28.11.23

Mes da Ciencia en Galego na Biblio: O mundo microscópico

 Conmemoramos o Mes da Ciencia en Galego cunha actividade relacionada co mundo microscópico na que o alumnado puido ver diferentes tipos de células a través dun microscopio óptico. 

Esta actividade foi organizada por parte do voluntariado da Biblioteca e que foron os encargados de realizar o mural que se colocou na entrada da Biblio e amosar ao resto de alumnado as mostras de observación.









24.11.23

Violentómetro e coidómetro: 25N

 A violencia contra as mulleres e as nenas segue sendo unha das violacións dos dereitos humanos máis estendida do mundo.

Todos os 25 de novembro se conmemora o Día contra a Violencia de Xénero e no IES Pedra da Aguia realizamos un marcapáxinas que será repartido entre todo o alumnado do centro e que nos axudará a identificar as relacións tóxicas que debemos evitar e que tamén nos servirá para medir esas relacións saudables que todo o mundo merece.

Por un lado do marcapáxinas temos un "violentómetro" que serve de aviso para identificar as malas condutas, tamén as máis sutís. E pola outra banda, o "coidómetro" permítenos medir se a nosa relación é positiva e saudable.




24.10.23

Día das Bibliotecas

 O día 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas co acendido do noso faro dos libros.

O voluntariado da Biblioteca construíu un faro, símbolo do noso Concello e da vitoria da luz sobre as tebras, e leu un texto en homenaxe e agradecemento a eses lugares que nos ofrecen o refuxio e a compañía dos libros.

Podedes ver máis fotografías e ler o manifesto nos documentos adxuntos.

Feliz Día das Biblios e que sigan a guiar o voso camiño!





26.9.23

Día das Linguas

 O Día das Linguas é unha iniciativa do Consello de Europa para pór en valor a diversidade lingüística da Unión Europea e fomentar a aprendizaxe de distintos idiomas.

Conmemórase o día 26 de setembro e no IES Pedra da Aguia celebrámolo cun recital poético no cal alumnado de todos os cursos leron un fragmento do poema "O neno morto", de Lupe Gómez, nas distintas linguas que falan os nosos alumnos e alumnas.

Galego, castelán, catalán, portugués, árabe, francés, inglés, italiano e éuscaro foron os idiomas que se escoitaron na nosa Biblioteca nun acto artístico e reivindicativo do valor de todas as linguas coma patrimonio da Humanidade






25.9.23

Durante esta 1ª avaliación contamos con nove sesións da hora de Ler. Comezamos o luns 2 de outubro na 1ª sesión!
Este ano elaboraronse itinerarios de lectura para cada nivel que serán presentados nas aulas durante esta semana, antes do comezo da Hora de Ler. Aquí vos deixamos o link para acceder aos itinerarios lectores.