Mostrando entradas con la etiqueta igualdade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta igualdade. Mostrar todas las entradas

7.3.12

8 de marzo
DÍA INTERNACIONAL
DA MULLER
Aínda que son moitas as conquistas, segue existindo a necesidade de seguir loitando para garantir a igualdade de dereitos da muller no mundo e acabar coas situacións discriminatorias. As diferencias, que aínda existen, teñen que desaparecer. Non podemos dar nin un só paso atrás, non pode haber recortes na igualdade. Todos e todas xuntos temos que ir avanzando neste difícil camiño.
Moitas mulleres ao longo da historia foron dando pasos decisivos. Esta presentación pretende ser unha homenaxe a todas elas, cunha pequena, e á vez grande, representación.





26.11.11

CAMARIÑAS DI NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

Onte, en Camariñas, organizado pola Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade, xuntámonos un grupo de xente para render unha homenaxe ás mulleres mortas este ano, vítimas da violencia de xénero. Unha vela por cada unha delas, e tamén por aquelas que sofren esta situación a diario e que non saen na prensa. Ou sabemos delas cando xa é demasiado tarde.
É hora de que todos paremos esta barbaridade, que parece impensable en pleno século XXI, nun país que se di civilizado. É hora de que aparezan os homes e os "machos" volvan ás cavernas, que é onde lles corresponde estar.
Unha vela, un recordo, unha dor, por cada unha delas.

23.11.11

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO
Deixamos aquí un vídeo, realizado polo Instituto asturiano da muller, sobre  a prevención da violencia de xénero. Unha curtametraxe de Ángeles Muñiz titulada “Propiedad Privada” na que se  aborda a violencia que poden sufrir as mulleres na súa vida cotiá e nas súas relacións afectivas.
Resulta interesante ver como a situación de violencia psicolóxica que se reflexa no vídeo sucede nun ambiente de boa posición social e económica e como, de cara ao exterior, a imaxe ofrecida polo home é toda sorrisos e amabilidade. A tolerancia dos outros, nai, amigas... non axuda a atopar unha saída. Debe esperar máis a protagonista para tomar unha decisión? Que farías se foras ela? Que farías se foras el?
Hai un interesante material didáctico para traballar sobre o tema neste enderezo.



27.5.11

A IGUALDADE:
MISSIÓN POSSIBLE

A área de igualdade do Concello de Camariñas eo I.E.S. Pedra da Aguia de A Ponte do Porto, organizan o primeiro concurso de curtametraxes realizadas polo móbil:


A igualdade: Missión Possible.

Mira os vídeos atentamente no Canal Vilán de Youtube e logo vota aquí debaixo polo teu preferido:

Esta actividade participativa de sensibilización e prevención ten como pretensión principal que a mocidade desenvolva a súa creatividade por medio de visibilizar a situación de desigualdade que viven moitas mozas en situacións cotiás na nosa sociedade por medio do uso das novas tecnoloxías. Preténdese que o alumnado participante forme parte de todo o proceso de elaboración da peza e sexa protagonista da súa propia aprendizaxe.
Das catro curtametraxes resultantes elixiranse as dúas mellores, por medio dun premio a mellor curtametraxe elixida por un xurado especializado e un premio ao mellor corto elixido polo público. Os premios non poderán ser acumulativos. Se o premio do público coincide na curtametraxe galardoada polo xurado, será a seguinte en orden de votación a que obteña o premio.

1.3.11

DE COBARDES, NADA!
... como quedou demostrado onte na sesión de "Cine para falar", na que nos xuntamos máis de trinta persoas, rapaces/as a adultos/as, para ver unha película e comentala entre todos.
A peli en cuestión foi "Cobardes", sobre o acoso escolar, e o tema deu para falar moito, e a verdade é que esta vez os rapaces e rapazas falaron máis e mellor e uns animaron a outros a participar (grazas, Bruno, grazas, Clara). Tivemos que deixalo aló polas sete e media, pero aínda quedaban cousas por falar e gañas de facelo. Os/as maiores seguiremos dándolle voltas ao tema na seguinte reunión.
Desde aquí a noraboa a todos os/as participantes, pola atención, pola intensidade, pola participación.

25.1.11

O PERIGO DUNHA ÚNICA HISTORIA
Este non é un vídeo para que o pasedes ben un rato.
É un vídeo para reflexionar con calma.
Aqueles de vós que sodes máis maduros poderedes entender o discurso de Chimamanda Adichie (eu vou encargar xa un libro seu). Para os adultos, e especialmente para aqueles que nos movemos entre libros, entre historias, debera ser obrigado.
Podedes practicar inglés, pero tamén podedes subtitulalo en castelán picando en 'view subtitles', na parte inferior do vídeo.
Que nunca conten a vosa historia como unha historia única!

