16.2.07

Un ximnasio movido
José Gacio, seleccionador galego de judo, andivo polo insti o mércores pasado. Gacio é Cinturón Negro 5º Dan de Judo pero, como tódolos auténticos bos deportistas, consegue que non se note.
Amable e agradable pasou un bo día no insti e, polo que parece nestas fotos, o alumnado tamén o pasou ben. Un "positivo" para os profes de E.F. e para Fran, o do Concello, que conseguiron traelo ao noso centro. ¿Atoparía aquí algún futuro competidor olímpico?
Un Chupa-chups para o primeiro que me diga cal é o número da CDU que usamos na biblio para os libros de deporte!

15.2.07

Gañadores PALABRA NAMORADA

Xa podedes ver os poemas gañadores do concurso de poesía no Recanto Literario deste blog.
Este ano a participación foi algo menor que noutros anos, e o xurado declarou algún premio deserto -hai que subir o nivel, amigos- e quedouse coas ganas de repartir máis regalos! Outro ano será!!

14.2.07

O AUDIOVISUAL NO INSTI

Este ano seguimos coa programación da actividade "O audiovisual nas aulas", que vén coordinando a biblioteca dende o curso pasado e que está promocionada polo Consorcio Audiovisual de Galicia.
Este ano inícianse no tema, dun xeito xeral, os de 1º nivel e os de 2º asisten a unhas xornadas de iniciación á animación, e parece que están animados vistos os traballos que realizaron hoxe, dirixidos por Virginia e Tomás, de "Algarabía animación". Cando teñamos o traballo definitivo, xunto cos realizados polos outros Instis, xa faremos un pase público para que todos poidades velo. Mentres tanto tedes que conformarvos con ver algunhas fotos.
¿Algún futuro director de cine entre o público?

12.2.07

Á PROCURA DO DATO
O ano pasado, cando estaban en primeiro, viñeron ver a biblioteca do insti para saber como estaba organizada e como atopar o que buscaban, sobre todo no que se refería a libros de ficción, para ler. Naquel momento algún colleu tal susto que saíu correndo e non voltou pisar a biblio ata este curso!!
Pero agora, que xa lles pasou o susto, volven, en segundo, para seguir practicando e para ver como é iso de facer os traballos que piden os profes, como atopar información e como presentala despois de traballala. Iso que queda tan bonito cando lle chaman "educación documental" ou "educación en información..."
A cousa é que está claro que non sempre vai "colar" o de visitar "el rincón del vago", que os profes xa o coñecen, e hai que espelir, que seguro que hai moitos traballos que presentar, neste curso e nos que virán.
Se queres ver máis imaxes de como traballan os de 2º ata a extenuación, preme na foto.

11.2.07

PALABRA NAMORADA
Coma todos os anos, este tamén ten o seu concurso para poetas.
Recorda que para participar debes completar o poemario que che entregamos coas pegatinas correspondentes. É moi fácil.
Unha vez que o teñas completo debes entregalo cun seudónimo, o mesmo co firmarás o/os poema/s. O teu nome real só aparecerá dentro dun sobre pechado. O poemario podes recuperalo cando o xurado comprobe que está ben.

Podes entregar un pema en cada unha das linguas que se estudan no instituto: galego castelán, ingles e francés. Hai un premio en cada ciclo para cada unha das linguas, así que... ANÍMATE!!
Os gañadores serán dados a coñecer o mércores 14 na biblioteca, onde os autores nos lerán os seus poemas premiados.