
8.6.21
Día Mundial do Medio Ambiente 2021

Clausuramos os nosos encontros lectores. Despedida do club de lectura!
Logo dun ano tan extraordinario, os clubes de lectura merecían unha clasura ao mesmo nivel. Mes a mes, libro a libro, compartimos conversas arredor das lecturas propostas, organizamos as poucas actividades que o protocolo Covid nos foi deixando, experimentamos con dinámicas e celebramos encontros online e algún presencial, sempre que foi posible. Nun tempo onde a mobilidade foi reducida e o distanciamento social a norma, sentimos satisfacción por termos chegado ata aquí. E isto non tería sido posible sen a vosa resistencia e a enerxía do profesorado responsable.
Maio, cando as (L)etras falan de nós!
Maio é un mes tradicionalmente dedicado a conmemorar a lingua e cultura galega. Así que, coa celebración do día das Letras no horizonte, programamos nos clubes de lectura títulos, que de xeito máis ou menos directo, abordasen aspectos singulares da cultura galega tradicional ou contemporánea, a importancia da transmisión xeracional e o futuro da mesma nun contexto de globalización irreversible.
Con estes vimbios armamos o calendario do mes no que as lecturas escollidas foron as seguines:
No club de 1ºESO, Antía e Daren. O misterio dos torques roubados de Valentín Alvite:
http://clublecturaarao.blogspot.com/2021/06/antia-e-daren-o-misterio-dos-torques.html
En 2ºESO, a obra traballada foi O centro do labirinto de Agustín Fernández Paz:
http://clublecturaarao.blogspot.com/2021/06/o-centro-do-labirinto.html
E, xa por último, o alumnado do club de 3ºESO, centrouse no título Todo o tempo do mundo de David Pérez Iglesias:
http://clublecturaarao.blogspot.com/2021/06/todo-o-tempo-do-mundo.html
Nas sesións de maio o alumnado participou na conversa dirixida, xogou unha partida de Kahoot e tivo a oportunidade de charlar cun dos autores. Non está nada mal como última sesión do noso calendario clubista!
Infamia de Ledicia Costas, un encontro online do club de adultos
O pasado 23 de maio, o club de lectura de adultos reuniuse para conversar con Ledicia Costas, autora que ten colaborado coa nosa Biblioteca Escolar en diversas ocasións. Sen ir máis lonxe no inicio da primavera cando organizabamos o primeiro encontro literario online por causa da Covid. Daquela foi o momento de obras dirixidas ao alumnado da ESO. As sobradamente coñecidas Escarlatina e Esmeraldina ou novelas curtas como o Corazón de Xúpiter, protagonizaron as conversas co noso alumnado. Desta volta, o encontro xirou arredor de Infamia, unha obra que non deixou indiferente a ninguén.
Collendo o pulso máis unha vez a este formato dixital, todas
as persoas participantes, compartiron as súas sensacións arredor desta historia
arrepiante, (desgrazadamente) tan real e, ao mesmo tempo, tan vibrante que ninguén tivo o acougo para a deixar de ler ata a acabar. Arredor da trama central da
obra sucédense tantos temas de actualidade que a sesión pedía máis minutos para
cruzar puntos de vista diferentes.
Para saberes máis sobre os detalles da novela e as súas
referencias literarias e musicais, preme AQUÍ.
18.5.21
Día das Letras Galegas 2021: o ano de Xela Arias
Desde a Biblioteca Escolar e en colaboración co departamento de Lingua Galega e o EDNLG, organizamos a celebración do día das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias.
A autora de Sarria, que destacou polo seu compromiso cívico nas problemáticas do seu tempo, traballou na editorial Galaxia e destacou na tradución ao galego de autores como Roald Dahl, Gianni Rodari, Baudelaire ou James Joyce. No entanto, foi o seu traballo como poeta, con obras como Intempériome, Darío a diario ou Denuncia do equilibrio, o seu principal contributo á historia da nosas letras.
No noso instituto, Xela Arias entrou da man dos seus versos para o alumnado ilustralos nunha cartelería creativa, que xa pendura nos nosos corredores. Alén disto, convocamos o concurso fotográfico “Versos a flor de pel”. Cada participante escolleu un verso á vontade para ser “tatuado” de xeito orixinal nalgunha parte do seu corpo e, finalmente, facer unha fotografía artística. Todas elas locen na exposición para o xurado emitir o seu fallo a vindeira semana. Outorgarase un primeiro e segundo premio en vales para o comercio local no concello de Camariñas.
Animádevos a ler a Xela Arias e feliz día das Letras Galegas 2021!








