10.12.09

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES COS DEREITOS HUMANOS
Tal día coma hoxe, un 10 de decembro de 1948, aprobouse a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Hai xa 61 anos desta data e seguimos aínda sufrindo a falta destes dereitos, ou sufrindo ataques directos aos mesmos, nunha grande parte do mundo no que vivimos.
Son moitas as persoas e as organizacións en todo o mundo que intentan poñer todos os medios para que estes dereitos sexan realidade para todos os humanos e conseguir que se fagan realmente universais.
As bibliotecas escolares queremos poñer o noso gran de area neste empeño, en recordo, por exemplo, daqueles que nunca na súa vida poderán ter acceso á educación.
Así podemos ver o cartel que nos envían dende o CEIP de Pazos, no que todas as cores forman parte da mesma man. Ou estoutro do IES Río Cabe, que nos deixa ver a desigualdade entre dous mundos que habitan o mesmo planeta.
Desde o CEIP San Martiño-Salcedo mándannos un enlace para saber algo máis sobre os Dereitos Humanos cun sinxelo xogo, da Cruz Vermella.

30.11.09

BIBLIOTECA, ESPAZO DE ENCONTRO
A biblioteca do Insti ten moitos usos, e máis que debera ter. Un dos máis importantes é o de servir de espazo común para todos os que forman parte da comunidade educativa do centro. Por iso gustounos tanto que hoxe se celebrara aquí a primeira reunión do Grupo de Encontro e Debate.
Falar, dialogar... é a única forma posible de entendernos entre nós e chegar a sacar de cada un o mellor que poida dar. Longa vida ao Grupo de Encontro!
E esperemos que haxa cada vez máis encontros de todo tipo: de pais, nais, profes, alumnos, alumnas, lectores, non lectores, cinéfilos, non cinéfilos... e o que se vos ocorra. A biblio terá sempre as portas abertas.

Grupo de encontro on PhotoPeach

29.11.09

As Bibliotecas Escolares en "La Voz de Galicia"
Hoxe vén de publicarse unha plana enteira en "La Voz de Galicia" falando sobre a animación á lectura que se fai en moitas bibliotecas escolares de Galicia. Está moi ben que fóra das paredes do centro se saiba o que se fai, que se fale dos clubs de lectura, da Hora de Ler, das mochilas viaxeiras, e que se saiba que desde aquí 'exportamos' estas iniciativas ao resto do España. Se queredes ver as noticias orixinais picade nos enlaces.

24.11.09

DIA INTERNACIONAL
CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
DI NON Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES!
“Unha de cada tres mulleres e nenas pode sufrir abusos no transcurso da súa vida.” Contamos contigo para contribuír no cambio. Pasa á acción.
NON – ÚNETE para Por Fin á Violencia contra as Mulleres. Pica na foto para ver o vídeo da campaña.
(Nicole Kidman, Embaixadora da Boa Vontade de UNIFEM)
Se queres participar na campaña vai a esta páxina

No concurso - es + cine para ser a voz dos que calan, rapaces de ESO e Bacharelato de diferentes centros de España, redactaron guións para unhas curtametraxes que logo profesionais do cine como Chus Gutiérrez, Ángeles González Sinde, Daniel Guzmán, Malena Alterio, Emma Suárez, Eduard Fernández o Víctor Elías, levaron á pantalla. O resultado e os premios foron os seguintes.

23.11.09

25 DE NOVEMBRO DÍA INTERNACIONAL
DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA
CONTRA A MULLER

No ano 2000 a Asemblea Xeral da ONU aproba unha resolución que establece o día 25 novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O 25 de novembro de 1960 foi a data na que as tres irmás Mirabal foron violentamente asasinadas na República Dominicana polo seu activismo político. Convertéronse en símbolo da loita pola erradicación da violencia contra as mulleres, primeiro en América Latina e dende o ano 2000 en todo o mundo. Se picas no selo poderás atopar máis información sobre elas.
A fixación desta data significa o recoñecemento mundial dunha inxustiza: a violencia de xénero.
Moitos cantantes e artistas falan nas letras das súas cancións deste problema. Aquí tes algunhas. Se coñecedes algunha máis podedes incluílas nos comentarios.