24.3.10

GUÍA DE LECTURA
Xa tedes a disposición na biblioteca a nova guía de lecturas, correspondente a este trimestre. Coma sempre, son unhas suxestións, que pensamos que vos poden gustar, pero non hai por que limitarse a estes títulos, xa sabedes que tedes a disposición todo o catálogo da biblio.
Seguro que nestes días de descanso haberá tempo para todo. Recordade que a facemos pensando en toda a familia, (tamén queda por aí algún exemplar do boletín Vilán) que seguro que a máis dun adulto da casa lle apetece ler algo, e a biblio é de todos!
Boas vacacións e boas lecturas!

22.3.10

AS COUSAS CLARAS
Teñen a ventaxa os escritores, cando son bós, como o da foto (Xabier P. Docampo ) de saber dicir as cousas clariñas. Andamos estes días co follón do futuro decreto sobre o galego, e resulta curioso ver como algunhas cousas aparecen publicadas en centos de lugares e outras, como esta carta clarificadora de Xabier, pasan case ás agachadas.
É unha cuestión de simple práctica democrática que todos teñamos a mellor información posible e non só a parte que lle interese a alguén. Grazas Xabier!

21.3.10

I CONCURSO DE ENCAIXE
O Departamento de Actividades organiza o I Concurso de Encaixe Palillart a celebrar este venres 26, e no que pode participar todo a alumnado do centro que o desexe. Haberá duas modalidades:
- Palillada
- Deseño sobre cuadrícula.
Todos os participantes terán o seu agasallo e, ademais, haberá varios premios en cada modalidade e dous premios especiais. Podedes ver as bases aquí e apuntarvos recollendo o talón de inscrición na secretaría. A palillar!!

19.3.10

AUMENTA O USO DAS BIBLIOTECAS
Aumenta o uso de visitantes das bibliotecas; e aumentan tamén os diferentes usos que se lles dan. Pero non pensedes que falo da nosa, que tamén. Falo en xeral, como se pode ver neste vídeo que nos chega vía Biblioafonso.
Chegará a nosa a ser así?? Que medo!!

18.3.10

SAÍDA DE 3º -PROXECTO TERRA
Así de presumidos, como o pavo da foto, iban os de 3º na súa saída a Ferrol, encadrada dentro do Proxecto Terra. Os do club de lectura tamén sabemos algo diso, porque non hai moito que limos o estupendo cómic de Miguelanxo Prado sobre o tema.
Podedes saber máis sobre esta saída, coma sempre, dando unha voltiña polas Pedras do Vilán.