28.11.10

NON AO MALTRATO
Xa temos as tarxetas coas vosas frases contra a violencia de xénero. Perdoádenos que algunha quedou polo camiño por un problema coa cámara. En calquera caso, todas contan, e podedes velas durante uns días na corcheira do corredor.
Hai que felicitar tamén a toda a xente que acudiu á homenaxe ás vitimas, celebrada en Camariñas o mesmo día, sempre esperando que nunca máis sexa necesario recordalas por este motivo.

25.11.10

TARXETA VERMELLA!
Moitas, moitas tarxetas vermellas víronse hoxe no Insti. Moita xente quixo paralle os pés aos maltratadores. Sumámonos así á campaña "Saca tarjeta roja al maltratador", incorporando a nosa foto. Quen quixo, ademais, deixounos unhas frases contra o maltrato que expresan con bastante claridade o que toda a xente de ben desexa: que nos respetemos todos como persoas!
Desde a biblio queremos agradecervos a todas e todos a participación no acto. Gústanos moito cando a xente responde así ás iniciativas que propoñemos.

23.11.10

TARXETA AO MALTRATADOR
Este xoves 25 é o día CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. Temos que sacarlle a tarxeta vermella aos maltratadores, e expulsalos do xogo.
Este xoves, no recreo, faremos unha foto coa tarxeta vermella, colaborando coa campaña Saca tarjeta roja al maltratador, para mostrar que somos, primeiro de todo, persoas, e logo homes e mulleres.
Animádevos a escribir unha frase contra a violencia de xénero na vosa tarxeta. Temos que encher con elas os corredores do instituto!
Aquí tedes un vídeo sobre este tema, que ten o valor engadido de que foi realizado por adolescentes:

9.3.10

MISIÓN POSIBLE!
Aquí tedes aos orgullosos gañadores e ás orgullosas gañadoras (que non me digan elas que non falo en feminino) do concurso sobre igualdade, lucindo a camiseta co seu slogan gañador. Véselles no sorriso contentos co seu merecido premio.
E dito esto, ímonos meter un pouco con eles/as:
que fan tantos homes en primeira liña e tantas mulleres na última? Son eles que queren estar diante?? Son elas que pensan que o seu sitio é máis atrás??? Houbo tiros por conseguir as prazas de diante???? Hai competencia por conseguir a pose máis "sexy"????? ehh, ehhh????

8.3.10

cenicinta

DÍA DA MULLER (II)
Seguimos a 8 de marzo e seguimos celebrando o día da muller (traballadora ou non, porque todas son traballadoras, dun xeito ou outro). Unha forma de celebralo foi a reunión de nais/pais esta tarde na biblio, sobre o tema da igualdade (que gusta dá ver a biblio chea de nais e pais e outras xentes), outra foi a entrega de premios aos slogans pola igualdade (felicidades 1ºB: igualdade: mision posible)e outra, por exemplo, a exposición de materiais que tedes no corredor. A ver se facemos realmente posible que cando vós sexades adultas/os, o chiste de hoxe de Forges xa non se entenda, porque daquela ninguén poida pensar que os 'xefazos' lles paguen diferente a homes e mulleres que fan o mesmo traballo. Seremos capaces?? Seredes capaces??

29.1.10

POLA PAZ
Xa sabedes que na biblioteca non podemos deixar pasar este día, (30 de xaneiro, día da PAZ), así como así. Sempre defenderemos as ideas e as palabras e non as armas!
O grupo Fuxan os Ventos musicou hai anos un precioso poema de Celso Emilio Ferreiro, que podedes ver e escoitar aquí abaixo.

Non podo resistirme a poñer aquí unha das cancións máis utilizadas a favor da PAZ. Imagine (imaxina), desde que foi composta por John Lennon. E recorda que a PAZ empeza cos xestos máis pequenos e por nós mesmos e os que nos rodean.
You may say I'm a dreamer,
but I'm not the only one.
I hope someday you'll join us
and the world will be as one
se queres a tradución podes vela aquí.

10.12.09

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES COS DEREITOS HUMANOS
Tal día coma hoxe, un 10 de decembro de 1948, aprobouse a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Hai xa 61 anos desta data e seguimos aínda sufrindo a falta destes dereitos, ou sufrindo ataques directos aos mesmos, nunha grande parte do mundo no que vivimos.
Son moitas as persoas e as organizacións en todo o mundo que intentan poñer todos os medios para que estes dereitos sexan realidade para todos os humanos e conseguir que se fagan realmente universais.
As bibliotecas escolares queremos poñer o noso gran de area neste empeño, en recordo, por exemplo, daqueles que nunca na súa vida poderán ter acceso á educación.
Así podemos ver o cartel que nos envían dende o CEIP de Pazos, no que todas as cores forman parte da mesma man. Ou estoutro do IES Río Cabe, que nos deixa ver a desigualdade entre dous mundos que habitan o mesmo planeta.
Desde o CEIP San Martiño-Salcedo mándannos un enlace para saber algo máis sobre os Dereitos Humanos cun sinxelo xogo, da Cruz Vermella.

