Mostrando entradas con la etiqueta lectores. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lectores. Mostrar todas las entradas

29.3.12

AO SOL DE PRIMAVERA
Xa temos aquí as vacacións da semana santa que chegan coa primavera. Este ano máis veraniegas que nunca, cun sol que quenta que parece pleno verán.
E debe ser que todo florece nesta época, porque tamén florecen os Araos: queremos darlle a benvida a tres novas lectoras que se non unen agora, e espero que por moito tempo. Benvidas Adela, Desi e Laura, encantados de tervos con nós!
Pois xa sabedes, coma sempre, tedes a nosa guía de suxestións (e xa sabedes que hai moitos máis) de lectura.
Unhas recomendacións, entre moitas posibles, para tumbarse na herba a ler un cacho. E non te preocupes se a vista se che perde de cando en vez nas flores que andan a rebentar nas árbores ou o canto dos paxaros, coas súas reviravoltas aéreas nos fagan levantar a vista da páxina na que estamos.
A primavera é así, a vida é así, a lectura é así.

27.3.12

SECRETO DESCUBERTO??
Hoxe tivemos un encontro, un moi agradable encontro, cos creadores do Mundo Secreto de Basilius Hoffman, Fernando Cimadevilla (escritor) e Iván Valladares (ilustrador), que nos desvelaron parte dos segredos do libro e nos puxeron os dentes longos esperando a segunda parte.
Ademais Iván deleitounos mostrándonos o traballo, enorme, previo ás ilustracións definitivas. Como botón de mostra vimos os estudos de anatomía dos "felinos", para conseguir a súa forma definitiva e saber entón como se "moven" ata os estudos sobre o "Argestes" e o seu funcionamento. Impresionante.
Queremos agradecerlles a santa paciencia, xa que tivemos que pospoñer a visita nunha ocasión, e o ofrecemento de enviarnos un debuxo orixinal adicado.  Por outra banda lamentamos que xusto hoxe (xa era moito cambiar datas) houbera membros do club que non puideron asistir á reunión. Pero en fin, como quedamos convocados para o segundo volume... xa haberá tempo.
Aquí vos deixo unhas fotos de mostra:
Encontro secreto on PhotoPeach

9.2.12

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
UN GRANDE
E resulta que, como todos os grandes de verdade, é unha persoa encantadora, cercana, acolledora... que consegue que unha vídeo-conferencia se pareza máis ben a un encontro entre amigos no salón da casa. Fala e di as cousas, como nos seus libros, cunha claridade que fai que todo pareza fácil.
Acabamos de ler, no Club Arao de adultos, o seu libro "Non hai noite tan longa" (enlace): fácil de ler, clariño, que te leva suavemente pero con firmeza... e logo nos conta o traballo que lle levou: os apuntes, as notas biográficas, a documentación, os debuxos dos lugares, o primeiro proxecto, os sucesivos borradores... e o traballo de 'limpeza', de 'debullar' as palabras, as frases, de 'sacrificar' parágrafos, capítulos...Tes que lelo unha segunda vez (unha terceira, dentro dun tempo) para ver ese traballo, porque na primeira simplemente te deslizas polo texto con total suavidade. E aínda ten tempo de comentar a entrada no blog do noso club!
Grazas, Agustín, por este libro, por tantos outros e polos que veñan. Grazas por ser.


25.10.11

OS ARAOS SAEN DO CASCARÓN
Por fin nesta semana conseguimos que os Araos do Instituto, os membros do Club de Lectura de Alumnos, saian do cascarón. Os Araos maiores lles gañaron a partida hai uns días, pero agora xa estamos todos en marcha.
Queremos darlle a benvida aos novos araos, que pasan a formar parte do Club este curso. Os máis veteranos xa saben como vai a cousa, e digo eu que se repiten, por algo será...
Saúdos tamén a todos os lectores/as do insti (que os hai, e máis do que parece) que non están no club. Gustarianos telos con nós, pero sabemos que non sempre é posible. A porta sempre estará aberta.
Esperemos que todos poidades encher os vosos carnés cunha chea de libros que vos gusten e vos fagan disfrutar.
Que a lectura vos acompañe!

