Mostrando entradas con la etiqueta alumnado. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta alumnado. Mostrar todas las entradas

19.3.12

O rei dos escaques
Xa temos o rei coroado deste curso: José Manuel Sar, de 2ºA.
Logo de arduas batallas e dun combate singular con Pablo, saíu vencedor na loita pola coroa. O seu reino conquistado: un xadrez electrónico, que lle permitirá mellorar (aínda máis) o seu xogo, aínda que os amigos dinlle que vai ter un problema: coa máquina non hai quen faga trampas!
De momento parece que a febre dos escaques sigue viva no Instituto, así que o curso próximo: máis xadrez! Conseguiremos no Escaques VII do próximo ano que haxa rapazas competindo?

14.2.12

PALABRA NAMORADA 2012
 Este ano, as palabras namoradas do noso Insti tomaron camiños novos: fíxeronse carta e fixéronse canción. Ademais os nosos carteiros do amor tamén tiveron traballo, aínda que seguro que en vindeiros anos han ter máis.
O que si está craro é que os talentos 'ocultos' (non tanto) do alumnado non deixan de sorprendernos. Non só os hai que escriben moi ben, e con moito sentimento, é que ademais cantan moi ben, (e algunha especialmente ben, verdade Laura?) como quedou demostrado hoxe. Sentímolo por Érica, que non poido cantar a súa canción (fallos da técnica, a pesar dos nosos esforzos, sorry so much!), e todos sabemos desde o festival anterior o ben que o fai.
Queredes que a próxima vez as cancións sexan adicadas?

28.1.12

CONSTANCIA
Non sei por que sería, pero vendo este vídeo que aquí vos deixo, non puiden menos que acordarme dos meus alumno/as. Que mos recordaría?
Cantas veces lles falamos de que as cousas non sempre saen á primeira. Cantas veces insistimos na constancia no esforzo para chegar a conseguir algo a pesar das dificultades e dos erros cometidos no camiño. As cousas boas requiren esforzo, e a constancia ten o seu premio, seguro que mellor que o do porquiño do vídeo:

22.1.12

CONVERSAS NA BIBLIO

Xa sabiamos que os alumnos/as do Club de Lectura deste centro non andaban moi ben da cabeza (A quen se lle ocorre andar a ler libros!??) pero é que ultimamente xa empeza a cousa a ser preocupante: dáselles por afirmar que os libros falan entre eles cando non os vemos, e que incluso están preocupados pola forma de actuar dos lectores. Eu non cría nada disto, pero eles din que deixaron unha cámara oculta e que gravaron o que aquí vedes. Cada un que saque as súas conclusións:

26.12.11

EXPLOSIÓN DE TALENTO
Neste festival de fin de ano no noso insti descubrimos, ou máis ben, deixáronse ver por fin, unha chea de talentos do máis diverso. Sabiamos xa de habilidades en danza e coreografía e tamén tiñamos experiencias estupendas en teatro, tanto de alumnos como de profes. Pero do musical tiñamos poucas mostras nos festivais, a pesar de ter incluso un disco gravado! Só nos deixaban ver unhas pingas en momentos dispersos. Neste festival por fin asistimos a unha maior concentración de músicos e cantantes. De sempre os profes de música (case todos) animaron o "cotarro" (un recordo para Almudena) e Charo non ía ser menos. Esperemos que estes talentos nos sigan deleitando en moitas outras ocasións.
O vídeo do festival é moi longo para colgalo enteiro, aquí vos quedan un par de mostras. Terédelo a disposición na biblio, onde o iremos vendo nos recreos, e quedará permanentemente no Canal Vilán, vale?
A diasfrutar das vacacións!

