11.11.08

TEMPO DE OUTONO
Hoxe é o día de San Martiño. Esta é unha das festas que figuran na pequena exposición sobre o outono que temos no vestíbulo do instituto. Para completala aí vai un refrán: "Polo San Martiño, peóns ao camiño" que ten relación co xogo dos trompos, buxainas ou peóns, xa que este é o tempo de sacalos a bailar. Pica nas frechas para pasar as follas da exposición. Se queres ler pica enriba para aumentar o tamaño.

3.11.08

Inauguramos unha nova sección no blog da biblioteca que, esperemos, pódelle vir moi ben a mais dun e dunha cando teñan que elaborar un traballo e/ou buscar información. Trátase dunha selección de páxinas web organizada do mesmo xeito que están organizados os fondos da biblioteca: pola CDU, sinalizada por números e cores. O enlace está na columna da dereita deste blog.
Atoparedes un primiro enlace igual que os carteis que tedes colgados na biblio, para axudar a localizar a información que precisedes. Logo, picando en cada apartado, iredes a unha selección de páxinas que pensamos que vos poden axudar.
Lamentamos comunicar que aínda non atopamos a páxina máxica na que aparezan os traballos xa feitos (chámanse 'traballos' por algo) e o 'rincón del vago' xa está mais visto que os capítulos do "Internado", ou sexa, que non cola.
Esperemos que con esta axuda os traballos sexan un pouco mais doados de facer.


31.10.08

A FESTA DO SAMAÍN
Aínda que este ano non fixemos o concurso de cabazas, debido á pouca participación que houbo no curso anterior, esperamos que o próximo ano esteades máis animados e poidamos facelo. De todos xeitos non queremos que pase desapercibida esta festa, se picades aquí encontraredes unha páxina con información. E se ides a Pedras do Vilán aínda atoparedes máis sorpresas.
Ah! Sabemos que un alumno de 1º non se puido resistir e fixo a súa cabaza que colocou na clase.


30.10.08


BUSCANDO UNHA PELI

Un dos lugares máis frecuentados este curso está sendo a torre dos dvds con películas. Desde hai quince días unha marea de alumnado de 1º está usando os seus carnés recén estreados, para lucir un dvd recén recollido.
Para animar ós de 2º pillamos aquí a este par de mozos en plena fase de selección.
Quisera animar a todos para que fagan o mesmo, xa que o cine aprende moitas cousas, entre elas a ler as imaxes gráficas en sucesión.A particular homenaxe ó alumnado de 1º vai nas Pedras do Vilán.

29.10.08

BIBLIOTECA E FAMILIAS
Onte pola tarde, aproveitando as reunións de titoría de 1º e 2º, mantivemos un encontro coas familias do alumnado novo, de 1º da ESO, na biblioteca. Nesta xuntanza entregámoslles unha carpetiña con información sobre a biblioteca e sobre o centro, así como unha carta na que se lles informaba das actividades previstas para realizar en conxunto e ás que voluntariamente se podían apuntar: Clubs de Lectura Arao, Lendo a Pares, Cine para Falar e Mochilas Viaxeiras. Tamén lles recordamos que a Biblioteca está aberta a toda a comunidade educativa, e que poden vir a visitarnos os xoves pola tarde; estaremos encantados de recibilos.
Podedes ver o material entregado picando aquí, ou na nova sección Biblio e Familias, que atoparedes na barra lateral do blog.
Esperemos que estas iniciativas teñan boa acollida e este curso sexamos aínda máis a participar nestas actividades conxuntas.