15.10.21

CALENDARIO IMAXINARIO

Xa podedes vir pola Biblioteca a debuxar e deixar a vosa pegada no calendario imaxinario do 2022!!

Toda a información estará dispoñible na Biblio o no corcho da vosa clase.
Animádevos a participar!

A data límite para rematar as obras artísticas é o 26 de novembro.




10.6.21

LECTURAS AO SOL. PRÉSTAMOS DE VERÁN!

Acaba o ano e chega o verán. Toca recoller mais non esquecer a lectura. A Biblioteca Escolar inicia a súa última pequena campaña para animar ao alumnado a integrar a lectura nos seus plans de vacacións. A fin de contas ler na praia é todo un luxo! 

Animádevos! A biblioteca vén de recibir as últimas adquisicións deste curso. Botádelle unha ollada ao folleto de novidades! 




 





8.6.21

Día Mundial do Medio Ambiente 2021

A cabalo entre o mes de maio e xuño, e tendo no horizonte o Día Mundial do Medio ambiente do próximo 5 de xuño, chegou á BE unha maleta emprestada polo CEIDA, o centro de referencia para a educación ambiental en Galicia, unha maleta ateigada de libros ben vistosos e interesantes sobre os océanos. A iniciativa a cargo do departamento de Bioloxía contou co noso apoio para lle mostrar ao alumnado fontes de consulta adaptadas á súa idade sobre este tema e os principais problemas medioambientes que padece.
Toda a actividade consistiu nunha mostra dos fondos na entrada da biblioteca, a organización dunha xincana temática pensada para que o alumnado de 1ºESO manipulara e consultara estes libros viaxeiros. En días a seguir, persoal do CEIDA achegouse ao centro para impartir unha charla sobre esta cuestión e, xa por último, celebrouse o obradoiro “crebeiros”, onde analizaron diferentes tipos de refugallos encontrados nas praias da zona. A actividade foi do interese da rapazada!

Para quen queira saber máis sobre o labor que realiza o CEIDA, deixamos por AQUÍ o acceso á web.

      


Esta iniciativa entronca coas actividades programadas no marco da Axenda 2030 do Desenvolvemento Sustentable que promove a nosa Biblioteca Escolar, concretamente co nº14 arredor do coidado dos océanos e a vida submariña.





Clausuramos os nosos encontros lectores. Despedida do club de lectura!


Logo dun ano tan extraordinario, os clubes de lectura merecían unha clasura ao mesmo nivel. Mes a mes, libro a libro, compartimos conversas arredor das lecturas propostas, organizamos as poucas actividades que o protocolo Covid nos foi deixando, experimentamos con dinámicas e celebramos encontros online e algún presencial, sempre que foi posible.  Nun tempo onde a mobilidade foi reducida e o distanciamento social a norma, sentimos satisfacción por termos chegado ata aquí. E isto non tería sido posible sen a vosa resistencia e a enerxía do profesorado responsable.
Desde a Biblioteca Escolar queremos dar os parabéns a todo o alumnado participante e moi especialmente, ás profesoras Isabel Carril e Fabiola Cobián por tirardes do carro!

Que teñades bo verán e que a bolsa de tea de agasallo vos sirva para pasear e ler ao aire libre tamén!

Bo descanso e boas lecturas ao sol! Vémonos en outubro!

      

Maio, cando as (L)etras falan de nós!

Maio é un mes tradicionalmente dedicado a conmemorar a lingua e cultura galega. Así que, coa celebración do día das Letras no horizonte, programamos nos clubes de lectura títulos, que de xeito máis ou menos directo, abordasen aspectos singulares da cultura galega tradicional ou contemporánea, a importancia da transmisión xeracional e o futuro da mesma nun contexto de globalización irreversible.

Con estes vimbios armamos o calendario do mes no que as lecturas escollidas foron as seguines:

No club de 1ºESO, Antía e Daren. O misterio dos torques roubados de Valentín Alvite:

http://clublecturaarao.blogspot.com/2021/06/antia-e-daren-o-misterio-dos-torques.html

En 2ºESO, a obra traballada foi O centro do labirinto de Agustín Fernández Paz:

http://clublecturaarao.blogspot.com/2021/06/o-centro-do-labirinto.html

E, xa por último, o alumnado do club de 3ºESO, centrouse no título Todo o tempo do mundo de David Pérez Iglesias:

http://clublecturaarao.blogspot.com/2021/06/todo-o-tempo-do-mundo.html

Nas sesións de maio o alumnado participou na conversa dirixida, xogou unha partida de Kahoot e tivo a oportunidade de charlar cun dos autores. Non está nada mal como última sesión do noso calendario clubista!