10.11.11

ARAOS TINTINEROS
Non podiamos desaproveitar a oportunidade, téndoa tan cerca, de ver a película de Tintín. Así que os Araos despregamos as ás (coa axuda dalgún papá Arao- grazas mil) e marchamos a Cee para poñernos guapos con esas gafas tan molonas que permiten ver en 3D. Hai que agradecer tamén á xerencia dos cines Xunqueira, que nos fixeron prezo especial por ser un Club de Lectura. Vantaxes de ser lectores!
Así pois, sentámonos comodamente nas butacas, acordámonos un momentiño dos que non puideron vir... e escomenzamos a nosa particular sesión de canibalismo: unhas aves (os Araos) coméndose outras aves (os flocos de millo). 
Agora só cómpre coñecer máis a fondo a Tintín e ler as súas aventuras na versión orixinal: os cómics. Se queredes ver cales son, e algún exemplo de viñetas podedes visitar esta páxina.

5.11.11

QUE MEDO ME DÁS!!
Xa temos aquí de novo o certame de micro-relatos de terror deste curso. Temos que felicitar ao alumnado de 4º que este ano ten máis participación que os de 1º ciclo. Felicitamos tamén, e agradecemos, ao profesorado que promoveu nas aulas a participación no certame. 
Tedes aquí debaixo os relatos. Todos arrepiantes. Lédeos atentamente e votade polo que máis vos guste. Tedes a enquisa abaixo dos contos. Haberá premios para cada ciclo. E xa postos a votar, quen é capaz de saber que profe escribiu cada un dos catro últimos relatos?
Atentos ao día das lecturas dos gañadores e á entrega de premios.
Vota nesta enquisa: marca os teus favoritos e preme INTRO.(se non premes non memoriza)

29.10.11

DÉRONLLE CABAZAS!
Ben, en realidade a cabaza deuna ela.
O que fixo o xurado foi concederlle un premio polo traballo ben feito e por esa pinta de "Dona Rogelia" (para os que recordan a tal "señora") con cara de tomarse o mundo a cachondeo.
Temos algún "cheque" máis esperando aos alumnos que non teñan "medo" de escribir e/ou ilustrar o micro-relato de terror do certame literario deste ano. 
Na biblio xa estamos esperando, sedentos de sangue, que chegue o día das lecturas, para chantarlle os nosos "cairos de vampiro" a quen se atreva a entrar alí. Se non me credes mirade este vídeo para ir sabendo o que vos agarda... 

Personalize funny videos and birthday eCards at JibJab!

25.10.11

OS ARAOS SAEN DO CASCARÓN
Por fin nesta semana conseguimos que os Araos do Instituto, os membros do Club de Lectura de Alumnos, saian do cascarón. Os Araos maiores lles gañaron a partida hai uns días, pero agora xa estamos todos en marcha.
Queremos darlle a benvida aos novos araos, que pasan a formar parte do Club este curso. Os máis veteranos xa saben como vai a cousa, e digo eu que se repiten, por algo será...
Saúdos tamén a todos os lectores/as do insti (que os hai, e máis do que parece) que non están no club. Gustarianos telos con nós, pero sabemos que non sempre é posible. A porta sempre estará aberta.
Esperemos que todos poidades encher os vosos carnés cunha chea de libros que vos gusten e vos fagan disfrutar.
Que a lectura vos acompañe!

18.10.11


QUE MEDO ME DÁS!!
Xa temos aquí cerquiña o Samaín-Halloween. É tempo de pasar medo!
Xa podedes ir afiando os coitelos... para preparar as cabazas. E podedes ir afiando os lapis para escribir eses terroríficos relatos de terror aos que nos tedes acostumados, e para debuxar esas espantosas (porque dan espanto, ollo) ilustracións.
As cabazas hai que entregalas os días 26 e 27 deste mes. Os relatos e debuxos teñen de prazo ata o 4 de novembro, para que teñades tempo de ir afiando os dentes.
En calquera caso podedes ler as bases aquí debaixo. Así que... Ánimo, sen medo!!!

