1.3.10

REI ROI
Rematamos coa incruenta batalla da biblio deste curso, o IV Torneo Escaques de Xadrez. Como é sabido, só pode haber un rei logo de cada batalla, e un único rei logo de cada torneo. Este curso temos o Rei Roi, que venceu en xusto combate ao rei anterior, Santi, que se defendeu bravamente ata o último alento.
Aquí tedes ao actual monarca co seu merecido premio.
Mención especial ás nosas 'raíñas', que este curso houbo máis que outros anos. Estanlle perdendo o medo a isto das batallas nos escaques (os cadrados do taboleiro, para quen non o saiba) e nun futuro poden ser moi perigosas.
Aquí vos deixo unhas imaxes do campo de batalla:

28.2.10

PERDOA, PERO XA ESTÁN AQUÍ
Digo esto porque hai algunhas que non paran de dar a vara con que certos libros tardan en chegar á biblio: este da foto e algún outro de temas similares. Vese que aínda quedan polos corredores certos aires procedentes de San Valentín...
O caso é que xa teño eu curiosidade por ler os libros de Moccia, por aquelo do candado do amor, pero non podo porque non paran quietos nos andeis da biblio! Chamoume a atención, mirando por riba do ombreiro dunha lectora, que aparecían no primeiro libro os versos dunha canción da miña época (Moccia debe ser case tan prehistórico coma min), dun tal Cat Stevens (que traía toliñas ás mozas) e que falaba da rebelión dos xoves. Podedes velo aquí debaixo, e a letra da canción aquí. Saúde, lectoras!

26.2.10

BLANCO SOBRE BLANCO
Así quedou Víctor (Blanco, claro), cando se viu no medio da pista de xeo. Logo el, cos outros de 3º e 4º, decidíronse a cazar (fotograficamente, por suposto) osos (Blancos, claro). Podedes velo con máis detalle en Pedras do Vilán.

22.2.10

ORGULLOSOS DO NOSO
ORGULLOSOS DO GALEGO
E seguimos co tema, porque cadra que a Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística acaba de poñer en funcionamento unha páxina web coa idea de que todo aquel que queira poida colaborar nela. Para empezar hai un par de vídeos, aquí vos deixo un. Na súa páxina podedes ver outro coa colaboración de xente como Luis Tosar, Martín Rivas, Susana Seivane... Tamén atoparedes material para imprimir, emoticóns e outras cousas. A ver quen se anima a facer algo!

21.2.10

DÍA INTERNACIONAL
da LINGUA MATERNA

En 1999 a UNESCO creou o Día Internacional da Lingua Materna, coa idea de potenciar a variedade lingüística e, especialmente, de defender aquelas linguas que estiveran en maior perigo de desaparición. Non é o caso do galego (de momento) pero é unha boa ocasión, agora que o tema anda tan revolto, de poñer en valor o que é noso e nos identifica. Respectemos as linguas dos demais se queremos que respecten a nosa; que cada quen se sinta orgulloso da súa.

Hai uns consellos estupendos no apartado "transmisores das linguas e os afectos", ilustrado por rapaces de infantil, nesta páxina, ademais doutras curiosidades sobre este tema. Resulta curioso ver, por exemplo, a cantidade delas que hai en "mapas vivos" das linguas.