19.6.11

ENTREGA DE PREMIOS
Estes días non paramos de facer actos na nosa biblioteca. Desta volta a propia biblio, o Dep. de Galego e o de Dinamización veñen de entregar os premios do Certame Literario do Día das Letras Galegas.
Para comenzar houbo un recitado de poesía a cargo dos de 1º. Antía, Carlota, Lara e Laura, de 1ºA leron "Letanía de Galicia" de Uxío Novoneyra. Sara e Laura, de 1ºB, leron "Os ratos" de Celso Emilio Ferreiro.
Logo os diferentes autores premiados leron as súas creacións: os poemas gañadores, de María Canosa e Raquel Lema, ou algún anaco do texto narrativo premiado, de Rui Santalla e Carlota Campaña. Aquí vos deixamos un vídeo con imaxes do acto.

16.6.11

ROSA ANEIROS E OS CLUBS DE LECTURA
a nosa benquerida Rosa Aneiros, que nos veu visitar o curso pasado ven de inauguar, no mes de abril, a Feira do Libro de Ferrol, e alí adicoulle aos clubs de lectura unhas palabras ben fermosas que non podo deixar de transcribir aquí.
Grazas, Rosa.

"Escoitaron vostedes falar algunha vez dos Morcegos de Canido? Dos pantasmas de papel de Neda? Do Sansaliber de San Sadurniño? Do Segrel de Neda? Dos siareiros de Sofía ou de Saturnino Hermida? Saben vostedes de que lles falo? Fálolles da gran revolución silenciosa que está a sacudir dende hai uns anos as bibliotecas públicas de Galicia, tanto as dos centros de ensino como aquelas municipais.
Falo dos clubs de lectura. Quen se interesa polos libros, dirán? Se á xente nova non lles gusta ler, pertencen á xeración nin-nin que nin estudan nin traballan nin unha cousa nin todo o contrario, esa xuventude tan formada e tan analfabeta para os libros... Trabúcanse. Nunca tanto se leu coma hoxe en día. Nunca houbo adolescentes con tanto acceso nin tanta implicación coa lectura. Actualmente están funcionando douscentos clubs de lectura en centros de secundaria en Galicia.
Estes clubs acollen tanto a alumnado como a pais e nais que participan do coloquio, que comparten a extraordinaria experiencia lectora. Ademais destes douscentos centros están aqueles vinculados a bibliotecas municipais, tamén as que nacen ao abeiro dos centros de primaria. Só nos institutos hai en Galicia máis de cinco mil persoas que semana a semana partillan libros. Cinco mil. Pais, nais, alumnado que se enredan, que aman e odian, que medran, que coñecen a partir das páxinas dos libros. Non se conforman. Sempre queren máis. É por iso que non lles abonda con clubs, pequenos encontros nos centros públicos, nas aulas. Non, queren máis. Todos os clubs reúnense fóra de horario lectivo, nos recreos, nas pausas do xantar, polas tardes... cando poden. Renuncian ao seu lecer privado por falar de libros. De libros! Pero xa non abonda cos libros en xeral, hai clubs de lectura de manga, de novela realista, de misterio, de ciencia ficción, de poesía...
Xa non abonda coas reunións presenciais, teñen blogs nos que van avanzando os progresos nas lecturas, póñenlles música, vídeos, falan de arte, organizan excursións a escenarios literarios. Tampouco abonda xa coa experiencia dos compañeiros e compañeiras de aulas. Deciden reunirse na rúa, nos parques, nas bibliotecas, con membros doutros clubs e partillar escenas, personaxes, cancións, tramas, finais felices ou tristes, citas literarias".

13.6.11

VERÁN DE LIBRO
Xa tedes publicada a nosa guía de suxestións para este verán. Para saber algo máis sobre cada libro podedes picar nel, na guía que tedes aquí debaixo.
Xa sabedes que aparecen na guía unhas cantas ideas que pode que vos gusten, para pasar un ratiño lendo, pero recordade que nos andeis temos moitos máis libros esperando por vós.
Coma sempre, podedes levar ata 5 libros por persoa, e non esquezades que non é mala idea intercambialos entre vosoutros.
Vén axiña, antes de que collan o que ti querías!

9.6.11

ENTREGA DE TROFEOS
Hoxe se entregaron na biblio os trofeos do Torneo San Xurxo, que xa é todo un clásico do deporte no centro. Houbo trofeos para equipos e para os pichichis de cada categoría.
Para que a festa fora algo máis 'marchosa' cumprimos hoxe a promesa que tiñamos feita hai un tempo, de ter na sala unha sesión de "Beat Box". Os amigos Pablo e Jaime fixeron toda unha exhibición. Podedes vela aquí debaixo e no Canal Vilán.

7.6.11

UN INSTI CON SABER E SABOR!
Hai pouco tempo un grupo de alumnos de Atención Educativa de 2º tivemos a oportunidade de coñecer o segredo da pizza de mans de Óscar. o mestre pizzaiolo, que nos explicou como facer a masa e o uso da Mozzarela.

Óscar comenzou a charla e nós estabamos ao outro lado da barra coas libretas abertas, era o día das libretas na barra! Mentres ía facendo a pizza explicábanos o segredo, que efectivamente está na masa, porque debe ter cantidades exactas de ingredientes. E mentres, contábanos a historia da Pizza Margarita, na honra da raíña de Saboya do mesmo nome.

Logo de comer (devorar) a pizza feita polo mestre chegou o momento de facer as nosas probas: Maryeli fixo unha de mozzarela e xamón, Abraham dúas moi boas e unha malísima de alcaparras e Ariel rematou cunha de mozzarela, tomate e gambas. Espero que volvamos outro día, que temos que seguir praticando...