Certo é que a corentena tenos cambiado moito a vida nos últimos días e que temos que ir afacéndonos a novas rotinas pouco a pouco... Mais ninguén dixo que acompañar este proceso de boas lecturas ou filmes non fose posible. Velaquí o servizo de GalizaLe en aberto para todos os usuarios e usarias da rede pública de bibliotecas. Se eras socia, é só usar o teu código de acceso... e comezar a gozar dos fondos dixitais.
2.4.20
22.3.20
Adeus Auri, compañeira
Deixáchenos coa chegada da primavera e entrando a celebración do día da
poesía, curiosas coincidencias. Amante da natureza. O teu xardín, coidado con
esmero, sempre foi a miña envexa. Colaboradora incansable da biblioteca e
promotora de iniciativas sen fin. Sei que seguirás entre os libros que tan
coidadosamente forraches, entre a selección de títulos que considerabas que non
podían faltar, co teu empeño constante porque a Lingua Galega tivese o papel
relevante que lle correspondía na biblioteca do noso instituto. Si, e digo o
noso, porque fuches capaz, en tempo récord, de que comezase a funcionar. O
mesmo abrindo caixas, colocando mesas ou indo a casa para falar por teléfono
(non había móbiles) e no instituto non había máis nada que paredes. Cantas
horas dedicadas a que todo funcionase e que os retos se cumprisen!
Déchesme forza e acompañáchesme nesta profesión, marabillosa
profesión! e xuntas defendemos a nosa lingua, aínda que nos primeiros
tempos tróuxonos máis dalgún desgusto.
Foi unha sorte inmensa contar contigo neste camiño de vida
persoal e pedagóxica. Sempre estarás entre nós.
Silvia
7.3.20
Semana dos afectos!
Para celebrar a Semana dos afectos, do 10 ao 14 de febreiro, e en relación co Plan Proxecta Por 365 días de respecto e iguadade, o alumnado de 2º de ESO traballou na elaboración dunha serie de cartas. A actividade implicou, ademais da Biblioteca, todos os departamentos de linguas, porque en cada idioma tratouse un tipo de afecto. En galego escribiron unha carta de amor propio; en castelán, unha de afecto a unha persoa da súa familia; en inglés, a unha amizade; e en francés, a unha posible parella ideal.
Como parte final da actividade organizamos unha exposición cunha selección de cartas, de xeito que toda a comunidade educativa puidese apreciar o traballo realizado polo alumnado de segundo.
2.3.20
Este Entroido 2020 celebramos a diversidade!
E chegou o Entroido! A festa onde todas as apariencias son posibles, os
doces teñen forma de orellas, flores e filloas e, a música e o humor o invaden
todo. O noso instituto non queda á marxe desta celebración tradicional e o
pasado venres, 21 foi o día grande logo de tres semanas de preparativos. Pasalo
ben e convivir ao longo dunha xornada atípica non era o único obxectivo. O noso
propósito foi usar o Entroido como un pequeniño proxecto interdisciplinar
impulsado desde as titorías do centro e coordinado desde a Biblioteca Escolar.
O noso tema foi a macedonia… e non foi escollido de xeito casual. Quixemos
usar esta ensalada de froitas como pretexto para falarmos da diversidade e da
inclusión, temas de varios programas educativos que se están a desenvolver
neste curso e nos que participa a Biblioteca Escolar. Semana a semana o alumnado procurou información sobre a froita que
lle tocou á súa titoría, deseñarou o seu disfraz, elaborou unha pancarta
explicativa con informacións de distintas áreas (Bioloxía, Xeografía, Historia,
Linguas…) e montou a súa actuación que consistiu en coreografías, monólogos,
cancións ou relatos teatralizados. A colaboración dos departamentos de Música, Ed.
Física, e por suposto, dos titores e titoras, foi fundamental. O resultado foi
unha explosión de colorido ao longo da mañá, que culminou este proceso de case
un mes de traballo, onde procuramos facer valer a mensaxe de que a diversidade
fai que a mistura sexa máis saborosa!
E para ver o produto final que resultou no vistoso festival de Entroido, preme AQUÍ.
Encontro literario: conversa con Fernando Lalana
O pasado mércores 19, máis de 60 alumnos dos Clubs de Lectura do centro gozaron ca visita dun dos seus autores favoritos, o premio nacional de literatura infantil e xuvenil Fernando Lalana.
O escritor contoulles como comezou na literatura, que lle inspira para escribir unha novela, por que se adicou á literatura infantil-xuvenil e non á de adultos e moitas outras anécdotas que fixeron que o tempo transcorrera máis rápido do desexado. Finalmente, asinou una chea de libros, todos cunha dedicatoria diferente.
O centro quere agradecer a visita á editorial Santillana.
O escritor contoulles como comezou na literatura, que lle inspira para escribir unha novela, por que se adicou á literatura infantil-xuvenil e non á de adultos e moitas outras anécdotas que fixeron que o tempo transcorrera máis rápido do desexado. Finalmente, asinou una chea de libros, todos cunha dedicatoria diferente.
O centro quere agradecer a visita á editorial Santillana.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)


