1.3.11

DE COBARDES, NADA!
... como quedou demostrado onte na sesión de "Cine para falar", na que nos xuntamos máis de trinta persoas, rapaces/as a adultos/as, para ver unha película e comentala entre todos.
A peli en cuestión foi "Cobardes", sobre o acoso escolar, e o tema deu para falar moito, e a verdade é que esta vez os rapaces e rapazas falaron máis e mellor e uns animaron a outros a participar (grazas, Bruno, grazas, Clara). Tivemos que deixalo aló polas sete e media, pero aínda quedaban cousas por falar e gañas de facelo. Os/as maiores seguiremos dándolle voltas ao tema na seguinte reunión.
Desde aquí a noraboa a todos os/as participantes, pola atención, pola intensidade, pola participación.

22.2.11

DEPORTE INTERCENTROS
Tivemos hoxe a visita de dous institutos da zona, 'Fernando Blanco' de Cee e 'Nosa Señora do Carme' de Fisterra, que viñeron a pasar a mañá compartindo xogos e espazos.
Pouco me preocupa quen gañou en cada deporte (aínda que me din que as nosas rapazas fixérono mellor que os rapaces) porque me parece que en realidade gañamos todos: bo ambiente e moitos sorrisos. A única 'guerra' da que teño constancia foi a que tivo lugar sobre os taboleiros de xadrez que había na biblio.
Aquí tedes algunha foto de mostra:

20.2.11

UN PLANETA PARA TODOS
Estamos tan afeitos a mirar o noso entorno como a algo do máis natural do mundo que esquecemos con moita facilidade que este planeta (o único que temos) alberga moitos tipos de seres humanos, algúns deles vivindo nas situacións máis extremas e perigosas.
Estas imaxes, preciosas, poden tamén axudarnos a recordar que o noso estilo de vida non é o único existente, que hai outras persoas, outros modos de vida diferentes e que tal vez converternos en consumidores compulsivos non é a única maneira posible de existir.

10.2.11

A QUEN TI QUEIRAS...
Queres dicirlle algo especial a alguén?
Podes facelo cun poema.
Selecciona o que máis che guste. Logo podes pasar pola biblioteca para recollelo.
Escribe na parte traseira a dedicatoria e entrégao
a quen ti queiras...
Podes escoitar a canción mentras les e escolles!


6.2.11

XOGAS UN "PRIVIAL"?
Seguindo co post do outro día sobre internet e as súas vantaxes e perigos (aquilo do sentidiño común que falabamos) chégame esta páxina divertida sobre o coidado da nosa imaxe na rede.
Proponnos un xogo estilo 'trivial' para ver canto sabemos realmente sobre o tema. Pódese xogar de 1 a 4 xogadores, e eu confeso que nalgunha das preguntas metín a zoca.

Es un experto/a en privacidade, manexo de datos persoais, uso da webcam, sexting...? Pois que non se diga, contesta as preguntas e consegue os diplomas que o acrediten.