26.5.10

AMIGO XABIER
Tivemos hoxe a visita no Club de Lectura do escritor, e amigo, Xabier Docampo. Veu falar do libro "A casa da luz" e acabamos falando da vida, do mundo, de nós, do amor, da literatura...
Gran conversador, acabou regalándonos tres historias, tres misterios, á luz das velas, contadas como el sabe facelo, co seu gran saber dicir.
Podedes saber máis no blog do Club de Lectura Arao.

22.5.10

CORRE
LINGUA 2010
Temos xa as fotos do Correlingua deste ano, que por primeira vez no noso centro, asistimos ao de Santiago, que se celebrou o pasado 3 de maio. Por suposto que, mantendo a 'tradición' de moitas 'manis' na capital, houbo chuvia para remollar o día. Pero iso non impediu nin os sorrisos nin a defensa do noso idioma, que nesta época boa falla lle fai ao pobre!

18.5.10

MOITO TEATRO
Logo din que non lle botan teatro á cousa, pero o certo é que llo botan, e moito! Hoxe, no día das letras, puidemos ver a unha boa 'representación' do alumnado do Insti representando dúas obras. Uns bos teatreiros dos que deixamos constancia aquí, así como do bo labor de Rosario.
Podedes ver a primeira obra, con Judit, Miriam e Manuel aquí e tamén podedes ver a segunda aquí, con Clara, Laura, Lucía, Marina e, de novo, Manuel, un tal doutor Melquiades nunha consulta un tanto especial.
Noraboa tamén ás premiadas no Certame Intercentros: Clara en narrativa e Aurora en poesía.

13.5.10

Letras 2010 UXÍO NOVONEIRA (3)
Seguimos co poeta homenaxeado no Día das Letras. Premendo na imaxe tedes un enlace a unha páxina chea de recursos sobre o tema, webquests incluídas. Nós quixemos poñer tamén o noso gran de area, ou mellor, as nosas follas de carballo e castiñeiro: tedes estes días, na entrada do instituto, un par de "árbores" con follas impresas cos pequenos poemas e frases de Uxío. É froito dun traballo colaborativo entre a nosa biblio e a de Fene, en Ferrol. Aquí podedes ver a totalidade das follas impresas, que andan polos centros de media Galicia sinalando camiños ás exposicións sobre o o poeta.

11.5.10

UXÍO E O COUREL (2)
Diciamos onte que o poeta estaba moi apegado á súa terra, O Courel, no sureste da provincia de Lugo. É unha terra fermosa, de gran valor natural.
Desde a biblioteca do IES de Arzúa nos chega esta montaxe, realizada polo alumnado de Agraria (grazas, rapaces), que nos mostra a esplendorosa paisaxe e a flora do Courel. Unha axuda máis para entender mellor a poesía de Uxío Novoneyra.