24.11.09

DIA INTERNACIONAL
CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
DI NON Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES!
“Unha de cada tres mulleres e nenas pode sufrir abusos no transcurso da súa vida.” Contamos contigo para contribuír no cambio. Pasa á acción.
NON – ÚNETE para Por Fin á Violencia contra as Mulleres. Pica na foto para ver o vídeo da campaña.
(Nicole Kidman, Embaixadora da Boa Vontade de UNIFEM)
Se queres participar na campaña vai a esta páxina

No concurso - es + cine para ser a voz dos que calan, rapaces de ESO e Bacharelato de diferentes centros de España, redactaron guións para unhas curtametraxes que logo profesionais do cine como Chus Gutiérrez, Ángeles González Sinde, Daniel Guzmán, Malena Alterio, Emma Suárez, Eduard Fernández o Víctor Elías, levaron á pantalla. O resultado e os premios foron os seguintes.

23.11.09

25 DE NOVEMBRO DÍA INTERNACIONAL
DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA
CONTRA A MULLER

No ano 2000 a Asemblea Xeral da ONU aproba unha resolución que establece o día 25 novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O 25 de novembro de 1960 foi a data na que as tres irmás Mirabal foron violentamente asasinadas na República Dominicana polo seu activismo político. Convertéronse en símbolo da loita pola erradicación da violencia contra as mulleres, primeiro en América Latina e dende o ano 2000 en todo o mundo. Se picas no selo poderás atopar máis información sobre elas.
A fixación desta data significa o recoñecemento mundial dunha inxustiza: a violencia de xénero.
Moitos cantantes e artistas falan nas letras das súas cancións deste problema. Aquí tes algunhas. Se coñecedes algunha máis podedes incluílas nos comentarios.

9.11.09

A CAÍDA DO MURO
Hai hoxe vinte anos caía o Muro de Berlín, símbolo da guerra fría entre a URSS e EEUU que dividía Berlín en dúas zonas: oriental e occidental. Este muro de 45 quilómetros impediu durante 28 anos a libre circulación dos cidadáns alemáns polo seu país, e provocou a separación de moitas familias e a morte de moitos dos que intentaron saltalo. Empezou a ser derrubado a noite do 9 de novembro de 1989 ante os ollos atónitos dos espectadores de TV e dos cidadáns alemáns que o contemplaban "in situ".
Aquel día semellaba que o mundo era máis libre. Pero o tempo pasa e a historia repítese, e volven a construírse muros, a maioría invisibles, e, polo tanto, cada vez máis difíciles de derrubar. Con todo aquel 9 de novembro era o final dunha época.
Pode ser unha boa ocasión para lembrar aquel muro ao que cantaba o grupo Pink Floyd, que x alá xa polo 1979 falaba doutras formas de aillar á xente.
Vía "biblioblogs escolares", a través de Antonio Alonso.

15.3.09

Mulleres de Camariñas

Coincidindo coa celebración do Día da Muller traballadora, o sábado pola mañán presentouse oficialmente o Consello da Muller da Camariñas, nun acto en Aldea Madeira. Nace este Consello coa idea de recoller o sentir das mulleres do Concello e poder trasladalo ás persoas que teñen a autoridade e o poder de actuar. Xa sabemos dende hai tempo que as mulleres de Camariñas están tirando forte. Queremos dicirlles dende aquí que non están soas tirando do carro.
Ao remate do acto os alumnos da Escola de Hostelería de Aldea Madeira serviron uns pinchos elaborados por homes que realizaron o curso de cociña organizado pola Área de Igualdade do concello.


Ademais presentouse tamén o Banco de Tempo, para o intercambio de servizos e/ou habilidades entre os cidadáns.


31.1.09

Cantando pola Paz
Que gustazo! Ver a tanta xente no hall do instituto cantando xuntos pola Paz. Haille que dar as grazas ás que traballaron este tema e contribuíron á celebración. Estou certo que o ceo azul que temos esta mañá é debido aos cánticos de onte. PAZ


Día escolar da Paz from Libraco on Vimeo.

23.11.08

25 de novembro
Día internacional da eliminación da violencia contra a muller.

Desde o Equipo de Normalización Lingüística e desde a Biblioteca, queremos poñer o noso graniño de area para axudar a acabar con esta violencia machista.
Todos os días do ano deben ser días de non violencia!!
Visitade a exposición para estar informados e deixade aquí algún comentario solidario.

25.11.07

25 de novembro: día contra a VIOLENCIA DE XENERO!

Levamos días cunha conta atrás que moitos non soubestes adiviñar. Quizais porque todos e
todas vós sabedes que unha data, por desgraza, non significa o remate dunha peste, dunha lacra social. Que por riba dos nosos desexos está a crúa realidade.
25 de novembro.
Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerable nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia.
Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentable da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agrede sen motivo.
De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela.
25 de novembro.
Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia.
En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos.
Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado.
25 de novembro.
Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.