26.11.11

CAMARIÑAS DI NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

Onte, en Camariñas, organizado pola Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade, xuntámonos un grupo de xente para render unha homenaxe ás mulleres mortas este ano, vítimas da violencia de xénero. Unha vela por cada unha delas, e tamén por aquelas que sofren esta situación a diario e que non saen na prensa. Ou sabemos delas cando xa é demasiado tarde.
É hora de que todos paremos esta barbaridade, que parece impensable en pleno século XXI, nun país que se di civilizado. É hora de que aparezan os homes e os "machos" volvan ás cavernas, que é onde lles corresponde estar.
Unha vela, un recordo, unha dor, por cada unha delas.

23.11.11

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO
Deixamos aquí un vídeo, realizado polo Instituto asturiano da muller, sobre  a prevención da violencia de xénero. Unha curtametraxe de Ángeles Muñiz titulada “Propiedad Privada” na que se  aborda a violencia que poden sufrir as mulleres na súa vida cotiá e nas súas relacións afectivas.
Resulta interesante ver como a situación de violencia psicolóxica que se reflexa no vídeo sucede nun ambiente de boa posición social e económica e como, de cara ao exterior, a imaxe ofrecida polo home é toda sorrisos e amabilidade. A tolerancia dos outros, nai, amigas... non axuda a atopar unha saída. Debe esperar máis a protagonista para tomar unha decisión? Que farías se foras ela? Que farías se foras el?
Hai un interesante material didáctico para traballar sobre o tema neste enderezo.



19.11.11

VÍDEO DAS
BIBLIOS GALEGAS
Este vídeo proxectouse durante o Congreso de Bibliotecas Escolares en Tránsito, do que falamos na entrada anterior, como mostra do facer e do traballo realizado nas bibliotecas escolares galegas.
Unha preciosidade para sentirse orgullosos e un pouco envexosos (con envexa sá), sobre todo polos espazos que teñen algunhas delas. En calquera caso estou seguro de que a nosa seguirá mellorando curso a curso. Hai que saber valorala porque unha cousa teño clara: mellorando ela melloramos todos nós, profes, alumnos e familias. Disfrutade do vídeo:

15.11.11

BIBLIOTECAS
ESCOLARES
EN TRÁNSITO
Vén de celebrarse en Santiago o Congreso BIBLIOTECAS ESCOLARES en TRÁNSITO, organizado conxuntamentge polo Ministerio de Educación e a Consellería. Alí tivemos a oportunidade de escoitar a algúns dos máis afamados expertos e estudosos das bibliotecas e das súas funcións. Tivemos ocasión de xuntarnos con colegas de moitas das Comunidades Autónomas e ver as cousas que se están a facer por outros lugares, intercambiar experiencias, comentar, ver posibilidades, aprender novas formas de ler...
Coma sempre, a Asesoría de Bibliotecas fixo un traballo excelente (que temos que agradecer) e a calidade dos ponentes foi realmente moi alta.
Efectivamente, puidemos comprobar unha vez máis, que estamos nun momento de tránsito, de cambios profundos que nos afectan e, sobre todo, afectarán aos alumnos que temos hoxe nas aulas.

10.11.11

ARAOS TINTINEROS
Non podiamos desaproveitar a oportunidade, téndoa tan cerca, de ver a película de Tintín. Así que os Araos despregamos as ás (coa axuda dalgún papá Arao- grazas mil) e marchamos a Cee para poñernos guapos con esas gafas tan molonas que permiten ver en 3D. Hai que agradecer tamén á xerencia dos cines Xunqueira, que nos fixeron prezo especial por ser un Club de Lectura. Vantaxes de ser lectores!
Así pois, sentámonos comodamente nas butacas, acordámonos un momentiño dos que non puideron vir... e escomenzamos a nosa particular sesión de canibalismo: unhas aves (os Araos) coméndose outras aves (os flocos de millo). 
Agora só cómpre coñecer máis a fondo a Tintín e ler as súas aventuras na versión orixinal: os cómics. Se queredes ver cales son, e algún exemplo de viñetas podedes visitar esta páxina.