27.11.20

Reflexionando sobre a violencia de xénero



   















Un grupo de rapaces de 3º ESO e 4º ESO coordinados por excompañeiros do centro (Silvia Lijó e Emilio Roca) e apoiados pola educadora familiar dos Servizos Sociais do Concello de Camariñas (Ali Trillo), o orientador do centro (José Rodríguez) e a biblioteca, fixeron unha reflexión sobre a violencia de xénero neste ano 2020.
Neste vídeo poderedes ver o traballo realizado.

12.11.20

Inicio de club de lectura baixo o sol!

 
Neste mes de novembro inauguramos a primeira sesión dos nosos clubs de lectura. Serán sesións diferentes ás que estamos acostumadas porque a pandemia vai marcar un novo xogo mais aquí estamos. Dispostas a superar a situación!

Esperan por nós novas lecturas e alumnado que continúa ou se incorpora para compartir ideas sobre historias, impresións e opinións sobre temas moi diversos… E se chove, que chova! Agora, se o sol acompaña, o patio é noso!


Se quixeras ver como se desenvolveu esta sesión tan primaveral, preme AQUÍ.

21.10.20

Arranca a Hora de Ler no Pedra da Aguia


Un curso máis a Biblioteca Escolar pon en marcha o programa da Hora de Ler. Trátase dunha iniciativa na que durante unha hora á semana, facilitamos un tempo e un espazo para fomentar o gusto pola lectura entre a comunidade educativa. Estimular o hábito lector e asocialo ao pracer dun tempo de calma mentres ampliamos os nosos coñecementos nas máis diversas áreas, son un obxectivo a medio-longo prazo. Normalicemos a lectura no día a día!

20.10.20

Xa están feitas as BiblioCaixas!

 

Desde hai un par de anos, contábamos cunha pequena sección da Biblioteca Escolar en cada aula con fondos da biblioteca e dos departamentos para dar que ler e falar en cada materia.

Nese sentido, a Covid19 cambiounos os plans mais xa temos alternativa. As BiblioCaixas conteñen unha selección de libros de xénero e temática variada: teatro, Ciencia, poesía, Historia, Filosofía…narrativa en xeral e tamén banda deseñada. Esperamos facer máis accesible a lectura e axudar co programa Hora de Ler, en caso de que algunha persoa esqueza o seu libro na casa.

Ah! E despois de seren usados, os libros voltan ás caixas para facer a súa corentena.

Cada día somos máis!

 

Recibimos durante o recreo ao alumnado de 1ª ESO para entregarlles o carné de lectura. Sumamos corenta e catro novos socios e socias para dinamizar este espazo común que é a Biblioteca Escolar. Esperámosvos nas diferentes actividades que terán lugar ao longo do ano, moi especialmente no club de lectura! E lembrade que se tedes propostas de libros que nos falten, todas elas son ben recibidas! Anotádeas no taboleiro da entrada!

Benvid@s!