6.5.11

O VÍDEO DOS ENCONTROS
Chéganos desde a Asesoría de Bibliotecas este vídeo que pode dar, de xeito moi condensado, unha imaxe do que son os Encontros das Bibliotecas Escolares Galegas. Paga a pena, penso eu, que todos podades botar un ollo e ver un pouco do que alí pasa: unha morea de 'tolos' convencidos de as Bibliotecas Escolares teñen unha función moi importante que cumprir. E iso que os que vedes somos 'só' os inscritos no Plan de Mellora; nas xornadas abertas a todas as biblios o número de xente duplícase!
Repito aquí, como dixen noutro post, que foi unha honra expoñer neste foro, a nosa experiencia de actividades en común coas familias do alumnado.

Vídeo resumen dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2010/2011, celebrados en Santiago de Compostela, os días 7 e 8 de abril de 2011. Asistiron responsables ou integrantes dos equipos de biblioteca dos 374 centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 10/11.

23.4.11

DÍA DO LIBRO
O NOSO DÍA
Hoxe celebramos, como cada ano, o Día do Libro. Tedes unha pequena explicación aquí sobre a orixe deste día.
Pero este ano apetéceme que celebremos tamén o noso día, que nos autofelicitemos a panda de 'tolos' (un saúdo aos do club Arao e demais aves voadoras) que disfrutamos cun libro nas mans, que sufrimos ás veces cando rematamos o que estabamos a ler ou nos quedamos perdidos se rematamos un e non temos outro que levarnos aos ollos.
En realidade ese debe ser o verdadeiro día do libro, digo eu, o que celebramos cada vez que abrimos as páxinas dese amigo que nunca nos deixa tirados. A que si!
Unha compañeira do IES de Melide fixo unha presentación estupenda da historia do libro. Disfrutádea:

14.4.11

CIENCIAS, MATES, TECNO...

Estes días tivemos a sala de usos múltiples, e algún dos espazos exteriores do insti, cheíños de cousas interesantes: azucre que se converte en carbón, contas feitas ao estilo dos exipcios, ou dous maias, móbiles que se autodirixen seguindo unha liña marcada, peixes que nos deixan ver aos seus 'inquilinos', o luminol para detectar o sangue... Vaia, que nin os do CSI! Hai que agradecerlles aos profes o esforzo da organización e a preparación das diferentes probas. A mellor recompensa é saber que funcionou estupendamente. E ollo, porque ademais pode ser que o que aquí se viu sirva para unhas cantas preguntas do noso concurso "Sabías que...?" Faltan as semifinais, das que sairán tres equipos, e logo... A Gran Final, unha proba contrarreloxo. Atentos!

10.4.11

ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

Este venres celebrouse en Santiago o Encontro das Bibliotecas Escolares de Galicia acollidas ao Plan de Mellora, do que xa sabedes que formamos parte. Este ano, ademais, tivemos a honra de expoñer o que aquí facemos en "Cine para falar" e no "Grupo de encontro e debate", que tivo moi boa acollida e polo que recibimos moitas felicitacións. Sempre é de agradecer que os demais valoren o que aquí se fai. Como cada ano, o nivel de organización (case catrocentas bibliotecas representadas) e de calidade dos ponentes foi excelente, aínda que as bibliotecas máis veteranas tivemos que conformarnos con asistir só o venres, e perdernos algunha exposición do máis interesante. Pero pagou a pena escoitar a Monica Baró e a Teresa Maña, dúas das maiores expertas en B. Escolares, e asistir ao peche das xornadas a cargo de Neira Vilas, o autor das "Memorias dun neno labrego" que tanto supuxeron para a literatura xuvenil en Galicia.

5.4.11

EMPEZAMOS

Xa temos en marcha o concurso deste ano de Sabías que...? Como novidade, este ano cambiamos o formato, e agora xogamos equipo contra equipo. Os gañadores pasan á seguinte fase, e irán enfrontándose entre eles, ata chegar á Gran Final. Na primeira fase tedes unha serie de preguntas cun máximo de 30 segundos para contestar. Na segunda fase cada equipo contará con 5 minutos para averiguar as respostas dunha serie de preguntas encadeadas, e no caso de que os dous atopen as solucións, o tempo empregado por cada un será o que decida quen é o vencedor. Emocionante, non si? Se non estás nun dos equipos, podes asistir como público na biblio durante os recreos. Sorte aos participantes!