8.12.11

HOMENAXE MERECIDA

O pasado sábado, durante o descanso do partido, o Club de Balonmán Boya, de Camariñas, tivo a feliz idea de homenaxear ao noso Javier. Non estamos afeitos a que se recoñeza publicamente o noso traballo e foi, para todos nós, unha alegría que alguén recoñecese o labor realizado por Javier durante todos estes anos.
Estou certamente seguro, e penso que non son o único, que o deporte neste concello non sería igual sen a súa presenza, esforzo e constancia. Desde logo, eu non sería igual!
Desde aqueles primeiros anos cambiaron moitas cousas, pero sempre quedarán na memoria as Festas da bicicleta, os equipos de deporte escolar, as primeiras clases de vela, as carreiras de campo a través, o descenso do río en piragua, as clases de esgrima, de escalada, de... Non, rapaz, ideas nunca che faltaron!

30.11.11

UNHA VIAXE MUSICAL POR EUROPA
Hai uns días tivemos a sorte e o pracer (grazas Charo), de escoitar un trío de música clásica do máis ameno e variado. Non só tocaban ben, ademais aprendemos moitas cousas sobre os países, os compositores e as diferentes épocas e estilos musicais europeos.
Presentado polo noso antigo coñecido Serafín Marcos, que tocou a guitarra clásica, o programa contou coa actuación de Dalibor Sebestik ao violoncelo e de Lucía Bustabad ao piano. Leváronnos de viaxe por diferentes países de Europa, ao tempo que aprendiamos sobre estilos e compositores e tamén, por que non, as súas anécdotas. Alguén pensara algunha vez que unha pinga de auga podía inspirar unha composición musical? Eu tampouco.
Quedamos á espera doutras actuacións... da man do noso virtuoso alumnado!

26.11.11

CAMARIÑAS DI NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

Onte, en Camariñas, organizado pola Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade, xuntámonos un grupo de xente para render unha homenaxe ás mulleres mortas este ano, vítimas da violencia de xénero. Unha vela por cada unha delas, e tamén por aquelas que sofren esta situación a diario e que non saen na prensa. Ou sabemos delas cando xa é demasiado tarde.
É hora de que todos paremos esta barbaridade, que parece impensable en pleno século XXI, nun país que se di civilizado. É hora de que aparezan os homes e os "machos" volvan ás cavernas, que é onde lles corresponde estar.
Unha vela, un recordo, unha dor, por cada unha delas.

23.11.11

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO
Deixamos aquí un vídeo, realizado polo Instituto asturiano da muller, sobre  a prevención da violencia de xénero. Unha curtametraxe de Ángeles Muñiz titulada “Propiedad Privada” na que se  aborda a violencia que poden sufrir as mulleres na súa vida cotiá e nas súas relacións afectivas.
Resulta interesante ver como a situación de violencia psicolóxica que se reflexa no vídeo sucede nun ambiente de boa posición social e económica e como, de cara ao exterior, a imaxe ofrecida polo home é toda sorrisos e amabilidade. A tolerancia dos outros, nai, amigas... non axuda a atopar unha saída. Debe esperar máis a protagonista para tomar unha decisión? Que farías se foras ela? Que farías se foras el?
Hai un interesante material didáctico para traballar sobre o tema neste enderezo.



19.11.11

VÍDEO DAS
BIBLIOS GALEGAS
Este vídeo proxectouse durante o Congreso de Bibliotecas Escolares en Tránsito, do que falamos na entrada anterior, como mostra do facer e do traballo realizado nas bibliotecas escolares galegas.
Unha preciosidade para sentirse orgullosos e un pouco envexosos (con envexa sá), sobre todo polos espazos que teñen algunhas delas. En calquera caso estou seguro de que a nosa seguirá mellorando curso a curso. Hai que saber valorala porque unha cousa teño clara: mellorando ela melloramos todos nós, profes, alumnos e familias. Disfrutade do vídeo: