24.11.21

Visita de Marilar Aleixandre autora de "A Cabeza de Medusa"

 Hoxe, o alumnado e o profesorado de 1ºESO e 2ºESO, recibimos a visita de Marilar Aleixandre que veu falar da súa obra "A Cabeza de Medusa" para conmemorar o 25N. Esta actividade levouse a cabo grazas ao programa "Pasemos Páxina" organizado pola asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

O fío conductor da charla foi a propia novela, que serviu para tratar a violencia sutil e non reflexionada que envolve o noso día a día e á que estamos habituados. 







Marilar Aleixandre

Narradora, poeta, tradutora, Marilar Aleixandre usa o galego como lingua literaria e afirma que ten a lingua partida, pero que non todos os bichos con lingua bífida son perversos. En canto aos libros, di que no fondo son mensaxes escritas con tinta, chuspe ou sangue que guindamos ao baleiro coa esperanza de que alguén os reciba. Afeccionada a recoller palabras descarreiradas, gárdaas entre as liñas de relatos ou poemas. Desde 2017 forma parte da Real Academia Galega, cun discurso sobre Voces termando da paisaxe galega.

Vive en Santiago de Compostela onde escribe e investiga na argumentación e Didáctica da bioloxía. Algúns temas recorrentes nos seus libros son as traizóns, sobre todo as traizóns a un mesmo, a unha mesma e as tortuosas relacións familiares.




23.11.21

Semana de conmemoracións polo 25N

Esta semana conmemoramos o 25N desde a Biblioteca coas exposicións dos carteis presentados ao concurso na categoría de "imaxe gráfica".

Tamén, súmase á exposición, o "Manual dos modais básicos", no que alumnas de 4ºB (Naira, Judith e Siomara) amosan certos temas tabús relacionados co xénero, sexualidade e co colectivo LGBTIQA+. 

E, aínda que este manual non está directamente relacionado co obxectivo do 25N, consideramos que nesta semana é importante recordar as palabras RESPECTO e IGUALDADE.





Estes son os carteis elixidos para enviar a concurso!


Ainhoa Rodríguez Pose (2ºESO)


Marcos González López (3ºESO)




2.11.21

Concurso polo "Día Internacional contra a Violencia de Xénero"

 Anímase ao alumnado a participar neste concurso para visibilizar e reflexionar sobre a loita contra a violencia de xénero.

Podedes presentar carteis, cómics,... e, tamén, realizar unha montaxe audiovisual (curtas, danza, texto recitado,...) en grupos de máximo 8 persoas e separados en dous categorías: 1ºESO-2ºESO e 3ºESO-4ºESO.

Cada grupo estará titorizado por un/a profesor/a.

Tedes de prazo para presentar as vosas creacións ata o 15 de novembro ás 15h.

 

Aquí deixámosvos o cartel do concurso!





29.10.21

Venres de Samaín!


 Estes son algúns dos deseños elaborados polo alumnado. 

Quedaron preciosos e, cada un deles, amosa un cachiño da forma de ser da persoa que o creou.😍










                       



                                                   

27.10.21

Semana de obradoiro polo Samaín 2021

 A Biblio está chea de creatividade estes días. 

Estas son algunhas fotos dos alumnos e alumnas que se achegaron a disfrutar e compartir o seu tempo de lecer.😀