23.4.11

DÍA DO LIBRO
O NOSO DÍA
Hoxe celebramos, como cada ano, o Día do Libro. Tedes unha pequena explicación aquí sobre a orixe deste día.
Pero este ano apetéceme que celebremos tamén o noso día, que nos autofelicitemos a panda de 'tolos' (un saúdo aos do club Arao e demais aves voadoras) que disfrutamos cun libro nas mans, que sufrimos ás veces cando rematamos o que estabamos a ler ou nos quedamos perdidos se rematamos un e non temos outro que levarnos aos ollos.
En realidade ese debe ser o verdadeiro día do libro, digo eu, o que celebramos cada vez que abrimos as páxinas dese amigo que nunca nos deixa tirados. A que si!
Unha compañeira do IES de Melide fixo unha presentación estupenda da historia do libro. Disfrutádea:

9.12.10

ARAOS 2.0
Xa levamos un tempiño funcionando co Club de Lectura Arao neste curso. Algunha xente é nova e outros xa son 'veteranos', e incluso contamos con algúns que non nos queren abandonar a pesar de que xa deixaron o 4º atrás.
Os máis atrevidos e atrevidas deixan aquí algunha reflexión sobre a lectura e o club. A ver que vos parece:

Arao 1 from Libraco on Vimeo.

13.11.10

STEVENSON
Seguro que te tes fixado na imaxe que hai estes días ao lado da caixa de búsquedas de google. Pois é unha homenaxe a Robert Louis Stevenson, que por estes días cumpliría 160 anos.
Naceu en Escocia, viviu en Estados Unidos e acabou nas Illas dos Mares do Sur, que tanto lle gustaban, en Samoa. É un dos grandes escritores ingleses e seguro, seguro, que aínda que non lésedes nada del oíchedes falar da Illa do Tesouro e do pirata John o Largo. Na biblioteca do insti podedes atopar obras súas polo menos en tres idiomas, entre elas a mencionada Illa do Tesouro, de aventuras, e a novela de medo Dr. Jekyll e Mr. Hyde, por nomear dúas das novelas máis famosas, levadas ao cine nunha chea de ocasións.

10.11.10

OS ARAOS SAEN DO NIÑO
Hoxe puidemos, por fin, arrancar co Club de Lectura de Alumnos, os Araos pequenos. Xa ía sendo hora, que xa se queixaban que non hai dereito (e teñen razón) de que os Araos maiores xa tiveran dúas reunións e eles ningunha. Pero as cousas foron así, para os maiores tiñamos libro (o último que leran os pequenos o curso pasado) e o dos alumnos non daba chegado.
Pero chegou! Imos ler Poderosa, aínda que dúas alumnas que xa o leron (e que nos recomendaron o libro) lerán Poderosa 2. E os máis maiores lerán algo un pouco máis complexo: A cabeza de Medusa. A disfrutar!

17.10.10

ARAOS EN VOO

Xa estamos preparando o novo curso no Club de Lectura ARAO . Ultimamente algúns xa non me preguntan polos corredores que 'a ver cando empezamos', e iso non é bon sinal, porque indica que empezan a desesperar: pois non, home, non!
Xa estamos aquí, este xoves vémonos na biblio no recreo para ver cantos somos neste curso: os que permanecedes doutros anos e os novos que se queiran integrar no noso club.
Animamos a todos os 'leóns e leonas' a compartir lecturas e comentarios. Vémonos!!

10.6.10

UN LIBRO

MOI ÚTIL

Cumpro a miña promesa aos Araos "grandes" do Club de Lectura, aos que tanto lles gusta voar! (Aos Araos pequenos aínda os vexo cada día). Aquí vos deixo o vídeo prometido que demostra ben ás claras que os libros son sempre extremadamente útiles, e para as máis variadas funcións. E tamén demostra o ben que se poden entender as tecnoloxías tradicionais impresas coas novas tecnoloxías dixitais!!

Serva esta entrada do blog de despedida ata o curso que ven, no que voaremos xuntos de novo. Boas Lecturas de verán!
!

27.4.10

DÍA DO LIBRO (e 2)
Xa damos por rematado o noso libro XXL, que podedes ver completo, a tamaño natural, cerca da entrada da biblio. Podes ver aquí moitas das respostas de xente coñecida. Pero ademais, queremos deixar constancia tamén aquí, no blog da biblio, das respostas que foron dadas á nosa pregunta, Para que les? pola xente do instituto. Paga a pena miralas e lelas con certa atención. Veredes que as hai para todos os gustos e preferencias, pero todas teñen o seu sentido.

23.4.10

O LIBRO DO LIBRO
Xa sabiades que para celebrar o día do libro andabamos a fabricar o libro XXL coas respostas a: Para que les? Pois ben, xa temos moitas respostas da xente do insti, de alumnos, profes, persoal non docente, nais e membros dos clubs de lectura. Con todo elo estamos a facer o libro, coa axuda de Javier, o profe de Plástica. Non damos rematado porque seguen a chegarnos respostas.
A verdade é que o libro está quedando realmente ben e non queda máis que agradecer a todos os que colaborástedes na súa execución. Cando o teñamos completo intentaremos colgalo aquí en imaxes pra que todos o poidades disfrutar. Aquí quedan algunhas das imaxes que usamos.
Bo día do libro a todos/as. A LER!

