11.3.11

VALE, VALE, XA ESTÁ
Logo da insistencia dalgunha xente, e a petición popular, tedes colgado en Pedras do Vilán a versión reducida do vídeo do Entroido.
Se queredes que vexamos a versión extendida (26 minutos) teremos que usar un recreo na biblio. Apuntádevos, e se hai xente abonda, facémolo un día da semana que entra. OK?
Parece que a chantaxe funciona e máis xente da habitual fixo un comentario nalgún dos blogs. Eso sempre anima. Graciñas e que cunda o exemplo.

4.3.11

ENTROIDO 2011
Xa está publicada en Pedras do Vilán a entrada do entroido desta mañán, incluídas unhas cantas fotos que podedes descargar. A colección completa de fotos estará, á volta destes días de descanso (descanso de estudo, quero decir) nos ordenatas da biblio para quen as queira copiar.
En breve teremos a disposición o vídeo co mellor do día. Atentos!

1.3.11

DE COBARDES, NADA!
... como quedou demostrado onte na sesión de "Cine para falar", na que nos xuntamos máis de trinta persoas, rapaces/as a adultos/as, para ver unha película e comentala entre todos.
A peli en cuestión foi "Cobardes", sobre o acoso escolar, e o tema deu para falar moito, e a verdade é que esta vez os rapaces e rapazas falaron máis e mellor e uns animaron a outros a participar (grazas, Bruno, grazas, Clara). Tivemos que deixalo aló polas sete e media, pero aínda quedaban cousas por falar e gañas de facelo. Os/as maiores seguiremos dándolle voltas ao tema na seguinte reunión.
Desde aquí a noraboa a todos os/as participantes, pola atención, pola intensidade, pola participación.

22.2.11

DEPORTE INTERCENTROS
Tivemos hoxe a visita de dous institutos da zona, 'Fernando Blanco' de Cee e 'Nosa Señora do Carme' de Fisterra, que viñeron a pasar a mañá compartindo xogos e espazos.
Pouco me preocupa quen gañou en cada deporte (aínda que me din que as nosas rapazas fixérono mellor que os rapaces) porque me parece que en realidade gañamos todos: bo ambiente e moitos sorrisos. A única 'guerra' da que teño constancia foi a que tivo lugar sobre os taboleiros de xadrez que había na biblio.
Aquí tedes algunha foto de mostra:

20.2.11

UN PLANETA PARA TODOS
Estamos tan afeitos a mirar o noso entorno como a algo do máis natural do mundo que esquecemos con moita facilidade que este planeta (o único que temos) alberga moitos tipos de seres humanos, algúns deles vivindo nas situacións máis extremas e perigosas.
Estas imaxes, preciosas, poden tamén axudarnos a recordar que o noso estilo de vida non é o único existente, que hai outras persoas, outros modos de vida diferentes e que tal vez converternos en consumidores compulsivos non é a única maneira posible de existir.