9.10.11

A RITMO:
sip, sap... boing
Para min foi unha mágoa que só cheguei a tempo de compartir o taller de ritmo cos de 4ºB, pero paseino de medo... Xoán e Álvaro enrróllanse moi ben e teñen, realmente, moito ritmo. Conseguiron en 50 minutos escasos que acabaramos practicamente facendo música cos nosos corpos, cunha axudiña da guitarra de Xoán.
A sorpresa máis grande foi pola tarde, na Casa de Pedra, onde, a pesar de que o local non ten a acústica adecuada, descubrimos un feixe de músicos estupendos, excelentes instrumentistas (Camariñas, terra de músicos), que fan unha música propia, lonxe dos éxitos 'prefabricados' de moitas discográficas internacionais e que mestura con acerto tendencias moi variadas. Quen dixo que a xente nova só sabía facer botellón e xogar coa Wii?
Aquí vos deixo unha mostra do taller e a páxina de Xoán na que podedes ver e escoitar algunha das cousas que disfrutamos no concerto.



19.9.11

FELIZ CURSO !!
 Xa estamos aquí outra vez. Se ata parece que non houbo vacacións!!
O día da presentación sempre é un día un tanto especial: a ver con quen me toca, a ver quen é o meu titor/a, a ver como son os novos... Todo está "por estrear". Xúntanse as ilusións e uns gramos de "medo". 
Desde a Biblio queremos darvos a todos a benvida e desexarvos que as ilusións se cumpran e os medos se convirtan en desafíos a vencer. Desexamos que cando chegue fin de curso as caras sexan, cando menos, tan alegres coma as de hoxe.
BENVIDOS!

19.6.11

ENTREGA DE PREMIOS
Estes días non paramos de facer actos na nosa biblioteca. Desta volta a propia biblio, o Dep. de Galego e o de Dinamización veñen de entregar os premios do Certame Literario do Día das Letras Galegas.
Para comenzar houbo un recitado de poesía a cargo dos de 1º. Antía, Carlota, Lara e Laura, de 1ºA leron "Letanía de Galicia" de Uxío Novoneyra. Sara e Laura, de 1ºB, leron "Os ratos" de Celso Emilio Ferreiro.
Logo os diferentes autores premiados leron as súas creacións: os poemas gañadores, de María Canosa e Raquel Lema, ou algún anaco do texto narrativo premiado, de Rui Santalla e Carlota Campaña. Aquí vos deixamos un vídeo con imaxes do acto.

9.6.11

ENTREGA DE TROFEOS
Hoxe se entregaron na biblio os trofeos do Torneo San Xurxo, que xa é todo un clásico do deporte no centro. Houbo trofeos para equipos e para os pichichis de cada categoría.
Para que a festa fora algo máis 'marchosa' cumprimos hoxe a promesa que tiñamos feita hai un tempo, de ter na sala unha sesión de "Beat Box". Os amigos Pablo e Jaime fixeron toda unha exhibición. Podedes vela aquí debaixo e no Canal Vilán.

7.6.11

UN INSTI CON SABER E SABOR!
Hai pouco tempo un grupo de alumnos de Atención Educativa de 2º tivemos a oportunidade de coñecer o segredo da pizza de mans de Óscar. o mestre pizzaiolo, que nos explicou como facer a masa e o uso da Mozzarela.

Óscar comenzou a charla e nós estabamos ao outro lado da barra coas libretas abertas, era o día das libretas na barra! Mentres ía facendo a pizza explicábanos o segredo, que efectivamente está na masa, porque debe ter cantidades exactas de ingredientes. E mentres, contábanos a historia da Pizza Margarita, na honra da raíña de Saboya do mesmo nome.

Logo de comer (devorar) a pizza feita polo mestre chegou o momento de facer as nosas probas: Maryeli fixo unha de mozzarela e xamón, Abraham dúas moi boas e unha malísima de alcaparras e Ariel rematou cunha de mozzarela, tomate e gambas. Espero que volvamos outro día, que temos que seguir praticando...


27.5.11

A IGUALDADE:
MISSIÓN POSSIBLE

A área de igualdade do Concello de Camariñas eo I.E.S. Pedra da Aguia de A Ponte do Porto, organizan o primeiro concurso de curtametraxes realizadas polo móbil:


A igualdade: Missión Possible.

