15.5.07

Corre lingua 07
Outro ano máis o insti participa no Correlingua, que este ano, na Coruña, cadrou en 15. Coma sempre, fomos un 'mogollón e medio': 132, e iso que este ano puxemos algunha condición á hora de apuntarse!
Había boa 'marchita', como se poder ver nas fotos e no vídeo, e tempo para cantar (mal), entrar nas pastelerías, ligar (pouco), bailar co Xabarín, equivocar o camiño e dar a volta, comer, ir ao cine... e ata facer compras!!
Non está mal como día para defender o que é noso e non queremos perder: o idioma. Tamén é certo que por aquí tratámolo bastante ben e non é necesario adicarlle un día especial xa que o coidamos a diario.

10.5.07

Moito "Conto"

Moito conto é o que teñen algúns de primeiro e de terceiro, que tiveron a sorte de contar coa visita de Santi Prego. Contou algunhas historias divertidas. Contounos, e cantounos, un cantar de cego, contos do Camiño de Santiago, representou unha micro-obra de teatro e algún que outro conto máis.

Está ben iso de que os alumnos escoiten a alguén diferente de nós, os profes, que xa sabemos que a habilidade de non oír(nos) téñena moi desenvolvida e moi practicada os de 1º, os de 2º, os de 3º...

Se queres ver algo máis do conto preme no conto.

6.5.07

NOVA SECCIÓN
Xa está funcionando a nova sección do blog "Outras Actividades". A cousa é que había algunhas cousiñas que pasaban polo Insti adiante, ou foral del, que tiñan pouco que ver coa biblio, pero tiñan moito que ver con vós, que digo eu que non só de libros vive o alumno, non si?
Igual que para o resto de seccións, tedes o enlace na columna da dereita, baixo e epígrafe "Tamén podes ir a".
Pois nada, a disfrutar, oiga! Que o pasedes ben con este novo apartado!!

2.5.07

Traballando co "inglés"

Igual que xa pasara cos de primeiro, que tiveron a visita do autor do libro que leran, os de segundo tamén tiveron a súa actividade do libro de lectura da segunda avaliación, "Intercambio cun inglés".
Non puido ser coa autora do libro, Christine Nöstingler, que é austríaca e quedáballe un tanto lonxe. Pero sí puido ser con Marisa, que lles organizou unha serie de xogos e preguntas sobre o libro. Parece que non o pasaron demasiado mal, vistas as fotos do momento.

16.4.07

Tonecho no Insti

Non foi exactamente Tonecho o que nos visitou hoxe no Insti, pero si o "culpable" de todas as que lle pasan a Tonecho.
Estivo con nós Breogán Riveiro, o autor que creou este personaxe e as súas aventuras. Veu falar cos de 1º, que o pasaran xa moi ben lendo o libro e agora pasárono outra vez moi ben falando co escritor.
Houbo unha chea de preguntas e a charla foi moi animada, tanto que tivemos que poñerlle freo e dar por rematado o encontro antes de que Breogán quedase coa gorxa reseca. Claro que a el encantoulle que houbera tanta participación e que a xente se animase a facer as súas preguntas. Gustoulle moito tamén a 'decoración' da biblioteca, que tiñamos grazas aos de PCA e á xente de alternativa de primeiro. Se queres ver o ambiente que había pica na foto.