17.10.10

ARAOS EN VOO

Xa estamos preparando o novo curso no Club de Lectura ARAO . Ultimamente algúns xa non me preguntan polos corredores que 'a ver cando empezamos', e iso non é bon sinal, porque indica que empezan a desesperar: pois non, home, non!
Xa estamos aquí, este xoves vémonos na biblio no recreo para ver cantos somos neste curso: os que permanecedes doutros anos e os novos que se queiran integrar no noso club.
Animamos a todos os 'leóns e leonas' a compartir lecturas e comentarios. Vémonos!!

30.9.10

BALARE-ANDO
Logo dun día estraño, o 29, (nun curso estraño como ben saben os da Anpa), retornamos á 'normalidade'. E que mellor forma que cunha xornada de convivencia, dándonos un soberano paseo ata a praia de Balarés. Un día de sol estupendo, tempo para falar cos amigos e cos profes (sen que che pidan os deberes) e unhas ondas estupendas para darse un chapuzón. Quen dá máis? Tres hurras por Javier Sesma, que nos leva por eses lugares tan fermosos: hip, hip...
Aquí vos deixo algunhas fotos; o lote completo no ordenata da biblio, vale?

21.9.10

XA ESTAMOS TOD@S
Logo da presentación para o novo alumnado, tocoulle o turno aos 'veteranos' de 2º a 4º, pasando polo PCPI. As listas por aula debían de estar bastante ben porque parece que non houbo moitas 'separacións' traumáticas.
Agora xa empezamos a ritmo normal, aínda que ao principio coste poñer o motor en marcha, pero en poucos días xa estaremos todos coas pezas ben engrasadas.
Que teñades un bo curso!

17.9.10

DÍA DE
PRESENTACIÓN
Unha das cousas que máis gusto daba hoxe era ver a biblioteca chea de nais e pais, moitos deles apuntándose ás diferentes actividades que se lles propuxeron durante a presentación anterior.
Preguntas, inquedanzas, interés... medos e preocupacións. Pois claro, normal! Benvidos sexan estos 'temores' que indican que non hai espazo para a indiferencia, o peor dos males. O resto xa se irá axeitando según o curso avance.
De novo, benvidos, e grazas por asistir!

16.9.10

INICIAMOS NOVO CURSO
Xa estamos en marcha de novo, un novo curso que comeza!
Dificultades aparte, estamos convencidos de que unha das mellores formas de empezar é, precisamente, dándolle a benvida aos novos alumnos e alumnas e ás súas familias, presentándolles o instituto e, como non, a biblioteca, que desde hoxe xa pasa a ser a vosa biblioteca, de pequenos e maiores.
Usádea moito, será unha boa compañeira de viaxe nestes anos!
A todos, aos recén chegados e aos 'veteranos'...BENVIDOS!!