10.4.10

MUNDOS IMPOSIBLES
Podemos disfrutar estes días no centro da exposición "Mundos Imposibles". A parte principal da exposición está centrada no debuxante M.C. Escher, (cedida pola Asociación Galega de Profesores de Matemáticas, Agapema ), aínda que contamos tamén con outros mundos imposibles que merece a pena ver con certa calma. A exposición ocupa bastante espazo e, ademais, ten actividades para manipular, polo que a biblio se nos quedaba pequena e tivemos que trasladala á sala de usos múltiples.
Os/As profesores/as de Matemáticas e Plástica levarán aos seus alumnos a visitala, seguindo un horario preestablecido, pero todos estamos invitados a pasar por alí, ben nas horas que quedan dispoñibles ou ben durante os recreos, nos que permanecerá aberta.
Para ir facendo boca, aquí vos deixo unha pequena montaxe con algunha das obras máis representativas de Escher. Mirádeas con atención, porque ademais de gran debuxante , a Escher encantáballe xogar cos planos e facer xogos de perspectiva, creando os seus "mundos imposibles".

7.4.10

A GOLPE DE PLUMA

Así andiveron esta mañán no IES, a golpe de pluma de badminton. Tivemos ocasión de ter entre nós a xente de moi alto nivel, do CAR da Estrada. Todo un luxo que esperemos se poida repetir noutras ocasións. Para saber algo máis... xa sabes: Pedras do Vilán .

3.4.10

NATURE BY NUMBERS
Para ir facendo boca, á espera da exposición que teremos en breve, na que se funden arte e matemáticas, colgo aquí este vídeo (vía Trafegando Ronseis) que mostra como a natureza se rixe polas mates, ou como as mates explican a natureza, que non sei se vai o ovo antes que a galiña ou ao revés. Así gústanme as mates incluso a min, que nunca tiven a sorte de que algún profe me achegase a ese mundo con pracer e sen temor.

26.3.10

TODOS ENCAIXAMOS
Esta mañá parecía que todo "encaixaba" no insti. O ambiente do Palillart foi fenomenal. Hai que recoñecerlle a Javier a boa idea que tivo. E hai que agradecer aos participantes (incluídos 2 alumnos na exposición de materiais) a boa "labor" feita.
Algúns quedámonos con ganas de saber máis. Hai que organizar, para o próximo curso, unha sección na que poidamos aprender algo os que non temos idea. Que boa ocasión para intercambiar papeis! Eu, de momento, xa teño adxudicada unha mestra que me ensine os segredos do palillo; polo de pronto hoxe entereime do que era o medio par e o par enteiro. Espero que a miña profa non me suspenda!

Palillart 1 on PhotoPeach

24.3.10

GUÍA DE LECTURA
Xa tedes a disposición na biblioteca a nova guía de lecturas, correspondente a este trimestre. Coma sempre, son unhas suxestións, que pensamos que vos poden gustar, pero non hai por que limitarse a estes títulos, xa sabedes que tedes a disposición todo o catálogo da biblio.
Seguro que nestes días de descanso haberá tempo para todo. Recordade que a facemos pensando en toda a familia, (tamén queda por aí algún exemplar do boletín Vilán) que seguro que a máis dun adulto da casa lle apetece ler algo, e a biblio é de todos!
Boas vacacións e boas lecturas!