos que actividades coma esta sirvan para dar a coñecer tanto a figura, como os valores que inspiraron a obra de Rosalía de Castro entre a xuventude.

Parabéns, Rosalía! ...Por ti non pasa o tempo!


26.2.19

Érase unha vez a Candeloria, o S.Valentín e a caixa dos afectos...

Probablemente unha das actividades que máis gusta entre a rapazada é a redacción das cartas de afecto neste inicio de febreiro! ... A quen non lle agrada recibir un verso, unha pequena felicitación ou, simplemente, unhas palabras sinceras de alguén coñecido ou non tanto? Pois iso é ao que se dedicou o noso alumnado durante os recreos nesta biblioteca: a escribir e decorar textos para agasallar aos seus amoriños diversos entre a Candeloria e o S. Valentín. Teñen boa maña para estas cousas!
Velaquí unha reportaxe fotográfica cos mellores momentos!

Tres meses para quererse máis!



Remata xaneiro e desde a Biblioteca Escolar encaramos un trimestre cheo de celebracións arredor dos  sentimentos  con datas previstas para o mes de febreiro e marzo. As nosas propostas concretaranse durante a primeira quincena cunha “caixa dos afectos” onde o alumnado poderá depositar as súas cartas de amizade e amor co gallo da celebración da Candeloria e do S. Valentín. Pero a cousa non remata aí, contra o final de mes, o día 25 de febreiro, habemos renderlle homenaxe á poeta das poetas en lingua galega: Rosalía de Castro, unha namorada da cultura e do pobo galego.
Xa en marzo, agárdanos unha data esperada, a visita de Carlos Negro para falarnos da súa obra poética “Aplicación Instantánea”...
De momento,  o mural da entrada á biblioteca xa cambiou a súa apariencia para adaptarse a tanta expresión de emocións e sentimentos... neste caso pola lectura!

 Sen dúbida, será un trimestre emocionante!