13.3.07

ÉCHE O QUE HAI!!

Xa sabemos que esta frase é unha das máis repetidas polos alumnos do Insti cando os profes desesperamos de conseguir que algún/nha se interese polo que tentamos explicar. Pero non é só iso. É, tamén, o nome do grupo de teatro que vén dirixindo Silvia (santa paciencia) dende hai xa varios anos.
Estes días tivéchedes a oportunidade de asistir ás representacións das obras de Xosé Cedena "O parque de Mª Risa" e "Un palillo 'pao' dente" e, polas risas do público, parece que o fixeron bastante ben.
Esas risas e eses aplausos compensan das horas adicadas aos ensaios, das comidas de bocata dos venres e do estudo dos papeis. Non está de máis que recordemos que o que alí vemos en media hora escasa é o traballo de varios meses.
Un aplauso para as novas "adquisicións" deste curso e un cariño moi grande para as que este ano rematan a súa andaina no centro e en "Éche o que hai".
... Ah, sí!! Se queredes ver algunhas fotos picade na foto.

2.3.07

BOLETÍN VILAN

Xa está 'circulando' o novo número do boletín da biblioteca, Vilán. Coma sempre, podedes atopar noticias e curiosidades que teñen que ver coa nosa/vosa biblioteca e coas actividades que teñen lugar no Instituto.
Neste número, ademais, tedes os poemas gañadores do concurso "Palabra Namorada" e as fotos das súas autoras no momento en que nos facían un recitado das súas creacións durante o acto de entrega de premios.
En calquera caso recordade que esta información tamén a podedes atopar neste blog no apartado de "Recanto Literario".
Por falla de espazo no boletín non poidemos avisar de que xa está próximo o "Sabías que...?, así que xa sabedes, sobre todo os veteranos, ide pensando que equipos ides facer, e andade con ollo, que os de 1º veñen pisando forte!

28.2.07

Ler é un regalo
Estamos a participar na campaña de lectura promovida polo equipo de Bibliotecas Escolares da Conselería de Educación. Durante un tempo, os que recollen un libro (Hora de ler) da biblioteca veranse sorprendidos cun agasallo en forma de bolsa e dun diario persoal sobre viaxes, onde podedes anotar ideas, debuxar mapas, pegar recortes de revistas, nomes de lugares que visitaredes dentro duns anos, libros de viaxes que vos gustaron (e que vos deixaron con gañas de visitar aquel lugar fabuloso), folletos turísticos e todo canto se vos ocorra. Unha pequena axuda para futuros exploradores do mundo.
Nesa especie de diario vai tamén incluído un pequeno xogo de investigación, pois ten "reservadas" algunha páxinas con anacos de textos para que investiguedes e descubrades títulos e autores. Para os que non teñan sombreiro de cadros, pipa e lupa, ou algún amigo chamado Watson, hai algunhas pistas no final do libro.
Tamén hai un 'pin' de regalo para quen me diga a quen me estou a referir cando falo da pipa, da lupa e do seu amigo Watson!

26.2.07

GRAN BATALLA NA BIBLIO

Comezou xa o I Torneo de Xadrez "Escaques". Os participantes enfrontaranse en varias rondas, seguindo o denominado "sistema Suízo", que emparella aos contrincantes segundo a puntuación que van obtendo ao longo das diferentes partidas.
Xa vedes que a concentración é máxima. Incluso, se vos fixades ben, veredes uns fíos de fume saíndo polas orellas dalgún.
De momento temos máis homes que mulleres, pero as féminas xa ameazan con que o ano próximo pensan dar moita batalla. Se queres ver maís, pica aquí.

16.2.07

¡¡FUGA DE CONTOS NA BIBLIOTECA!!

Según fontes oficiais ben informadas, na mañá do día 16 de febreiro, na biblioteca IES Pedra da Aguia, produciuse unha fuga masiva de personaxes de contos populares. Parece ser que despois da fuga, os personaxes tomaron ao asalto os corredores do centro, así como a sala de usos múltiples, onde tiveron a cara dura de celebrar un desfile, con teatro e bailes incluídos. Non contentos con iso, e para repoñer forzas, atacaron sen piedade canto pastel, filloa ou orella atoparon no seu camiño, ben acompañados por un saboroso chocolate procedente da cafetería do centro. Unha vez ben fartucos, voltaron á sala de usos múltiples para poñerse a bailar coma tolos ata que decidiron abandonar o recinto, a iso das dúas da tarde.

O bibliotecario, desolado ante os feitos mencionados, anda a procura dun tal Shrek, que parece que controla bastante do tema, para ver se el é quen de devolvelos aos seus respectivos libros. Asegura que conta con probas que demostran que todo o que di é certo, e que quen queira ver algunha non ten mais que picar aquí.