28.1.12

CONSTANCIA
Non sei por que sería, pero vendo este vídeo que aquí vos deixo, non puiden menos que acordarme dos meus alumno/as. Que mos recordaría?
Cantas veces lles falamos de que as cousas non sempre saen á primeira. Cantas veces insistimos na constancia no esforzo para chegar a conseguir algo a pesar das dificultades e dos erros cometidos no camiño. As cousas boas requiren esforzo, e a constancia ten o seu premio, seguro que mellor que o do porquiño do vídeo:

22.1.12

CONVERSAS NA BIBLIO

Xa sabiamos que os alumnos/as do Club de Lectura deste centro non andaban moi ben da cabeza (A quen se lle ocorre andar a ler libros!??) pero é que ultimamente xa empeza a cousa a ser preocupante: dáselles por afirmar que os libros falan entre eles cando non os vemos, e que incluso están preocupados pola forma de actuar dos lectores. Eu non cría nada disto, pero eles din que deixaron unha cámara oculta e que gravaron o que aquí vedes. Cada un que saque as súas conclusións:

10.1.12

Celso Emilio Ferreiro
Isaac Díaz Pardo
DÚAS FIGURAS  SENLLEIRAS
Estes días de atrás cadraron dúas datas moi importantes para o noso país. Dunha banda tivemos a centenario do nacemento dun dos máis grandes poetas das nosas letras: Celso Emilio Ferreiro, que non só escribiu sobre temas sociais, senón que fixo algunha da máis sentida poesía amorosa da nosa lingua.
Doutra banda abandonounos Isaac Díaz Pardo, un dos últimos pensadores galeguistas, intelectual, artista, creador... Aquí podedes ver un traballo sobre a súa persoa que elaborou o equipo de biblioteca do IES de Elviña. E tamén podedes velo a el mesmo neste vídeo:

26.12.11

EXPLOSIÓN DE TALENTO
Neste festival de fin de ano no noso insti descubrimos, ou máis ben, deixáronse ver por fin, unha chea de talentos do máis diverso. Sabiamos xa de habilidades en danza e coreografía e tamén tiñamos experiencias estupendas en teatro, tanto de alumnos como de profes. Pero do musical tiñamos poucas mostras nos festivais, a pesar de ter incluso un disco gravado! Só nos deixaban ver unhas pingas en momentos dispersos. Neste festival por fin asistimos a unha maior concentración de músicos e cantantes. De sempre os profes de música (case todos) animaron o "cotarro" (un recordo para Almudena) e Charo non ía ser menos. Esperemos que estes talentos nos sigan deleitando en moitas outras ocasións.
O vídeo do festival é moi longo para colgalo enteiro, aquí vos quedan un par de mostras. Terédelo a disposición na biblio, onde o iremos vendo nos recreos, e quedará permanentemente no Canal Vilán, vale?
A diasfrutar das vacacións!

16.12.11

LIBROS PARA O NADAL
Hai xa uns días que tedes á vosa disposición a selección de libros, cómics e pelis que recomendamos desde a biblioteca. Aquí debaixo tedes as recomendacións en formato dixital para que poidades picar enriba de cada libro e ter algo máis de información sobre cada un deles.
Sabedes tamén que as nosas recomendacións non son as únicas posibilidades que tedes. Podedes escollar calquera dos fondos que hai nas estanterías, incluídas as novidades máis recentes.
Unha boa tarde de frío e choiva, unha lareira (ou no seu defecto, unha boa calefacción ) e un bo libro... quen da máis??