Este mércores 24 de marzo gozamos coa visita de María Lado, a
través dun obradoiro de creación poética, que organizou a Biblioteca Escolar no marco do programa Encuentros Literarios
promovido polo Ministerio de Cultura y Deporte.
A poeta da Costa da Morte, que fai parte do actual e puxante panorama
poético galego, falounos do oficio de poeta e narradora, da súa
traxectoria e da creatividade literaria. Na segunda parte do
encontro, a través dun recurso dadaísta, o grupo participante de
3ºESO, foi compoñendo un poema colectivo sobre a temática eterna:
o amor. Con moita picardía e non menos romanticismo, crearon un novo
poema a partir de versos alleos. Ao grupo e á poeta non lle faltaron
humor e lirismo nunha das poucas actividades presenciais que
organizamos este curso a causa da Covid.
A experiencia xerou algúns materiais durante o proceso: un padlet de videopoesia de poetas actuais e unha publicación dixital coas creacións poéticas
realizadas nas aulas de Lingua Galega e Castelán, departamentos que
colaboraron activamente coa Biblioteca Escolar. Se sentides
curiosidade, premede nos hipervínculos para acceder.