8.12.07

O HIMNO GALEGO

Hoxe, día 20 de novembro, hai cen anos da estrea do himno galego no Gran Teatro Galego da Habana, interpretado pola banda municipal desta cidade, seis meses despois de morrer Pascual Veiga que compuxera a música para un poema de Eduardo Pondal titulado Os Pinos.

Este ano celébrase o seu centenario, por iso no Instituto estivemos cantándoo, e de vez en cando escoitámolo polos corredores. Se premes aquí poderás baixalo en mp3 e ler o texto do poema.
Podes ver o ben que cantamos:

2.12.07

Unha semana movida
Esta semana foi bastante movida no Instituto, xa que coincidiron dúas actividades consecutivas. Os de 1º e 2º foron a ver teatro a Santiago. Foron o día 29, xoves, debido a un cambio de datas da compañía de teatro. E o día 30 foron alumnos/as de todos os niveis á competición de campo a través que se organiza en Cee.
Podedes saber máis de todo isto visitando a sección "Outras actividades"

30.11.07

GUAAAUUUU
QUE DISCO!!
Xa temos nas nosas mans o CD-DVD da Operación Can, coas marabillosas voces do alumnado deste IES (e algúns ex, que non vos esquecemos). Disque están nominados para os Grammy galegos!!
A verdade é que soa moi ben, que estes (cando queren) saben facer as cousas. Dende a biblio unha forte noraboa a todos/as e, como non, a Almudena. E recordámosvos que podedes ver algunhas fotos e un pequeno vídeo da gravación do disco se picades aquí.

25.11.07

25 de novembro: día contra a VIOLENCIA DE XENERO!

Levamos días cunha conta atrás que moitos non soubestes adiviñar. Quizais porque todos e
todas vós sabedes que unha data, por desgraza, non significa o remate dunha peste, dunha lacra social. Que por riba dos nosos desexos está a crúa realidade.
25 de novembro.
Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerable nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia.
Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentable da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agrede sen motivo.
De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela.
25 de novembro.
Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia.
En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos.
Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado.
25 de novembro.
Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.

22.11.07

As letras están de loito

Abandonounos Fernando Fernán Gómez e as letras deste país quedan tristes. Marchou un dos grandes, dos máis grandes. Fixo ben practicamente todo aquelo no que se embarcou: escritor, autor e director de teatro, actor, director de cine...
Todos os compañeiros de profesión están de acordo en que foi o mestre de moitos, e o seu labor foi recoñecido con moitos premios, tanto literarios (ademais era membro da Real Academia) como teatrais e cinematográficos. Moito mérito tiña este home que se consideraba un simple 'cómico', que é como se denominaba antes aos actores.

Podes ver algunhas das súas películas na colección da nosa biblioteca. Se queres saber máis sobre el pica na foto e no seu nome.