Día do libro 2010 on PhotoPeach

21.4.10

PARA QUE LES?
Esta pregunta fixémoslla a unha chea de persoas. Para celebrar o día do libro fomos xuntando, a través das Biblios Escolares de Galicia, as respostas da xente máis variada, de xente da TV a escritores, deportistas... Tamén nos fixemos a pregunta entre nós, á xente do propio Instituto. Xa hai varios alumnos e alumnas que contestaron, e algúns profes tamén.
Tedes as respostas no libro, tamaño XXL, que está cerca da entrada da biblio, e que aínda irá medrando coas novas respostas de máis xente que se anime a participar.
Xa pensaches para que les ti?

11.3.10

UNHA SIMPLE PORTADA
A través do blog "Trafegando Ronseis" chéganos esta curiosidade sobre a creación da capa dun libro. Unha curiosidade máis para os que disfrutamos cando temos un nas mans e, tamén, unha demostración de que as cousas non saen ben así coma así: hai que 'pelexarse' con elas, correxir, re-mirar, refacer, retocar...
A próxima vez que miredes un libro pensade cal será a cantidade de traballo que hai detrás, desde que o escritor ten unha idea e empeza a preparalo e escribilo ata que chega ás nosas mans.
Boas lecturas!

3.3.10

2010 ANO do LIBRO e a LECTURA
Este ano, que hai non tanto que estreamos, foi declarado pola Xunta de Galicia como ano da lectura. Evidentemente a nós parécenos de perlas, aínda que, curiosamente, sexa o ano en que temos menos cartos para os clubs de lectura que funcionan no instituto.
Na biblioteca sempre pensamos, ano da lectura ou non, que un libro nas mans fai que moitos disfrutemos de miles de historias e, ademais, sabemos que un libro sempre axuda a facernos mellores persoas.
Hoxe en día non só se le nos libros, lese en moitos tipos de pantallas, e benvidas sexan. Pero non olvidemos o valor da lectura impresa, en negro sobre branco, que é a que permite máis reflexión, cunha maior tranquilidade. Aquí vos deixo un enlace a un artigo estupendo, de Manuel Area, que deberiades ler, sobre todo os novos. Saúde e libros!

14.1.10

REUNIÓN CLUB DE LECTURA
Mañá no recreo teremos unha pequena xuntanza de alumnos do Club de Lectura ARAO para ver como está a situación ao comenzo do novo ano, e para organizar a seguinte xuntanza na que comentar os textos que levamos durante as vacacións. Vémonos, colegas!!

13.1.10

BEN POR EDUARDO MENDOZA!!
O escritor Eduardo Mendoza ven de facer unhas declaracións que nos deixan moi bo sabor de boca. Afirma que as bibliotecas son lugares estupendos, nos que ten escrito moitos dos seus libros e nos que se atopa "o que buscas e o que non buscas", mentres que "en internet atopas só o que buscas". Curioso, non si?
Podes ler a noticia (pequena) en La Voz de Galicia, na que nos chama "chiflados" ao bibliotecarios e fala, breve e claro, sobre a importancia da lectura.

11.1.10

O PERIGO DOS LIBROS
Xa dixemos máis dunha vez que os libros sonche moi perigosos. Atacan directamente á cabeza, ábrena ao mundo e poden chegar a facer pensar, a entender e entendernos mellor, e a ter opinión propia sobre aqueles asuntos do noso interés. Aquí vos deixo un vídeo do humorista José Mota sobre os "adictos" aos libros.. ou ao mellor, máis que ver o asunto con humor, é un adianto no tempo do que pode ser real dentro duns anos? Os que lichedes, ou víchedes, Fahrenheit 451, sabedes a que me refiro.

14.12.09

Nadal de libro!
Como cada ano por estas datas (e por outras) publicamos unha guía de posibles lecturas para disfrutalas nas vacacións. Queremos mostrar un pouco de todo, tanto para vós como para os vosos familiares. Por iso vos invitamos a que levedes a casa unha copia da guía, que atoparedes na biblio, ou que a visitedes mesmo aquí debaixo.
Esperamos ter acertado. Boas lecturas!

29.11.09

As Bibliotecas Escolares en "La Voz de Galicia"
Hoxe vén de publicarse unha plana enteira en "La Voz de Galicia" falando sobre a animación á lectura que se fai en moitas bibliotecas escolares de Galicia. Está moi ben que fóra das paredes do centro se saiba o que se fai, que se fale dos clubs de lectura, da Hora de Ler, das mochilas viaxeiras, e que se saiba que desde aquí 'exportamos' estas iniciativas ao resto do España. Se queredes ver as noticias orixinais picade nos enlaces.