Mira os vídeos atentamente no Canal Vilán de Youtube e logo vota aquí debaixo polo teu preferido:

Esta actividade participativa de sensibilización e prevención ten como pretensión principal que a mocidade desenvolva a súa creatividade por medio de visibilizar a situación de desigualdade que viven moitas mozas en situacións cotiás na nosa sociedade por medio do uso das novas tecnoloxías. Preténdese que o alumnado participante forme parte de todo o proceso de elaboración da peza e sexa protagonista da súa propia aprendizaxe.
Das catro curtametraxes resultantes elixiranse as dúas mellores, por medio dun premio a mellor curtametraxe elixida por un xurado especializado e un premio ao mellor corto elixido polo público. Os premios non poderán ser acumulativos. Se o premio do público coincide na curtametraxe galardoada polo xurado, será a seguinte en orden de votación a que obteña o premio.

9.5.11

XA SABEMOS QUE!!!
Xa rematamos o Sabías que...? deste curso e, logo dunhas emocionantes xornadas, onde os nervios tiveron moito que dicir, xa sabemos quen son os gañadores do concurso.
Os finalistas foron tres equipos bastante ben repartidos, porque había neles xente de case todos os niveis, de 1º a 4º, e só faltaba alguén de 3º. Finalmente, nunca mellor dito, alcanzaron o gran premio os de 4º, en segundo lugar un equipo de 2º e en terceiro lugar un equipo mesturado de 1º e 2º. Penso que non estivo nada mal e seguro que o ano que ven aínda será mellor.
Noraboa aos finalistas e moitas grazas a todos os participantes, aos que chegaron máis arriba e aos que quedaron nas primeiras roldas. E ánimo, que haberá máis cursos e mais Sabias que? e agora xa tedes experiencia!
Ah, e para ver o vídeo con música picade aquí!

14.4.11

CIENCIAS, MATES, TECNO...

Estes días tivemos a sala de usos múltiples, e algún dos espazos exteriores do insti, cheíños de cousas interesantes: azucre que se converte en carbón, contas feitas ao estilo dos exipcios, ou dous maias, móbiles que se autodirixen seguindo unha liña marcada, peixes que nos deixan ver aos seus 'inquilinos', o luminol para detectar o sangue... Vaia, que nin os do CSI! Hai que agradecerlles aos profes o esforzo da organización e a preparación das diferentes probas. A mellor recompensa é saber que funcionou estupendamente. E ollo, porque ademais pode ser que o que aquí se viu sirva para unhas cantas preguntas do noso concurso "Sabías que...?" Faltan as semifinais, das que sairán tres equipos, e logo... A Gran Final, unha proba contrarreloxo. Atentos!

5.4.11

EMPEZAMOS

Xa temos en marcha o concurso deste ano de Sabías que...? Como novidade, este ano cambiamos o formato, e agora xogamos equipo contra equipo. Os gañadores pasan á seguinte fase, e irán enfrontándose entre eles, ata chegar á Gran Final. Na primeira fase tedes unha serie de preguntas cun máximo de 30 segundos para contestar. Na segunda fase cada equipo contará con 5 minutos para averiguar as respostas dunha serie de preguntas encadeadas, e no caso de que os dous atopen as solucións, o tempo empregado por cada un será o que decida quen é o vencedor. Emocionante, non si? Se non estás nun dos equipos, podes asistir como público na biblio durante os recreos. Sorte aos participantes!

23.3.11

A IGUALDADE: MISSIÓN POSIBLE

Está convocado o concurso de curtas realizadas co móbil, ou coa cámara de fotos, sobre o tema da igualdade, seguindo o slogan gañador do concurso do ano pasado: A igualdade, missión posible! Colabora con nós, para sacar adiante a iniciativa e premiar aos gañadores, a Concellalía da Área de Igualdade do Concello. Haberá dous premios, un do Xurado e outro por votación popular. En canto teñamos os vídeos preparados (un pouco de paciencia) colgarémolos neste blog para que poidades votar polo que máis vos guste. Podedes consultar as bases aquí. E recordade, a igualdade conséguese día a día, entre tod@s.