22.12.20

Lecturas demoradas para alumnado rápido!

Tes probado a ler as lecturas recomendadas nas materias de Galego e Castelán con tempo? Non esperes ao final e lembra que as vacacións poden ser un bo momento para levares estes e outros titulos a casa. Ler con calma presta máis!

Na Biblio dispoñemos de exemplares suficientes e unha outra opción pode ser a través da plataforma GaliciaLe. Só precisas asociarte á Biblioteca Municipal para obter o teu carné alí tamén! Despois, é tan fácil como acceder e descargar o título que desexes en formato dixital.

Das lecturas programadas para a 2ª avaliación, encontrarás as seguintes en Lingua Galega:

1º ESO: O neno inverno de María Canosa

2ºESO: Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas

4ºESO: A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre

... E en Lingua Castelá:

3ºESO: El Conde Lucanor de Don Juan Manuel (Nota: non é a versión escolar)

4ºESO: Don Juan Tenorio de J. Zorrilla  (Nota: non é a versión escolar)

Unha biblioteca nunha mochila! As mochilas viaxeiras


Seis son as mochilas viaxeiras preparadas para pasar o nadal nas casas do noso alumnado de 1ºe 2ºESO. Desta volta serán máis de quince días para disfrutar en familia dunha escolla de filmes, documentais, poesía, literatura multilingüe, atlas e moito contido de artes variadas e coñecemento interesantísimo! Difícil será que nas vosas casas non encontredes algún título do voso gusto... 


Lembrade a enquisa que vai no interior para seguir mellorando os fondos da nosa Biblioteca Escolar e non esquezades tirar moitas fotos dos mellores momentos da experiencia coa que montaremos unha reportaxe. Fainos moita ilusión!

E para os que non fostes rápid@s abondo, habilitaremos novas quendas quincenais á volta das vacacións!  

Inscríbete na biblio!

Decembro, Dereitos Humanos

Decembro é o mes que marca o final de ano e tamén unha data moi significativa no calendario de celebracións. O día 10 está dedicado a conmemorar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, para lembrarnos que todos e todas nacemos libres e iguais e que aínda son moitos os millóns de persoas no mundo con dereitos elementais sen ser repectados. Esta realidade fai moi necesario educar para conseguir os Obxectivos 2030 do Desenvolvemento Sustentable definidos pola ONU.

Xunto co Certame Literario de Relato Curto, para sensibilizar ao noso alumnado ao respecto, programamos desde os clubs de lectura nas sesións deste mes, títulos onde a infancia e xuventude enfrenta situacións de inxustiza e de violación dos Dereitos Humanos.

O club de 1ºESO, traballou o título Cuando Hitler robó el conejo rosa de Judith Kerrpara falar sobre a brutalidade dos conflitos, a infancia perdida e os desprazados de guerra. Valéndose dun xogo de rol de ACNUR, o alumnado simulou as circunstancias vitais que viven millóns de refuxiados no mundo.


O club de 2ºESO, leu O neno do pixama a raias de John Boyne, xa un clásico das bibliotecas escolares, para abordar o tema da discriminación, a intolerancia e o respecto polo diferente, procurando fotografía de colección Getty que sorprendeu a máis dun. Xa por último, o club de 3ºESO, escolleu o libro Chamando ás portas do ceo de Jordi Sierra i Fabra, para dar a coñecer o traballo dunha cooperante nun contexto complexo como a India. 

Deixamos as ligazón ás sesións do club hipervinculadas nos títulos dos libros para saber como se desenvolveron eses momentos! 




2.12.20

Certame de relato curto: día Internacional dos Dereitos Humanos 2020


Este mes de decembro dedicaremos boa parte do noso traballo a visibilizar a importancia dos Dereitos Humanos. Tomaremos como pretexto a celebración internacional no día 11, para tomar conciencia das desigualdades presentes no mundo actual e reflexionar sobre o papel da cidadanía no ámbito local e global.

Deste xeito, a proposta enmárcase tamén nunha liña de traballo desta biblioteca arredor dos ODS 2030, os Obxectivos para o Desenvolvemento Sustentable acordados pola ONU.

Neste sentido, unha das nosas actividades vai ser o Certame de Relato Curto aberto a todo o alumnado do centro, de 1º a 4º ESO, como unha oportunidade para promover a a creación literaria.


Esta será unha colaboración cos Departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá, que contará con dous premios para os mellores relatos.

Preme nas BASES para saberes máis!  


Envía o teu relato ao enderezo da Biblioteca Escolar: biblioteca.ies.pedradaaguia@gmail.com

POR CAUSA DA SITUACIÓN SANITARIA o prazo de entrega adíase ata o 22

 de decembro e o fallo do xurado ata o 8 de xaneiro!


Inauguramos as nosas Lecturas ao Vivo!

 

Neste curso 20-21 imos apostar por un novo formato de lectura co alumnado. Faremos lecturas en voz alta, compartidas e dirixidas. Isto, que non é nada novo en educación, é unha aposta por recuperarmos un espazo máis para a lectura vivida en comunidade. Chamámolo Lecturas ao Vivo e comeza como unha colaboración entre o departamento de Xeografía e Historia e a Biblioteca Escolar que aspiramos a espallar a outras áreas de coñecemento.

As lecturas programadas servirán para afondar en temas complementarios ás materias nun formato descontraído e participativo. Arrancamos desta volta con títulos como A revolta dos animais de G. Orwell, Nómades de Xosé Tomás, La vuelta al mundo de un forro polar rojo de Wolfang Korn e Soy un punto de Giancarlo Macrí e Carolina Zanotti.

As lecturas serán dirixidas pola profesora da materia durante as sesións de aula ao longo do curso. Deste xeito, traballaremos tamén os ODS 2030, os Obxectivos para o Desenvolvemento Sustentable, acordados pola ONU co obxectivo de promover unha educaión para a cidadanía global.